luns, 17 de marzo de 2014

As afiadas antas de Abuíme


“Non se sabe a onde, pero lonxe
en apetencia de simas máis profundas,
márchanse sós os mortos. 
Lugar non hai a acompañalos. 
En soidade emprenden
cegos,
singradura sen volta,
desolada e longa travesía. 
[…]
Nesa viaxe ás escuras, sen ruídos,
quen lles dará pan e leite,
abeiro contra o frío.
Quen lles limpará das pálpebras
a xiada”.
Marcos Valcárcel, Cincuenta poemas

Hai somentes uns días, logo de coñecer o impresionante dolmen de Leira de Rapada,  o recente achado de Vilatán, decidimos aproveitar a nosa viaxe ó corazón do Concello do Saviñao para coñecer tamén o outro monumento megalítico de gran sona e renome que se perde por este concello lugués da Comarca de Lemos. Os nosos pasos diríxense agora cara o dolmen que, até fai escasamente un mes, era o único monumento megalítico coñecido e catalogado neste concello e por estas terras de arredor. O noso obxectivo serían uns afiados dentes de pedra que semellan emerxer da codia da terra; os derradeiros esteos do Dolmen de Abuíme. Saín de Escairón, a capital municipal do Concello de O Saviñao, acompañado polas miñas amigas Mónica e Anabela, logo de tomarmos uns cafés e uns grolos de augardente da terra. Collemos rumbo á parroquia de San Xoán de Abuíme, a escasos catro quilómetros de Escairón. 


Desta volta, non nos resultou complicado dar co dolmen procurado, o camiño ficaba ben sinalizado. Ó chegar ó núcleo do lugar de Abuíme, ollamos o derradeiro indicador do dolmen, que semellaba encamiñarnos por un vieiro de terra que se abría paso entre dúas casas do lugar. A xornada presentábase solleira e calorosa. Seguimos aquel vieiro paseniño e ó pouco xa albiscamos ó lonxe, baixo a sombra dun piñeiro, as afiadas moas de pedra do Dolmen de Abuíme.  Achegámonos até este monumento funerario dos nosos antepasados do Neolítico paseniño, ollándoo cada vez máis preto de nós; a cada paso máis impresionante. Detémonos ante estoutro dolmen do Saviñao, ante estoutra xoia megalítica onde debeu comezar a “singradura sen volta, desolada e longa travesía” dos mortos dos nosos antepasados máis remotos.


O Dolmen de Abuíme conserva unha cámara poligonal conformada por cinco esteos de, aproximadamente, dous metros de altura. Este dolmen somentes conserva cinco dos dez esteos que o deberon conformar inicialmente. A carón destes esteos, destas afiadas laxes, tamén se pode ollar outra peza granítica de moi inferiores proporcións que debeu formar parte dunha das laxes orixinarias, agora desaparecidas. A cuberta, a tampa ou laxe de cubrición foi saqueada a comezos do século XX, e pouco se sabe do seu paradoiro. Malia todo, a curiosidade por coñecer o paradoiro e o estado desta laxe de cubrición deu lugar á formulación de diversas teorías e suposicións entorno á súa localización. A primeira delas tería lugar aló polo 1930, cando o escritor e prehistoriador Florentino López Cuevillas se achegou até eiquí, acompañado de Antonio Fraguas, para visitar e tratar de aportar un pouco de lus a esta Anta de Abuíme. Ao parecer, López Cuevillas sostiña que a laxe de cubrición se localizaría nun fogar de Vilasante. 


Xa nos nosos tempos, máis concretamente no pasado ano 2012, o xornal La Voz de Galicia facíase eco do suposto achado da laxe de cubrición do Dolmen de Abuíme por parte dunha asociación de veciños do Saviñao. Ao parecer, a suposta tampa sería labrada e reconvertida en pía, i empregada como bebedoiro para o gando. A peza, duns dous metros de lonxitude e máis de tonelada e media de peso, foi achada por un veciño na parroquia de Vilasante, no mesmo lugar que sostiña López Cuevillas nos anos 30. Malia todo, non quedou claro que aquela pía de enormes dimensións achada en Vilasante fose en verdade parte da laxe de cubrición do dolmen de Abuíme. 


Pouco tempo despois, na primavera do pasado ano 2013, La Voz de Galicia, baixo o titular “Intentan precisar la autenticidad de la supuesta tapa del dolmen de Abuíme”, facíase eco desta volta, das declaracións do responsable da Área de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio na Provincia de Lugo, Gonzalo Meijide, entorno ó suposto achado da laxe de cubrición. Meijide comprometeuse a estudar a peza en profundidade pero adiantou que non será nada doado determinar tecnicamente se a mesma formou parte da laxe de cubrición deste dolmen. Deixando atrás todas estas teorías e suposicións, detémonos a ollar os poucos esteos que aínda resisten, que non foron quén de levar. 


Palpamos os liques e os musgos que cobren estas afiadas e graníticas laxes, acariñamos o traballo da erosión, a ruda textura suavizada polos ventos e polas chuvias. Este dolmen debeu ter nos seus mellores tempos unhas dimensións extraordinarias, debeu ser un xigantesco “abeiro contra o frío”, “nesa viaxe ás escuras, sen ruídos” dos mortos dos galegos primitivos. Deixamos tras de nós estoutro dolmen de gran sona, estes afiados dentes de pedra que emerxen da escura terra de Abuíme e se resisten a desaparecer, que testemuñan a viaxe “non se sabe a onde, pero lonxe” dos galegos máis primitivos. 

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Muy bueno. Estupendo el trabajo de campo, la narración, la fotografía...
Fue un placer acompañarte en este viaje Ivan, espero que sea el primero de muchos.

Mónica

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezada Mónica, foi un pracer tamén para min contar coa vosa inestimable compaña e axuda. Nunca esquecerei aquel "eléctrico momento" vivido en Escairón. Agora temos por diante centos e centos de vieiros por percorrer. Grazas por todo, e por ser como es. Un bico amiga!