martes, 11 de marzo de 2014

Dolmen de Leira de Rapada, achado de Vilatán


"Acostumado a tomar
Valium 10
Prefiro estar no cimo da mámoa
Lucíndome
Coa fereza dun gato montés
Berrando por ti ó abismo
Conforme ás mensuras das
Túas falsas promesas".
Manuel Catoira, Hóspede do Rif

Fai somentes uns días, a miña amiga e compañeira Mónica Gil, coñecedora das miñas viaxes na procura das xoias milenarias que se perden polos montes do noso país e fiel seguidora desta fraga, tivo a ben informarme dunha nova, publicada a finais do pasado mes de febreiro polo xornal La Voz de Galicia, que chamaría fortemente a miña atención. Ó parecer, no concello lugués de O Saviñao, acababa de ser achado un dolmen totalmente descoñecido até o de agora, e polo tanto sen catalogar, que ficaría na Leira da Rapada, no tamén coñecido lugar de A Filgueira, na parroquia de San Xoán de Vilatán. O dolmen foi achado polo  arqueólogo Iván Álvarez Merayo e un veciño do lugar, e acaba de ser inventariado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Como non podía ser doutro xeito, tratei de procurar a localización deste dolmen e non dubidei en achegarme até O Saviñao para coñecelo e retratalo. 


Aproveitei esta solleira fin de semana para, xunto ás miñas compañeiras de traballo e de viaxes Mónica e Anabela,  tratar de achegarnos até aquel descoñecido e recente achado megalítico. Viaxamos pois cara a Comarca de Lemos, i en concreto até o Concello de O Saviñao. Neste mesmo concello lugués xa tiveramos a sorte de coñecer lugares fascinantes ateigados de historia e de natureza, como A Torre da Candaira, a Praia Fluvial da Cova ou o meandro de Cabo do Mundo. Non tiñamos moi claro como chegar até o dolmen procurado. Sabiamos que ficaría nunha carballeira coñecida como A Leira de Rapada e na parroquia de Vilatán, pero descoñeciamos a localización concreta e mesmo o vieiro polo que comezar a nosa busca. Non sería unha tarefa doada, e o certo é que tiñamos serias dúbidas de sermos capaces de dar con este importante achado. 


Dende Escairón collemos rumbo cara a parroquia de San Xoán de Vilatán. Ao chegar a este lugar, atopamos un cartel de madeira do que penduraban dúas follas de xornais onde puidemos ler a mesma nova que uns días antes me pasara Mónica; a do achado de Leira de Rapada. Sabiamos que estabamos moi preto do dolmen, mais aínda tiñamos por diante dar coa Leira de Rapada. Namentres percorriámolo lugar topamos cun veciño, e coas súas vacas, e preguntámoslle se sabería indicarnos cómo chegar até a Leira de Rapada. O señor díxonos que debiamos dirixirnos cara o alto do lugar e coller un vieiro á dereita. Así fixemos, mais logo de atravesar o vieiro que nos indicara, aínda non tiñamos claro por onde comezar a nosa busca. De súpeto, coma un agasallo do destino, apareceu ante nós unha veciña do lugar que viña de camiñar. Non dubidamos nin un intre en abordala e preguntarlle se coñecía aquel descoñecido dolmen, aquel recente achado de Vilatán. 


Aquela señora, veciña desta parroquia de Vilatán, chámase Mariluz Novo, e dende eiquí quero agradecerlle de xeito especial a súa amabilidade, a súa bondade e o feito de ter perdido o seu tempo en axudarnos. Mariluz coñecía perfectamente o achado de Leira de Rapada, o dolmen do que lle estabamos a falar, e non somentes nos indicou o lugar senón que nos guiou e acompañou até alí. Estareille sempre agradecido a esta muller, non somentes polo feito de guiarnos até o dolmen, senón por demostrarnos que aínda quedan bos e xenerosos no noso país. Internámonos na Leira de Rapada por un vieiro enlamado que semellaba descender cara unha poboada carballeira. Mariluz mantiña un paso áxil, acostumada a pisar estes vieiros, a percorrer estas súas terras. Seguímola de preto, tratando de imitar a destreza dos seus pasos polos esgrevios vieiros de lama, pedras e reigames que conducen até a Leira de Rapada.


Chegamos á Leira de Rapada case sen decatarnos, asombrados pola beleza do lugar, aínda a pesares de estarmos en inverno e de toparnos esta carballeira núa de follaxes. Ao noso redor somentes se albiscan centos de troncos e ramaxes de garridos carballos que emerxen deste intricado terreo. En canto Mariluz freou o seu paso, decateime que estabamos xa a escasos metros do dolmen que procurabamos. Aquela boa muller sinalizou co seu dedo índice unha monumental rocha que ficaba ladeira abaixo do camiño, pero moi preto de nós. Despedímonos de Mariluz Novo, desta nobre veciña de Vilatán, e descendemos cheos de curiosidade até aquel enorme conxunto de pedras. Á fin estabamos a carón do último dolmen achado no noso país, ante outro monumento megalítico que até o de agora ficaba esquecido e sen catalogar, somerxido baixo un mesto manto de musgo, desapercibido incluso para os propios veciños do lugar. 


Achegámonos até este dolmen, aínda sen nome, pola súa parte traseira. Comezamos a descender a ladeira desta carballeira máxica ollando as xigantescas moles graníticas, as impresionantes dimensións da súa laxe de cubrición. Resulta incrible que chegásemos até este dolmen somentes uns poucos días despois de ser descuberto, e gozar desta paraxe natural virxe sen albiscar aínda as pegadas do ser humano. Retratamos cada unha das caras deste monumento funerario dos galegos primitivos. Por estas terras luguesas non é frecuente atopar este tipo de estruturas megalíticas coas laxes espidas, e menos aínda que conserven a anta de cubrición. Nas nosas últimas viaxes polas verdescentes terras da Provincia de Lugo, tiveramos ocasión de coñecer dous importantes dolmens, o de Roza das Modias e o da Moruxosa. Somentes o segundo conserva a laxe de cubrición. 


Este Concello de O Saviñao ten o privilexio de atesourar, amais deste de Leira de Rapada, outro importante dolmen; o de Abuíme, que tampouco conserva a susodita laxe de cubrición e que trataremos de visitar máis pronto que tarde. Non tivemos ningún problema para movernos por esta carballeira, a Leira de Rapada ficaba limpa de maleza, aínda a pesares de ser este un universo de carballos que nacen ceibos, sen respectar ningún tipo de ringleira trazada polos homes. As enormes dimensións de cada unha das pezas deste dolmen fannos sentir ananos. Resulta complexo coñecer con certeza o momento no que se puido ter erixido este monumento prehistórico. Segundo o arqueólogo que achou este xacemento, Iván Álvarez Merayo, sería imprescindible levar a cabo unha escavación arqueolóxica para precisar a súa orixe. 


Recentemente descubríronse tamén, baixo un manto de musgo que ficaba sobre da laxe de cubrición, dous grandes petróglifos onde semellan representarse unha serie de círculos concéntricos. Tratamos de achar estes petróglifos, mais non resulta sinxelo. Os gravados son difíciles de percibir e somentes puidemos achar algún suco curvo e illado. Despois de coñecer este último achado, estoutro dolmen do Saviñao, decidimos deixar tras de nós a fascinante Leira de Rapada, esta carballeira máxica, para coñecer agora o outro gran tesouro milenario que aínda conserva este concello; o Dolmen de Abuíme. Foi unha auténtica experiencia internarse nesta carballeira, coñecer este dolmen recentemente descuberto, e a unha veciña tan amable como Mariluz. Somentes nos resta desexarlle a este dolmen todo o recoñecemento que até o de agora non tivo, e que a pegada humana que lle agarda non bote a perder o valor e a maxia que se respira nesta carballeira de Leira de Rapada.

2 comentarios:

asociacion veciñal do saviñao dixo...

Boas . Son Manuel Sarmiento , vicepresidente da asociación Veciñal do Saviñao. Alégrome que xa esté recollido o dolmen da Leira Rapada na vosa páxina web . Desexaría ampliar a información . Tivemos a sorte de , o limpar de musgo a tapa , descobrir 6 círculos concentricos na tapa , de dificil visualización , e mellor cando o sol incide lateralmente , xa baixando . Si desexades , enviamos fotos . Membros da asociación andiveron buscando polas proximidades , onde xa saberedes da existencia dun castro . Pois moi próximo ó dolmen , apareceu unha pedra tallada coa cabeza dun animal ( serpe ? can ? ). Na croa do castro apareceu outra oquedade que máis que dolmen , parece refuxo , pois ten 2 ortostatos medio caidos . Envíovos estes datos por si desexades volver , non dubidedes en contactar coa asociación ( asociacionvecinaldosavinao@gmail.com). así tamén vos levaríamos a ver uns achádegos cerca de escairón :varias pedras con cazoletas e diversos betilos ou idoliños que podería tratarse dun xacemento neolítico . saúdos .

Iván Fraga dixo...

Moi boas Manuel,

En primeiro lugar quero agradecer de xeito especial este seu comentario, e tamén mostrar o meu máximo respeto ós veciños do Saviñao que representa.

A información que nos achega resulta moi atractiva e interesante, polo que será todo un honor volver ó Saviñao para tratar de retratar, e dalgún xeito recoller, estoutros descoñecidos achados dos que nos fala. En breves enviareilles unha mensaxe para citarme con vostedes, sempre que non lles supoña unha molestia.

Grazas tamén pola confianza depositada neste blogue.

Un saúdo!