domingo, 2 de setembro de 2012

O Seixo Branco e as furnas ensalitradas


"No abissal fundo dos océanos
lá, onde mora a noite,
estou,
e ancorei-me na fenda
aberta da terra
ao quentor da luz,
para as roseiras vermelhas do seixo".
José Alberte Corral Iglesias. Acarom da Brêtema

Unha das furnas da costa de Dexo e Serantes
Aló onde os embates do fero Atlántico golpexan sen tregua as profundidades do Golfo Ártabro, aló onde os cormoráns e os mascatos  sobrevoan os ventos sobre o Cabo Prior e a Punta Canabal, as entrañas da terra amósannos os segredos máis ocultos e espectaculares da nosa singular xeoloxía. Estas costas esgrevias foron moldeadas dende sempre polo vento e polo mar, debuxando praias e areais, escavando furnas e covas nestas impactantes ribeiras ateigadas d’herba de namorar. As furnas de Ollo Pequeno, Ollo Grande e A Regocha, son mostras ben representativas do incesante i eterno traballo do mar sobre dos cantís. Na superficie da rocha, estrañas formas semellan esculturas naturais que tiveron como creador ó incesante vento e ó salgado mar, ás marusías e ás treboadas. Foi precisamente esta intensa erosión costeira a que sacou á luz, no devalar dos séculos, o espectacular tesouro xeolóxico do Seixo Branco.

Os cantís de Punta Canabal, cubertos de herba de namorar
Achegámonos ata alí, na procura deste encrave único no chan galego situado entre as parroquias oleirenses de San Xián de Serantes e Santa María de Dexo, ó norte das terras coruñesas. Na Punta do Seixo Branco quedou ó descuberto unha xigantesca e alongada veta de pórfiro branco que serpea a través da escura rocha dos cantís. Semella procurar o mar coma unha fonte petrificada, namentres milleiros de percebes e mexillóns fican chantados nos pés deste encrave único. O mineral, que semella espido e relucente, non é seixo propiamente dito, senón outro tipo de cristal de rocha coñecido coma pórfiro. Os mariñeiros que conseguen remontar a illa da Marola e o petón do Marolete, observan dende o mar o relucente trazo branco que os despide deste golfo onde se mesturan as augas de tres fermosas rías.

Os lagarteiros ollan dende o alto a superficie dos cantís, na procura dos pequenos réptiles que saen a quecerse ó sol; mentres tanto, as gaivotas escuras e as pardelas entoan os seus berros agoirando treboadas. Os araos aínda aniñan nestes impracticables cantís, agochando os seus niños entre os toxos costeiros, entre os coveiros sombríos onde medra o pirixel de mar. O fento dos cantís é peiteado polos ventos, namentres as lagartas procuran o acubillo das profundas fendas. Baixo das rompentes, as nécoras e os ourizos de mar conviven cos polbos e as centolas, a carón das robalizas que procuran alimento nos fértiles fondos mariños. Este privilexiado ecosistema foi declarado Monumento Natural e Lugar de Importancia Comunitaria. Ademais, está recoñecido como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, e foi integrado na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.


Abandonamos o Seixo Branco, non sen antes detérmonos a carón do Faro de Mera, que se ergue a máis de oitenta metros sobre do extremo norte da Ría da Coruña. Ó outro lado da enseada, o faro máis vello do mundo, a Torre de Hércules, segue a alumear coa súa intermitente muxena o horizonte que se albisca dende estes feros cantís do Ártabro máis descoñecido. Estes dous fachos semellan fundirse nunha aperta de luces na ría, vixiando os límites dos vellos e perigosos mares da Crunia. Ó lonxe, uns arroaces brincan sobre as augas, namentres un barco volta ó fogar asediado polas gaivotas. Coma aínda contan moitos vellos que coñecen esta perigosa costa, “quen pasou a Marola, pasou a mar toda”. Que sigan a emerxer das furnas os saloucos salgados do mar.

A Samuel Fdez. Cabado,
que me descubriu este mar ártabro
e estas furnas milenarias.

Ningún comentario: