martes, 27 de agosto de 2013

Dolmen da Moruxosa, xoia de tempos incertos


“E rebentas de novo baixo as pautas da lúa,
do sangue que abrasa o sagrario das éngoas.
Anta dunha estirpe sangrada desde o ventre”
Carlos Negro, Cantos da perda

Os nosos primitivos devanceiros deixaron nesta terra unha fonda pegada do seu paso, estelas pétreas e mudas que nos unen ó pasado máis remoto do noso País. Moitos son os monumentos erixidos en pedra que fican como testemuños doutros tempos, perdidos polos montes dende a noite dos séculos. Neles case podemos maxinar os medos e inquedanzas que debían atormentar ós primeiros habitantes deste vello e lendario País. Volvemos a pisar vieiros milenarios, a profundar nas máis descoñecidas tumbas funerarias do noso máis remoto pasado. Desta volta viaxaremos até a Comarca de Lugo, para procurar un dos mellores dolmens destas históricas e fértiles terras do interior. O noso obxectivo ficaba no Concello de Friol. Neste fértil e histórico concello lugués consérvanse centos de túmulos perdidos polos montes, esquecidos e á intemperie. A meirande parte deles ficarán baixo un húmido manto de musgos e presos baixo as ramaxes das silveiras. Nembargantes, na parroquia de San Martiño de Cotá tivemos o pracer de contemplar unha das máis importantes antas da comarca luguesa. Andabamos preto do pequeno pero feiticeiro Dolmen da Moruxosa.


A ausencia de indicadores, a pesares de tratarse dun recentemente declarado Ben de Interese Cultural, fíxonos dar unhas cantas voltas á contorna denantes de atopar o lugar onde botaríamos a camiñar. Á fin, na estrada que une Lugo con Friol, e logo de deixar atrás o cruce de Cotá, desviámonos cara a dereita. A única referencia clara que tiñamos era que ficaba preto dunha casa en obras. Dende aquela casa debiamos coller un vieiro que nos conduciría ata o leito do Río Narla, e por ese camiño debiamos proseguir uns douscentos metros para logo xirar á esquerda, internándonos no monte. E así foi como fixemos. Ó pouco de comezar a camiñar baixo as ramaxes dos carballos, albiscamos o pétreo e milenario Dolmen da Moruxosa. Achegámonos ata esta anterga xoia, aínda por datar, para fitar a súa media ducia de laxas milenarias. Este pequeno dolmen posúe unha cámara de estrutura poligonal que fica conformada por cinco laxas. A estas hai que sumar unha sexta, de case un metro e medio de altura por 66 de ancho e dez de grosor, que semella sosterse sobre da anta. Moitos opinan que esta sexta chanta puido ser desprazada do seu lugar orixinal.

A cámara ten unhas dimensións aproximadas de 1,70 por 1,50 metros. Algúns estudosos opinan que resulta pouco probable que esta cámara sepulcral estivese enteiramente soterrada. A morfoloxía deste dolmen e as súas reducidas dimensións, son moi semellantes ás que posúen a Fornela dos Mouros e a Casota de Freáns; construcións megalíticas tardías, carentes de corredor. Isto pode levarnos a pensar que a Moruxosa puidese ser unha cista. Nembargantes, non podemos asegurar nin a súa época, pois aínda se descoñece, nin se tivo ou non tivo corredor. O Dolmen da Moruxosa forma parte dunha necrópole de catro mámoas que se estenden polos arredores, baixo estas fértiles terras da Comarca de Lugo. Hai que di que as chantas deste dolmen son de xisto cristalino, moi abundante nestas terras. Nas entrañas da Moruxosa foron achados sucos serpeantes e puntos illados ó redor. Este feito fíxonos recordar os dinámicos e serpeantes sucos que acharamos nas chantas da Roza das Modias, non moi lonxe deste lugar, e mesmo o susto que tomei namentres inmortalizaba aqueles trazos curvos. O certo é que estes lugares están cheos de maxia e misterio, de lendas e dúbidas. Mais resulta moi triste pensar que un Ben de Interese Cultural coma este fique sen sinalizar, sen un sinxelo indicador que nos alerte da súa presenza. Deixamos esta pegada milenaria, herdada dende tempos incertos, desexando que o futuro traia consigo máis vieiros milenarios e  as tumbas esquecidas do noso máis remoto pasado!

2 comentarios:

navegacruz dixo...



Eu que teño ido tantas veces a San Paio de Narla e a Cova da Serpe, e non sabía desta testemuña dos tempos antigos no monte... Grazas por esta xanela á nosa Terra.
Unha aperta para ti!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezada Cruz:

Estes días estiven un pouco afastado do mundo virtual, polo que non me decatei desta mensaxe ata hoxe. So me resta agradecer, coma sempre, os teus comentarios nesta fraga. Unha aperta grande, compañeira!