xoves, 5 de novembro de 2015

O Dolmen do Forno dos Mouros


“Conheço o mundo dos mortos. É frio, com terra
por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos.
Os mortos vêem-nos: de onde estao, eles chamam pelos nomes
familiares, nun murmúrio, e o vento dispersa-lhes os sopros
- música de ciprestes. Por isso, há quem ande entres as campas,
ao fim da tarde, com os ouvidos tapados; quem reze,
entre lábios, datas estéreis como as antigas pedras”
Nuno Júdice

Fai tempo, un bo amigo contoume que aló polas saias dos montes da Serra do Bocelo, nos modernos límites fronteirizos dos concellos de Toques e de Sobrado, achara fai anos un impresionante monumento megalítico coñecido como o Forno dos Mouros que conservaba unha serie de pinturas rupestres de formas serpeantes, moi semellantes ás do dolmen vilalbés de Roza das Modias. Cantos montes e serras temos percorrido xa na procura destas pétreas estacións que nos conectan coa paisaxe e coa vida cotiá dos nosos máis primitivos devanceiros. Cantos vieiros e corredoiras temos camiñado xa na procura destes antiquísimos vestixios mortuorios dos primeiros habitantes deste noso país. Aproveitei unha morna e gris tarde de domingo para internarme no Concello de Toques e seguir as pistas que me levarían, sen maiores atrancos, até as milenarias laxas do dolmen de Forno dos Mouros.


A do Bocelo é unha serra privilexiada en canto a restos megalíticos, xa que nela foron catalogadas un total de 32 mámoas, a meirande parte das mesmas fican aliñadas co Camiño Real que atravesa a crista da serra de NE a SO. O Forno dos Mouros é, sen lugar a dúbidas, o máis espectacular destes restos e poida que un dos exemplos máis fermosos e mellor conservados dos monumentos megalíticos do noso país. Este dolmen localízase nunha erma contorna dominada por asombrosos penedos moi preto do lugar da Moruxosa, no concello coruñés de Toques, e a unha altitude de 713 metros. Este monumento sepulcral data do III milenio denantes de Cristo, é unha estrutura megalítica con cámara poligonal conformada por unha gran laxa horizontal sostida por sete esteos. A laxa da cuberta aparece fracturada pola súa parte setentrional. 


Este importante monumento megalítico foi escavado i estudado entrámbolos anos 1987 e 1989 pola Universidade de Santiago de Compostela. A cámara consta dun corredor de acceso de dous tramos e atesoura, nas súas mouras e telúricas entrañas, representacións pictóricas nas que destacan motivos en forma de zig-zag pintados en cores negras e vermellas sobre dun fondo branco. Nas diversas campañas de escavación que se levaron a cabo neste xacemento apareceron restos de materiais líticos e cerámicos, mais por riba disto destacan os restos dunha excepcional peza. Trátase dun vaso campaniforme cordado con influencias decorativas vinculadas coa Bretaña francesa; o que nos demostra as complexas redes de circulación existentes xa no III milenio. 


No verán do ano 2009, o dolmen do Forno dos Mouros foi obxecto dunha última actuación realizada por un equipo do CSIC que tivo coma fin velar pola conservación do mesmo, acondicionar a súa contorna e deter a deterioración das pinturas; para esta última fin optouse por soterrar de xeito preventivo as mesmas. Nesta mesma intervención tamén se reforzou a estabilidade do conxunto.  Foi unha mágoa non poder coñecer as súas pinturas pero coido que a actuación levada a cabo é vital para a conservación das mesmas. Semella como se tanto a paisaxe penedía como o silencio imperturbable desta erma contorna conspirasen pra somerxerme por uns intres no imaxinario mundo dos mortos, nese vieiro escuro, inevitable e “frio, com terra por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos” que tanto eludimos pero que tanto nos vincula aínda cos nosos máis primitivos devanceiros. 

Ningún comentario: