"O monte. O mar... ¿Qué brisa me ergue
soños de luces, praias preguizosas
nos ventanais azuis, nas enseadas,
en illas de durmidos hourizontes?
Flores mariñas. Peixes. Verdes algas.
Fermosísima flora diminuta.
Pinos rexos e antegos aciñales.
A vexetal marisma do meu mundo".
Pura Vázquez, Man que escribiu no mar
As aves da
brava costa bergantiñá, aló onde o vento axita de cotío as feras e salgadas
augas do Atlántico, retoman o voo para ollaren dende o alto os seus finos
areais e os seus rochosos cantís, namentres os ventos mareiros achegan a brisa
e o salitre. Achegámonos ata un fermoso encrave da costa coruñesa, situado nas
plácidas chairas que se estenden dende as faldras dos montes do Concello deCarballo ata as ribeiras mesmas do mar. Estamos a falar das sempre húmidas marismas
de Baldaio, fogar e verxel das aves de paso. Entre a coñecida Praia de Razo,
paraíso de surfeiros, e a Pedra do Sal, as forzas do mar e do vento foron
moldeando unha longa liña de dunas ou tómbolo areoso que as raigames de
innumerables herbas e plantas silvestres contribuíron a conformar e sustentar. Entre
elas, atopamos algunhas moi ameazadas coma o Omphalodes littoralis gallaecica, que
somentes sobrevive nestes recodos virxes da costa coruñesa. Son esas especies
endémicas que tanto valor teñen para o noso legado natural e das que tan pouco
sabemos.
Esta costa
atlántica fica sucada polo voo das sempre presentes aves mariñas. Os berros das
gaivotas non deixa de resoar nunca, namentres os mascatos e os corvos mariños,
pousan nas rochas afastadas desta costa esgazada polo mar e polo tempo. Os
albatros apenas se albiscan no horizonte, e os araos poucas veces abandonan a
seguridade que lles proporcionan os cantís. Baixo das augas salgadas, os
robalos e os arroaces xogan coas correntes e as mareas, nos solpores e
amenceres dun mar ateigado de naufraxios. Alén dos areais, a marusía asolaga a húmida chaira,
e abafa ó seu paso as plácidas xunqueiras que arrodean a Lagoa de Baldaio.
Trátase dunha zona afundida por longos e complexos procesos terrestres, que foi
somerxida polo mar e gorecida pola acción do vento e da area. Ó tratarse tamén dunha pequena conca onde desembocan multitude
de rebuldeiros regatos, a marisma de Baldaio constitúe un delicado e rico
ecosistema. Neste verxel entre as
salgadas augas do mar e as doces augas da marisma, atopan o seu refuxio
multitude de aves limícolas que peteiran a rentes das augas na procura de
infinidade de moluscos e insectos que constitúen boa parte dos seus hábitos
alimenticios. As marismas son o fogar de especies como o Pilro común, a
Becacina ou os biluricos. Os máis habituais son os mazaricos, que peneiran
centímetro a centímetro as finas areas da praia e a escorregadiza lameira da
marisma e da lagoa. A pesares da súa aparente fraxilidade, algunhas destas
especies limícolas realizan longas viaxes migratorias dende terras afastadas.
Nembargantes, os viaxeiros máis célebres de Baldaio son as anátidas, é dicir,
os parrulos que tanto descansan na vella lagoa. O Alavanco Real, de relucentes
e chamativas cores, ten en Baldaio unha parada xeracional. O Parrulo asubión, a
Cerceta Real ou a belida Garza, son outros dos máis célebres hóspedes desta
estación de aves de paso. Foi este o motivo polo que foi declarada Zona de
Especial Protección de Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario. Grazas a
esta protección, e a pesares dos danos ocorridos nas últimas décadas, Baldaio segue a ser un verxel onde repousan
estes ousados e experimentados viaxeiros, que percorren os continentes dende o
Ártico ata as exóticas terras austrais. Hai quen mesmo di que o escaso
Picapeixes, ou Martiño Peixeiro, aínda se deixa ver por estas húmidas terras,
perturbando a plácida superficie das augas da lagoa.
Mais non son
as aves as únicas habitantes das marismas; os solitarios raposos e os noctámbulos
teixugos, esquíos, xenetas e donicelas, percorren e habitan as ribeiras de
Baldaio. Baixo das augas, as londras brincan e mergúllanse entre as raigames
que cercan a lagoa. Entre as xunqueiras, os rebuldeiros e coloridos cabaliños
do demo, as bolboretas e outros moitos insectos, conforman unha parte
fundamental deste ecosistema. Baixo os nosos pés, os anfibios como as rás de
Santo Antón e as píntegas, procuran a auga doce e os pequenos insectos que
tanto abondan neste verxel. Multitude de réptiles como a víbora de Seoane e
infinidade de lagartas, buscan as raiolas do sol dos estíos.
Coa nosa
partida, unha bandada de aves retomaron o seu itinerante voo, erguendo as súas maxestosas
ás ó vento, e agoirando novos destinos. Quen sabe se moitas delas se deterán
aínda nas esgrevias Sisargas, denantes de emprenderen o camiño cara mares
descoñecidos.
1 comentario:
En Baldaio teño pasado días de verán na infancia, cando buscaba incesantemente conchiñas e caracolas na beira do mar...
Unha aperta desde Compostela!
Publicar un comentario