“FIANDEIRA namorada
que fías detralo lume
cos ollos postos nas chamas
roxiñas brancas i azules.
Fiandieriña que fías
nas noites do longo inverno
as liñas máis delgadiñas
que o fío do pensamento.
Cai a neve branca fora
riba dos teitos calada
mentras ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana...”
Uxío Novoneyra
Este pasado e frío inverno, namentres visitaba xunto ós meus amigos Samuel e Adrián unha pequena mostra das moitas e solitarias aldeas que se perden polos vales da Serra do Courel, -como Parada, Esperante ou Visuña-, decidimos achegarnos até as ruínas dunha antiga fortaleza medieval que fica por estas terras e que non deixa a ninguén indiferente. Andabamos na procura do Castelo do Carbedo, a última parada nesta nosa fugaz viaxe por estas montañas fronteirizas, por estes vales do Lor, por estes eidos de Novoneyra. As ruínas deste castelo fican moi preto do lugar de O Carbedo, pertencente á parroquia de Esperante, no concello lugués de Folgoso do Courel, e máis concretamente, nunha lomba rochosa que se erixe a carón da estrada que une as aldeas de Visuña i Esperante. Na nosa primeira viaxe a estas terras do Courel xa tiveramos ocasión de visitar este castelo, mais coido que non reparamos tanto nel como debiamos.
Este retorno, esta segunda viaxe, era o momento perfecto para volver até o Castelo do Carbedo e tratar de afondar no pouco que queda da súa historia e da súa lenda. Saímos de Seoane cara Esperante unha fría mañá de Nadal. A serra ficaba ateigada de neve, polo que tivemos que desprazarnos a modo. Esta mesma neve, e a nosa inconsciencia, xa nos deixaran tirados, a xornada anterior, aló polas montañas de Cervantes, nos brancos cumios dos Ancares. Desta volta estabamos a menor altitude e a neve non era nin tan abundante nin tan mesta. Malia todo, non nos resultou nada doado atopar as ruínas do Castelo do Carbedo, un espeso manto de néboa semellaba apoderarse dos vales e, dalgún xeito, dificultaba a localización dos restos do castelo. Custounos atopalo pero á fin, de fronte a un noiro de lousa que ficaba ó lado oposto da estrada, albiscamos na esgrevia silueta dunha lomba rochosa, os derradeiros muros do Castelo do Carbedo.
Comezamos a descender dende a estrada cara aquel castelo medieval erixido sobre dun enorme outeiro rochoso de máis de 20 metros de altura; agora ateigado de neve, afastado do mundo e do tempo. Este castelo sitúase a uns 930 metros de altitude, dominando aínda os vales da contorna. Nos nosos días somentes se conservan unha pequena parte dos muros defensivos e interiores, así como as ruínas dunha torre circular. Pouco se sabe da súa orixe e da súa historia, mais o único que semella certo é que, dada a situación fronteiriza das terras nas que se localiza, debeu construírse para controlar a entrada de forasteiros e xentes alleas ó noso territorio. De feito, o castelo fica a carón dunha antiga vía que unía as nosas terras coas do Bierzo. Aínda a pesares de que a orixe deste castelo non se pode determinar con certeza, contan que no ano 1550 xa fora mencionado por Licenciado Molina, quen o coñecía co nome de “Fortaleza do Courel”.
No que respacta ós seus moradores, o pouco que se sabe é que esta fortaleza puido pertencer a Don Nuño Peláez, quen logo a doaría ós Cabaleiros da Orde de Santiago. Hai tamén unha lenda que conta que eiquí viviu Dona Ilduara, a quen o poderosísimo Conde de Lemos adoitaba visitar. Entrámbolos anos 1977 e 1979 leváronse a cabo as últimas exploracións arqueolóxicas no castelo, baixo a dirección de Xosé María Luzón Nogué e Francisco Javier Sánchez-Palencia. As conclusións extraídas foron publicadas no 1980 polo Ministerio de Cultura. Internámonos na vella e ruinosa “Fortaleza do Courel” con moito coidado e precaución. O acceso non resulta nada sinxelo, tivemos que escalar aqueles 20 metros de petouto pisando, con moito ollo, unhas rochas frías, humedecidas i escorregadizas. Unha vez dentro, comezamos a contemplar os derradeiros muros que aínda seguen en pé, que semellan parte da propia rocha. Ollamos un par de seteiras que aínda resisten nuns muros arruinados, e agora asolagados pola neve, así como unha gran cantidade de árbores que atoparon antr’estas nobres pedras o seu refuxio.
Contemplamos a impresionante paisaxe que dende eiquí se albisca, a profundidade do val que se estende baixo os nosos pés e os brancos cumios que se perden antr’a néboa do horizonte. É unha mágoa que esta fortaleza militar da Idade Media fique tan soa, tan ruinosa e tan deixada. O certo é que, por desgraza, nestas afastadas terras a soidade, a ruína e o abandono, fican presentes na meirande parte dos fogares e aldeas. Deixamos tras de nós O Carbedo i esta “Fortaleza do Courel” ollando por última vez uns muros que semellan formar parte xa da mesma rocha deste outeiro, que se agochan baixo os liques e musgos, que se perden antr’a néboa. A carón deste castelo asolagado pola neve poñemos fin á invernal e impresionante viaxe de retorno a esta serra de Novoneyra, a este desprotexido verxel, coa espranza de volver a pisar, máis pronto que tarde, este pequeno e fronteirizo universo de historia e natureza, de outonos e primaveras.
1 comentario:
A Fortaleza do Caurel fue construida con la piedra del Castro de Cido (capital indígena celta) para albergar a la Reina Munia y sus hijos Jimena y Alfonso (luego Rey Alfonso II El Casto), que huían de los asesinos (partidarios de Aurelio) de su marido y padre el Rey Fruela I.
Publicar un comentario