mércores, 21 de agosto de 2013

Campo Lameiro, Capital da arte rupestre galega


“Os vellos canteiros do meu ser
domean os penedos docemente
e vanlle dando forma
á miña dor atávica de home.
Eu soñei esta terra desde sempre
cando o cervo non era mais que a imaxe
multicolor nas covas do meu sono”.
Antón Avilés de Taramancos, O tempo no espello

Semella que dende os tempos máis remotos da nosa historia, os galegos sentimos un apego á pedra que non podemos nin debemos ignorar. Coa pedra, os nosos máis primitivos ancestros construíron castros, dolmens e antas, e sobre das pedras esculpiron as súas teimas e soños. Coa chegada dos romanos erixíronse pontes, calzadas, miliarios e muíños, socalcos e vivendas. Os  canteiros ergueron coa pedra milleiros de igrexas, mosteiros, lavadoiros, cruceiros, hórreos, pombais, e mesmo a Catedral de Santiago de Compostela; obra culminante da arquitectura románica. Por desgraza, ficarán pra sempre como heroicos artistas baixo a escura sotana do anonimato. Nos nosos días, os canteiros xa non abundan, mais si as súas obras. Botabamos en falta contemplar as primeiras obras d’arte tatuadas en frías laxes polos nosos máis primitivos  devanceiros. Volvemos a procurar os sendeiros que nos encamiñan a tesouros esquecidos e milenarios, até as laxes mudas onde se revelan as máis descoñecidas mensaxes. Este verán está deixando propicias xornadas para buscar a sombra das carballeiras ou botarse ó monte como as cabras. Nembargantes, desta volta non me farán falta as botas do monte nin unha fouciña afiada, posto que as nosas procuradas laxes fican xa protexidas do avance das toxeiras e a maleza, mais tamén da cobiza dos homes. 

Panorámica do val dende o Outeiro de Ventaniñas
As xoias tatuadas en fría rocha que andabamos a buscar son as únicas do país que fican en verdade protexidas. Desgraciadamente, a práctica totalidade dos nosos petróglifos fican aínda baixo o incesante avance da maleza, en outeiros de intricados e perigosos accesos. Dende a ano 2011, o noso país conta cun importantísimo Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre onde se poden ollar importantes gravados herdados dende a noite dos séculos. O conxunto, un dos máis importantes da vella Europa, fica no interior da Provincia de Pontevedra, en concreto, no Concello de Campo Lameiro. Nestas terras pontevedresas concéntranse a meirande parte dos petróglifos do noso pequeno pero lonxevo país. Campo Lameiro é a capital do arte rupestre de Galicia, e nos seus primorosos outeiros podemos contemplar, sen medo a mancarnos, os máis extraordinarios petróglifos do chan galiciano. Chegamos á Lagoa, na parroquia de Campo, e dende alí puidemos ollar os primeiros indicadores que nos guiarían ata as inmediacións do parque arqueolóxico. Non tardamos en chegar. Sorprendeunos o moderno edificio que nos dá a benvida e que sirve como centro de interpretación. Unha vez dentro, deixáronnos ben claro que non debiamos pisar aquelas laxes nin luxar o espazo. 

Outeiro dos Cogoludos
O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro  alberga preto de setenta rochas traballadas polos antergos, gravados de gran calidade. O conxunto de petróglifos foi declarado, no ano 1974, Monumento Histórico-Artístico. Un  amplo piñeiral danos a benvida ó museo dos artistas primitivos. Na súa ampla extensión, de case 22 hectáreas, conserva xoias milenarias á intemperie, no seu estado natural, mais limpos de maleza. No territorio galego coñecemos tres épocas clave da arte rupestre: O Neolítico (IV a III Milenio a.C.), a Idade do Bronce (II Milenio a.C.) e a Idade do Ferro (I Milenio a.C. ó Século III d.C.). A meirande parte dos petróglifos achados na Galiza semellan datar do III e II Milenio denantes de Cristo, é dicir; entre o fin do Neolítico e durante a Idade do Bronce. E os de Campo Lameiro tamén. Dende aqueles tempos até os de hoxe, moito debeu mudar a paisaxe deste lugar, mais o certo é que neste parque aínda podemos recrear parte da vida dos nosos antepasados da Idade do Bronce. Poñémonos a camiñar polo vieiro principal da ruta que nos conduce até as laxes milenarias. O conxunto de petróglifos esténdese polos lugares de A Lagoa, Fentáns, Paredes, Parada, Caneda, San Isidro, Painceiros e As Fragas. 

Laxe da Forneiriña
A ruta contempla dous itinerarios; o principal e o secundario. No principal fica o Outeiro dos Cogoludos, a Laxe da Forneiriña e, por suposto, a Laxe dos Carballos. Na ruta secundaria podemos achar o Outeiro de Ventaniñas, a Fonte da Pena Furada, A Forneiriña e a Laxe dos Cabalos. Comezamos a ascender paseniño polo vieiro principal, contemplando a beleza paisaxística do lugar. O noso primeiro obxectivo era localizar a coñecida Laxe dos Carballos, unha xigantesca e fría peza granítica sobre da que se revela un misterioso cervo. Sabiamos do seu excelente estado de conservación e da habelencia que debía ter a man do seu primitivo creador. Denantes de chegar á rocha onde máis pronto que tarde achariamos a Laxe dos Carballos, decidimos profundar no primeiro petróglifo que nos marcaba a ruta do parque. Á nosa esquerda ficaba o petróglifo de A Laxe da Forneiriña. Nesta laxe puidemos contemplar os sucos que conforman un gran cervo de trazos moi estáticos e rectos. Baixo o cervo puidemos contemplar, tamén, outros dous pequenos animais de trazos máis dinámicos e curvos. Estes foron os primeiros cervos que vimos en Campo Lameiro, e non serían o derradeiros.

Laxe dos Carballos
Sabiamos que a obra do mellor artista anónimo da época estaba aínda por chegar. Á fin, baixo a sombra de dous lonxevos carballos, achamos a gran laxa que tantas ganas tiñamos de coñecer. Ante nós ficaba a Laxe dos Carballos, o petróglifo máis fascinante que tiveramos o gusto de coñecer. O certo é que son moitos os que sosteñen que se trata da mellor mostra de arte rupestre do noso País. Ficamos pampos ante aquel esvelto cervo de gran cornamenta que semellaba cravar en nós os seus ollos. Contemplamos os dinámicos sucos cos que conforman a silueta deste cobizado animal, e o certo é que non lle falta detalle. Que gran mestría debeu ter a man do seu creador!  As xentes que habitaron as terras galegas durante o Neolítico final e a Idade do Bronce, comezaron a cultivar novos principios de vida social. Semella que comezaron a sentir unha devoción especial polas armas, polos animais e pola caza. 
Outeiro de Ventaniñas
No Castriño de Conxo xa deramos boa conta da multitude de afiados puñais que semellaban revelarse co solpor, nembargantes, a cobiza humana esnaquizou parte la laxa, e parte tamén da súa historia.  Desta volta tiñamos a sorte de fitar outro dos soños dos nosos primitivos antepasados, unha xigantesca peza de caza. Quizais os cervos tatuados nestes outeiros foron un trofeo de caza soñado por moitos dos nosos antepasados. Mais quen sabe se somentes lles rendían culto. Algúns estudosos opinan que este tipo de gravados figurativos e a súa estratéxica situación, pode levarnos a pensar que funcionasen como delimitadores territoriais, fronteiras ou “marcos” do pasado. Mais o certo é que este tipo de lugares sempre estiveron vencellados ó culto, ó misterio. Deixamos tras de nós a espectacular Laxe dos Carballos para proseguir coa ruta fixada. A terceira laxe que nos quedaba por ver ficaba no alto do parque, e coñécese como o Outeiro das Ventaniñas. Trátase dunha laxe que fica a carón dun misterioso petouto dende o que se pode divisar unha fantástica panorámica do val. Alí puidemos ollar unha obra máis común pero abstracta. Tratábase dun conxunto de aureolas concéntricas, dos que tanto abundan na nosa Galiza. Logo de visitar o Outeiro de Ventaniñas, decidimos baixar por onde viñeramos para coñecer outra importantísima laxe que non deixa a ninguén indiferente. 

Outeiro dos Cogoludos

Non tardamos en achar o Outeiro dos Cogoludos. Nesta laxe puidemos contemplar numerosos conxuntos circulares entrelazados uns cos outros. Semellaba un cosmos, un tecido sucado en fría rocha, un universo fascinante e incomprensible. Aquí tamén puidemos achar pequenas figuras nas que semellan representarse cabras ou cervos, iso si, todos eles de menor tamaño que o da Laxe dos Carballos. 
Deixamos tras de nós este espazo milenario, este museo á intemperie. Aínda nos quedan outros moitos petróglifos na recámara, xa que somentes quixen expoñer os máis representativos; os do itinerario principal. Nembargantes, tivemos o pracer de ollar a Fonte da Pena Furada, a Laxe dos Cabalos, a Forneiriña e o Outeiro da Pena Furada; todos eles do itinerario secundario. Tamén fixemos parada na recración do poboado da Idade do Bronce, onde puidemos maxinar como sería a vida cotiá dos seus habitantes. Liscamos coa lembranza posta nos feitiños ollos daquel cervo, coa testa chea de dúbidas e coa satisfacción de coñecer as máis primitivas obras d’arte de Campo Lameiro!

2 comentarios:

José Martínez-Romero Gandos dixo...

Moi boa páxina.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitas grazas, José. Convidado quedas a pasarte cando queiras! Saúdos e grazas polo teu comentario.