“E rebentas de
novo baixo as pautas da lúa,
do sangue que
abrasa o sagrario das éngoas.
Anta dunha
estirpe sangrada desde o ventre”
Carlos Negro,
Cantos da perda
Os nosos primitivos
devanceiros deixaron nesta terra unha fonda pegada do seu paso, estelas pétreas
e mudas que nos unen ó pasado máis remoto do noso País. Moitos son os
monumentos erixidos en pedra que fican como testemuños doutros tempos, perdidos
polos montes dende a noite dos séculos. Neles case podemos maxinar os medos e
inquedanzas que debían atormentar ós primeiros habitantes deste vello e
lendario País. Volvemos a pisar vieiros milenarios, a profundar nas máis
descoñecidas tumbas funerarias do noso máis remoto pasado. Desta volta
viaxaremos até a Comarca de Lugo, para procurar un dos mellores dolmens destas
históricas e fértiles terras do interior. O noso obxectivo ficaba no Concello
de Friol. Neste fértil e histórico concello lugués consérvanse centos de
túmulos perdidos polos montes, esquecidos e á intemperie. A meirande parte
deles ficarán baixo un húmido manto de musgos e presos baixo as ramaxes das
silveiras. Nembargantes, na parroquia de San Martiño de Cotá tivemos o pracer
de contemplar unha das máis importantes antas da comarca luguesa. Andabamos
preto do pequeno pero feiticeiro Dolmen da Moruxosa.
A ausencia de
indicadores, a pesares de tratarse dun recentemente declarado Ben de Interese
Cultural, fíxonos dar unhas cantas voltas á contorna denantes de atopar o lugar
onde botaríamos a camiñar. Á fin, na estrada que une Lugo con Friol, e logo de
deixar atrás o cruce de Cotá, desviámonos cara a dereita. A única referencia
clara que tiñamos era que ficaba preto dunha casa en obras. Dende aquela casa
debiamos coller un vieiro que nos conduciría ata o leito do Río Narla, e por
ese camiño debiamos proseguir uns douscentos metros para logo xirar á esquerda,
internándonos no monte. E así foi como fixemos. Ó pouco de comezar a camiñar
baixo as ramaxes dos carballos, albiscamos o pétreo e milenario Dolmen da
Moruxosa. Achegámonos ata esta anterga xoia, aínda por datar, para fitar a súa
media ducia de laxas milenarias. Este pequeno dolmen posúe unha cámara de
estrutura poligonal que fica conformada por cinco laxas. A estas hai que sumar
unha sexta, de case un metro e medio de altura por 66 de ancho e dez de grosor, que semella
sosterse sobre da anta. Moitos opinan que esta sexta chanta puido ser
desprazada do seu lugar orixinal.
A cámara ten
unhas dimensións aproximadas de 1,70 por 1,50 metros. Algúns estudosos opinan
que resulta pouco probable que esta cámara sepulcral estivese enteiramente
soterrada. A morfoloxía deste dolmen e as súas reducidas dimensións, son moi
semellantes ás que posúen a Fornela dos Mouros e a Casota de Freáns; construcións
megalíticas tardías, carentes de corredor. Isto pode levarnos a pensar que a
Moruxosa puidese ser unha cista. Nembargantes, non podemos asegurar nin a súa
época, pois aínda se descoñece, nin se tivo ou non tivo corredor. O Dolmen da
Moruxosa forma parte dunha necrópole de catro mámoas que se estenden polos
arredores, baixo estas fértiles terras da Comarca de Lugo.
Hai que di que as chantas deste
dolmen son de xisto cristalino, moi abundante nestas terras. Nas entrañas da
Moruxosa foron achados sucos serpeantes e puntos illados ó redor. Este feito
fíxonos recordar os dinámicos e serpeantes sucos que acharamos nas chantas da Roza das Modias, non moi lonxe deste lugar, e mesmo o susto que tomei namentres
inmortalizaba aqueles trazos curvos. O certo é que estes lugares están cheos de
maxia e misterio, de lendas e dúbidas. Mais resulta moi triste pensar que un Ben de Interese Cultural coma este fique sen sinalizar, sen un sinxelo indicador que nos alerte da súa presenza. Deixamos esta pegada milenaria, herdada
dende tempos incertos, desexando que o futuro traia consigo máis vieiros
milenarios e as tumbas esquecidas do noso máis remoto pasado!
2 comentarios:
Eu que teño ido tantas veces a San Paio de Narla e a Cova da Serpe, e non sabía desta testemuña dos tempos antigos no monte... Grazas por esta xanela á nosa Terra.
Unha aperta para ti!
Prezada Cruz:
Estes días estiven un pouco afastado do mundo virtual, polo que non me decatei desta mensaxe ata hoxe. So me resta agradecer, coma sempre, os teus comentarios nesta fraga. Unha aperta grande, compañeira!
Publicar un comentario