“Salvage val de Brantóa,
En terra de Bergantiños;
Ou val, amado dos celtas,
E dos fungadores pinos:
Cando Gundar prob' e 'scuro,
Sea d' este mundo ido;
No teu seo silencioso,
Concédelle, val amigo,
Sepulcro a modo dos celtas,
Tan só de ti conocido”.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos
Pouco despois de ficar asombrado e absorto ante a beleza e o melódico estrondo da cantareira Férveda de San Paio de Entrecruces, dirixinme de vagar cara a parroquia de Santa María Magdalena de Aldemunde. Nestoutra fermosa parroquia carballesa tiña por diante dar coas pétreas chantas do milenario Dolmen de Pedra Moura; un dos meirandes do noso país. Esta de Aldemunde é a parroquia máis pequena de Carballo e tamén a máis deshabitada, mais atesoura importantes restos megalíticos e castrexos. Estoutro importantísimo megálito bergantiñán, estoutra xoia ancestral da Costa da Morte, localízase na parte alta de Aldemunde, a carón dun pequeno e verdescente prado. A medida que me ía achegando até aquel fato de chantas graníticas, funme decatando das súas importantes dimensións.
Detívenme ante as chantas de Pedra Moura e fiquei cavilando por un bo anaco no impresionante que debeu ser nos seus mellores tempos. Este dolmen, datado entrámbolos anos 3.500 e 2.700 denantes de Cristo, posúe unhas dimensións aproximadas de 2,40 por 3,20 metros. Na actualidade somentes se conservan cinco das sete chantas que o conformaban inicialmente, e polo que se pode observar, a meirande parte das que aínda se conservan semellan desprazadas do seu emprazamento orixinal, mesmo a anta de cubrición. Debo confesar que me sentín máis anano do habitual a carón daquelas enormes antas, e non é para menos; a chanta máis alta chega a superar os dous metros de altura.
Este Dolmen de Pedra Moura, coma a meirande parte dos dolmens do noso país, ten a súa propia lenda, o seu propio legado oral. Segundo contan os veciños da contorna, todas e cada unha destas pedras que conforman o Dolmen de Pedra Moura foron carreadas por unha muller dende o Petón de Calvelo namentres fiaba na roca e lle daba de mamar a un meniño. Resulta curioso, e non menos sorprendente, o retratado que adoita quedar o papel feminino no lendario popular galego. O certo é que cavilei, namentres lembraba a lenda, que o imaxinario “quefacer” daquela lendaria muller, por sorte ou por desgraza, non dista tanto do papel que seguen a exercer moitas mulleres dos nosos días, compaxinando o duro traballo coas tarefas do fogar e coa crianza dos seus meniños. Intuición, traballo, intelixencia, fecundidade, sensibilidade... insignias atemporais da feminidade.
Tal e como dicía ó comezo, esta de Aldemunde é unha parroquia pequena e pouco habitada pero atesoura un importante legado megalítico e castrexo. I é que en Aldemunde de Abaixo podemos achar un castro sen escavar que fica arrodeado por un parapeto defensivo e un foxo. Este castro tamén ten a súa propia lenda, que nos fala de tempos de mouros e de romanos, así como da existencia dunha trabe d’ouro que se estendería dende o mesmo castro até o muíño da Regueira. Despedinme de Aldemunde bicando esta fértil terra avermellada, este anaco de Bergantiños, este “val, amado dos Celtas, e dos fungadores pinos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario