martes, 4 de marzo de 2014

Os Castros de Neixón e os negocios de ultramar


“NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA, 
que dend-a Torre d'Hércules ao Miño
un Tacho acenderá por cada illa, 
cando ti volvas pol-o mare;
de toxo unha fogueira en cada monte, 
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coróa unha cachela, 
cando ti volvas pol-o mare”
Valentín Paz-Andrade, Pranto Matricial

Nesta nosa longa travesía na procura dos máis importantes achados arqueolóxicos que agocha tras de si a maxestosa Serra do Barbanza, que deramos comezo hai cousa dun mes coa visita á mámoa noiesa de Anta de Argalo e proseguiramos fai somentes uns días cos petróglifos do Monte da Gurita, decidín coller rumbo ó concello coruñés de Boiro, cara a Arousa Norte, para tratar de achegarme desta volta até un dos castros máis importantes e míticos do noso país. Logo de coñecer unha pequena pero importante mostra de arte rupestre, como a laxe da Gurita, e unha mámoa tan senlleira como a de Argalo, tocaba visitar un castro galego de gran sona e importancia que fica por estas terras do Barbanza. A terceira xoia milenaria que visitaremos por estas terras, a terceira parada nesta travesía, non é outra que un dos complexos arqueolóxicos máis míticos do noso país, unha península de 10 hectáreas onde se localizan os xacementos castrexos de Neixón. O complexo arqueolóxico de Punta Neixón está conformado por dous castros, o Castro Grande e o Castro Pequeno, mais tamén atesoura un interesantísimo museo no centro de interpretación onde se pode ollar unha gran cantidade de utensilios achados nas escavacións arqueolóxicas e que repasaremos máis adiante. 


Viaxei cara a afiada Península de Neixón, cara o Centro Arqueolóxico do Barbanza, con ganas de perderme noutro castro mariñeiro, con ganas de ollar o mar coma hai anos fixera no veciño asentamento de Baroña ou no de Fazouro, na mesmísima Mariña galega. Para chegar a Neixón, procurei a parroquia de San Vicenzo de Cespón, dende a que xa comecei a ver numerosos indicadores que me foron guiando sen perda até o xa citado Centro Arqueolóxico do Barbanza. Nada máis chegar a Neixón, decidín entrar no centro de interpretación onde fun recibido por un amable traballador que me sinalizou o acceso para ver os castros e que me informou do museo que podería visitar. Comecei por velos castros. Botei a camiñar baixo un sombrizo piñeiral e sobre un vieiro que semellaba comezar a descender cara o mar. O primeiro que puiden albiscar foi o impresionante parapeto que protexe as ruínas do Castro Grande de Neixón. Ó pouco, e namentres descendía polo camiño marcado, comecei a albiscar tamén os muros recuperados deste Castro Grande, no que somentes se conserva unha gran edificación circular e unha pequena mostra duns muros que fican ó seu carón. Ao redor destas edificacións esténdense unha serie de foxos defensivos de enormes proporcións. Estes sistemas defensivos, sexan foxos, parapetos ou murallas, non somentes servían para garantir maior protección, senón que tamén reflectían o poder daquelas primeiras comunidades de cara a posibles intrusos ou invasores. Decidín proseguir camiño abaixo até o Castro Pequeno de Neixón, o máis antigo e no que se conservan a meirande parte das edificacións do conxunto. 


Logo de atravesar outro sombrizo piñeiral, comecei a albiscar preto de min o parapeto do Castro Pequeno que é, loxicamente, de menores dimensións que o anterior. Somentes me restaban uns poucos metros para descubrir a maior concentración de vivendas castrexas que saíron á luz nesta Punta de Neixón. Entrei no Castro Pequeno ascendendo polo citado parapeto para achalo dende o alto. Baixo os meus ollos ficaban tres edificacións circulares e parte dos muros dalgunha outra. Ao seu redor somentes se albisca o azul do mar e, ao lonxe, as terras da contorna. O Castro Pequeno de Neixón, como diciamos anteriormente, é o máis antigo do conxunto, e estímase que debeu estar habitado dende finais da Idade do Bronce até a segunda Idade do Ferro, do século VIII até o IV denantes de Cristo, momento no que se pensa que puido ser abandonado para construír o Castro Grande de Neixón, que semella que estivo habitado dende o século IV denantes de Cristo até o século III ou IV despois de Cristo. A comezos do século pasado, cando grazas a unha serie de achados se detectou en Castro Pequeno unha ocupación humana na transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro, foron moitos os investigadores pertencentes a distintas institucións científicas que se achegaron até eiquí para realizaren os seus estudos, i en parte, para corroborar tamén a antigüidade do conxunto. 


O Castro pequeno de Neixón dá fe tamén do paso dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra construída por cabanas de planta circular e zócalos de pedra que exercían de base para erixiren muros de madeira e arxila e cubertas de palla. Logo de coñecer máis en profundidade algunhas das características do Castro Pequeno, decidín achegarme de novo ó Castro Grande para coñecer tamén algunhas das súas características, da súa historia. Os estudos máis recentes realizados no Castro Grande de Neixón distinguen tres etapas principais de ocupación. A primeira levaríase a cabo entre finais do século V até o século II denantes de Cristo. Nesta primeira etapa, e grazas á súa estratéxica situación, os habitantes de Neixón comezan a establecer contacto con circuítos comerciais púnicos e con outras zonas produtoras do mundo castrexo para intercambiaren os seus produtos por mercadorías procedentes doutros lugares. Os primeiros en estableceren un circuíto comercial no Mar Mediterráneo foron os fenicios (900 a 600 denantes de Cristo), nembargantes, despois do século I denantes de Cristo, o comercio marítimo acabaría sendo dominado por Roma. No Castro Pequeno achouse un anaco de vidro policromado fenicio que evidencia este intercambio comercial. 


Tanto fenicios, como posteriormente romanos, empregaban unhas embarcacións de vela que viaxaban polos castros costeiros e que transportaban salsa de atún, viño e aceite procedente de Hispania, vaixelas italianas, peixe seco, tecidos de Damasco, especias da India, cereais de Exipto e Túnez e até ouro e marfil africano. Polo que parece, nesta primeira etapa, o recinto principal do Castro Grande xa debeu ser un auténtico almacén de excedentes destinados ó comercio, tal e como semellan demostrar a gran cantidade de fosas e silos achados nas escavacións efectuadas no susodito recinto. A segunda etapa de ocupación, entre o século I denantes de Cristo ó século II despois de Cristo, correspóndese cun momento álxido no que comezan a aparecer produtos procedentes de circuítos comerciais romanos. A terceira etapa marca o progresivo declive destes castros, e desenrólase dende finais do século III até o IV ou V despois de Cristo, cando son definitivamente abandonados. Semella incrible que aqueles habitantes do Castro Grande tivesen tanto contacto, e mesmo comerciasen, con xentes alleas chegadas de terras tan afastadas. Amais de manter este intercambio, este comercio, os castrexos de Neixón tamén cultivaban cereais, coidaban o gando, pescaban, apañaban froitos na fraga e pequenos mariscos nas rochas das ribeiras. Adoitaban pescar empregando redes e anzois.


Os anzois fabricábanse en bronce e de menor ou maior grosor en función das capturas que procuraban. No que respecta ás redes, adoitaban empregar un tipo de malla de man para dar captura ós peixes na beiramar. Outra técnica empregada polos castrexos de Neixón era o esparavel, que consistía en lanzar unha rede, semellante a unha gran bolsa, que tiña como fin arrastrar e reter numerosos peixes. 

Neste castro acháronse tamén abondosos concheiros que testemuñan o tipo de dieta dos castrexos de Neixón. Os concheiros son depósitos ou acumulacións de restos de crustáceos e cunchas de marisco que consumían os castrexos. Neles tamén era común atopar osos, dentes, espiñas, etc. A meirande parte dos restos atopados nos cuncheiros de Neixón corresponden a berberechos, caramuxas, ameixas finas, navallas, ostras e lapas. No centro de interpretación aínda agardaban por min os máis valiosos elementos achados nestes castros. Dirixinme pois cara o museo para coñecer máis polo miúdo a gran cantidade de elementos, de auténticas fontes de información, que foron achadas nestes senlleiros castros. Alí fun recibido de novo por un dos encargados do Centro Arqueolóxico do Barbanza, que me ensinou os verdadeiros segredos que falan, que demostran, o xeito de vivir, os contactos e o intercambio de culturas daqueles habitantes de Neixón. No museo puiden ollar máis dun cento de elementos que formaban parte da vida cotiá duns castrexos que non estaban tan illados nin tan sos como ás veces pensamos. As primeiras mostras que ollei foron restos de osos de animais, dentes e cunchas de mariscos diversos, achados todos eles nos cuncheiros. Despois vería un dos achados máis importantes de Neixón, o anaco de vidro policromado fenicio que se achara no Castro Pequeno e do que se pensa que debeu servir para conter aceites esenciais da época. Logo tamén ollei uns cantos morteiros e varios muíños de man compostos por dúas pezas circulares de pedra que encaixaban unha sobre da outra. 


Tamén puiden ollar unha parte das pezas circulares que empregaban os castrexos para transformaren a lá en fío, así como unha gran cantidade de anacos de vaixelas e de potas, asas de xerras e ánforas adornadas con todo tipo de decoracións. Mais se algún elemento me chamou a atención, ese foi un oso de cervo tallado e decorado que antano empregaron a modo de  mango. Todos estes elementos son o verdadeiro, o grande achado dos castros Grande e Pequeno de Neixón, e non tanto o número de vivendas e muros recuperados. Estes pequenos elementos aportan moita máis información, pois achégannos á vida cotiá daqueles primeiros poboadores, fálannos dos seus hábitos alimenticios, do intercambio mercantil e cultural que mantiñan con outros pobos, así como outros moitos datos que nos achegan até a vida daqueles primeiros habitantes de Neixón. Foi un auténtico pracer maxinar a historia dun minúsculo poboado castrexo que xa mantiña contactos, intercambios e negocios con xentes chegadas de ultramar. Abandonei o Centro Arqueolóxico do Barbanza i esta pequena península de Neixón, cavilando na importancia deste castro mariñeiro e no incalculable valor da información rescatada de cada anaco de vaixela, de cada cuncheiro, de cada ánfora. Oxalá estes castros de Neixón, este conxunto arqueolóxico do Barbanza, continúe a ser o que sempre foi, un dos máis senlleiros, valiosos e importantes xacementos arqueolóxicos do noso país. 

Ningún comentario: