xoves, 23 de agosto de 2012

As aves que peteiran na Marisma de Baldaio


"O monte. O mar... ¿Qué brisa me ergue 
soños de luces, praias preguizosas
nos ventanais azuis, nas enseadas,
en illas de durmidos hourizontes?

Flores mariñas. Peixes. Verdes algas.
Fermosísima flora diminuta.
Pinos rexos e antegos aciñales.
A vexetal marisma do meu mundo".
Pura Vázquez, Man que escribiu no mar

As aves da brava costa bergantiñá, aló onde o vento axita de cotío as feras e salgadas augas do Atlántico, retoman o voo para ollaren dende o alto os seus finos areais e os seus rochosos cantís, namentres os ventos mareiros achegan a brisa e o salitre. Achegámonos ata un fermoso encrave da costa coruñesa, situado nas plácidas chairas que se estenden dende as faldras dos montes do Concello deCarballo ata as ribeiras mesmas do mar. Estamos a falar das sempre húmidas marismas de Baldaio, fogar e verxel das aves de paso. Entre a coñecida Praia de Razo, paraíso de surfeiros, e a Pedra do Sal, as forzas do mar e do vento foron moldeando unha longa liña de dunas ou tómbolo areoso que as raigames de innumerables herbas e plantas silvestres contribuíron a conformar e sustentar. Entre elas, atopamos algunhas moi ameazadas coma o Omphalodes littoralis gallaecica, que somentes sobrevive nestes recodos virxes da costa coruñesa. Son esas especies endémicas que tanto valor teñen para o noso legado natural e das que tan pouco sabemos.

 Esta costa atlántica fica sucada polo voo das sempre presentes aves mariñas. Os berros das gaivotas non deixa de resoar nunca, namentres os mascatos e os corvos mariños, pousan nas rochas afastadas desta costa esgazada polo mar e polo tempo. Os albatros apenas se albiscan no horizonte, e os araos poucas veces abandonan a seguridade que lles proporcionan os cantís. Baixo das augas salgadas, os robalos e os arroaces xogan coas correntes e as mareas, nos solpores e amenceres dun mar ateigado de naufraxios.  Alén dos areais, a marusía asolaga a húmida chaira, e abafa ó seu paso as plácidas xunqueiras que arrodean a Lagoa de Baldaio. Trátase dunha zona afundida por longos e complexos procesos terrestres, que foi somerxida polo mar e gorecida pola acción do vento e da area. Ó tratarse tamén dunha pequena conca onde desembocan multitude de rebuldeiros regatos, a marisma de Baldaio constitúe un delicado e rico ecosistema. Neste verxel entre as salgadas augas do mar e as doces augas da marisma, atopan o seu refuxio multitude de aves limícolas que peteiran a rentes das augas na procura de infinidade de moluscos e insectos que constitúen boa parte dos seus hábitos alimenticios. As marismas son o fogar de especies como o Pilro común, a Becacina ou os biluricos. Os máis habituais son os mazaricos, que peneiran centímetro a centímetro as finas areas da praia e a escorregadiza lameira da marisma e da lagoa. A pesares da súa aparente fraxilidade, algunhas destas especies limícolas realizan longas viaxes migratorias dende terras afastadas. Nembargantes, os viaxeiros máis célebres de Baldaio son as anátidas, é dicir, os parrulos que tanto descansan na vella lagoa. O Alavanco Real, de relucentes e chamativas cores, ten en Baldaio unha parada xeracional. O Parrulo asubión, a Cerceta Real ou a belida Garza, son outros dos máis célebres hóspedes desta estación de aves de paso. Foi este o motivo polo que foi declarada Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario. Grazas a esta protección, e a pesares dos danos ocorridos nas últimas décadas, Baldaio segue a ser un verxel onde repousan estes ousados e experimentados viaxeiros, que percorren os continentes dende o Ártico ata as exóticas terras austrais. Hai quen mesmo di que o escaso Picapeixes, ou Martiño Peixeiro, aínda se deixa ver por estas húmidas terras, perturbando a plácida superficie das augas da lagoa.


Mais non son as aves as únicas habitantes das marismas; os solitarios raposos e os noctámbulos teixugos, esquíos, xenetas e donicelas, percorren e habitan as ribeiras de Baldaio. Baixo das augas, as londras brincan e mergúllanse entre as raigames que cercan a lagoa. Entre as xunqueiras, os rebuldeiros e coloridos cabaliños do demo, as bolboretas e outros moitos insectos, conforman unha parte fundamental deste ecosistema. Baixo os nosos pés, os anfibios como as rás de Santo Antón e as píntegas, procuran a auga doce e os pequenos insectos que tanto abondan neste verxel. Multitude de réptiles como a víbora de Seoane e infinidade de lagartas, buscan as raiolas do sol dos estíos.

Coa nosa partida, unha bandada de aves retomaron o seu itinerante voo, erguendo as súas maxestosas ás ó vento, e agoirando novos destinos. Quen sabe se moitas delas se deterán aínda nas esgrevias Sisargas, denantes de emprenderen o camiño cara mares descoñecidos.

1 comentario:

navegacruz dixo...

En Baldaio teño pasado días de verán na infancia, cando buscaba incesantemente conchiñas e caracolas na beira do mar...
Unha aperta desde Compostela!