“Enriba d' aquel monte donde chora
Albos alxofres pol o roxo amante
Diana Cazadora
Cando a fay prisioneira o vello Atlante
Ó sentirse el arder coa luz da Aurora;
Mesmo alí ond' a vista s' enfeitiza
Entre Lira, Fisterra e a Lobeira,
Ollando a prata riza
Que mostra á Colombian fonda carreira
Onde vorcans o sol á tarde atiza”
Francisco María de la Iglesia, A Galicia
Vai facer case un ano e medio dende que tiveramos o privilexio de visitar e coñecer o hórreo ou cabaceira, como por estas terras se adoita chamar, máis senlleiro de Galicia; o de Santa Columba de Carnota. Daquela xa tiveramos oportunidade de falar da rivalidade que existiu antano entre o crego de Santa Columba e o de Santa María de Lira polo tamaño das súas cabaceiras. Logo de coñecer as características e a historia da cabaceira de Santa Columba, sentímonos na obriga de visitar e coñecer tamén a outra mítica e xigantesca cabaceira deste concello coruñés; a de Santa María de Lira. Desexabamos analizar máis polo miúdo as grandes similitudes e pequenas diferenzas que unen a estas dúas cabaceiras e, dende antano, enfrontaron a estas dúas parroquias. Carnota posúe os dous hórreos, con pés, máis longos do noso país, que xunto coas igrexas, pombais e casas retorais, conforman dous conxuntos etnográficos de grande valor histórico, arquitectónico e cultural. Viaxamos pois cara o hórreo con pés máis alongado do noso país. Achegámonos até a mesma igrexa parroquial de Santa María logo de camiñar polas rúas da vila e albiscar no horizonte do areal de Mar de Lira, “alí ond' a vista s' enfeitiza”, as Illas Lobeiras e a silueta do meu pobo natal.
A mañá presentábase húmida e sabiamos que podía chover en calquera momento, polo que tivemos que apresurarnos un pouco. Achamos o alongado hórreo de Lira detrás mesmo da igrexa de Santa María. Ficamos abraiados ante a lonxitude que acada estoutra xigantesca cabaceira carnotá. Achegámonos ata ela pra contar o número de pés que a manteñen en alto e ollar de preto as súas características. Esta cabaceira de Santa María de Lira, de estilo fisterrán, foi erixida entrámbolos anos 1779 e 1814, como diciamos, en competencia coa de Santa Columba. Esta de Lira é un pouco máis recente que a de Santa Columba, erixida esta última entrámbolos anos 1768 e 1783. Nembargantes, ámbalas dúas foron ampliadas posteriormente pola xa citada rivalidade que tiña en vilo ás dúas parroquias. Ámbalas dúas cabaceiras carnotás posúen, nos nosos días, o mesmo número de pés, 22 pares, nembargantes, a cabaceira de Lira é un par de metros máis longa; chagando a acadar os 36,5 metros fronte ós 34,7 de Santa Columba. Esta última, iso si, é un pouco máis ancha, chegando a acadar os 1,90 metros fronte ós 1,60 da de Lira. Estas cabaceiras son somentes superadas polos 37 metros de lonxitude do rianxeiro hórreo de Santa Baia do Araño, mais este último carece de pés, que é como se adoitaban medir estas construcións.
Esta cabaceira de Santa María de Lira foi erixida case que integramente a base de granito, posúe unha teitume a dúas augas cuberta con tella do país e a mesma tipoloxía que o de Santa Columba, nembargantes este de Lira fica sobre dunha plataforma de pedra que ten como fin salvar o desnivel do terreo onde se localiza. Segundo unhas inscricións achadas, crese que ámbalas dúas puideron ser obra de Gregorio Quintela. Por se fose pouco, ámbalas dúas contan tamén cun pombal ó seu carón de planta circular e teitume cónica cuberta de tella do país. Observamos que esta cabaceira de Lira semella peor conservada que a de Santa Columba, mais a min, persoalmente, pareceume moito máis sorprendente, aínda a pesares de non posuír nin a metade da sona que foi forxando nas últimas décadas a de Santa Columba. Cantas similitudes e que poucas diferenzas existen entre estas dúas cabaceiras carnotás. O que semella certo é aquela vella rivalidade entre parroquias fixo posible que este concello atesoure agora os máis senlleiros e alongados hórreos do noso país. A peor parte, a bo seguro, debeu ser para os veciños das enfrontadas parroquias, que non lles quedaría máis remedio que ateigar de gran aquelas xigantescas cabaceiras. Deixamos tras de nós estoutro importantísimo conxunto etnográfico de Carnota, a cabaceira con pés máis longa do país, convencidos de que algunhas veces, froito das loitas e contendas, da rivalidade e da competencia, pódense conseguir cousas impensables.
2 comentarios:
Semella un cempés de perpianho co bandullo cheo de mazarocas, máis o pombal.
Corentaecatro pés. Canta opulenza...
Certo que si, e unhas vistas indescritibles! Un saúdo Bricd, e grazas polo teu comentario
Publicar un comentario