"As pallozas d'o povo,
Cheas d'as armonías d'o traballo,
Agachadas, cal tigres,
Dende lonxe respétano y-acátano,
Agardando que os muros se despromen
E ríndose namentres pol-o baixo...
¿Qué foy d'o morador d'esa vivenda,
N'a que en tempos pasados
S' esnaquizóu a pátria en mil parcelas
Entr' os que por seu amo pelexaron,
Y-onde nunca petou a mau trembona
D'o camiñante canso
Que alcontrara agarimo ou doce fogo
D'os ateridos membros pra reparo?"
Manuel Curros Enríquez, O último fidalgo
Piornedo é unha aldea prerromana da comarca dos Ancares. Por estas datas, os teitos de palla ficarán cubertos de neve namentres os animais e as ferramentas de traballo refuxiaranse nas pallozas do pobo; cheas das harmonías do traballo. Unha das mellores descricións da lonxeva vida destes esquecidos lugares da montaña galega, pode ser Cerco de Ferro, de Darío Xohán Cabana, coa que vos deixo. Espero que a disfrutedes e vos mergulledes de cheo nos cálidos recendos dos lugares dos Ancares:
“Os cabos de xente baixaron as frontes. Algúns nenos choraron, e algúns de nosoutros choramos tamén, polas nosas mulleres e polos nosos fillos, e polos nosos irmáns mortos con honor. Choramos tamén polas nosas aldeas, e polos nosos horteiros, e polos nosos montes de caza. Nosoutros eramos libres no mundo. Os ríos corrían ledos de troitas e de oucas. Sentabámonos en rolda nas nosas pallozas de pedra e colmo, quentiños no inverno. Cantabamos, diciamos historias, bebiamos cervexa se a había. Eramos donos do mundo, nosoutros: donos da terra e dos seus carballos cargados de landras, donos dos cervos e dos xabarís, donos dos ríos e dos mares, donos do verán e do inverno, donos da noite e mais do día. E agora aquí, cercados na montaña. Conviría morrer. Cantar tamén, e cantamos tristemente. A noite pasou.
Hai pequenos bosques de teixos antigos, mestos. Están callados de bagas.
O gran consello ponse en círculo e pensa: vintecatro anciáns: nunca tantos se viran xuntos nos días alegres. Nunca tantas persoas feridas e cansas se xuntaran nunha montaña. Agora vemos quen somos: nada xa. Eramos moitos e grandes, e estrados. Agora estamos xuntos os que fomos ficando, cercados de ferro.
—Non hai saída pra todos: algúns escollidos poden cruzar a liña de ferro, quizabes.
Así fala o ancián dos anciáns: moitos invernos viron os seus ollos mancados, e moitos veráns doutrora, ledos e farturentos.
—Ninguén vai saír. Un home non é nada fóra do círculo dos seus. Un guerreiro non pode fuxir e deixar os seus dentro dun círculo de ferro. Xa vivimos bastante: non queremos fuxir.
Os potes están ó lume: fermosos potes onde outrora se cocía a comida nas nosas pallozas. Comemos o derradeiro pan, bebemos a derradeira cervexa, doce ó padal. Cantamos e danzamos coa derradeira alegría. A montaña treme baixo dos nosos pés, e o ceo treme co noso aturular. Vai frío, pero espímonos todos: a montaña é nosa por derradeira vez e pra sempre.
Ferven xordamente os potes que outrora cocían a mantenza dadora de vida. Agora cocen as bagas e as follas máis tenras do teixo. O caldo vaise facendo espeso, visgoso, escuro. Estase acabando o día, e o sol déitase pra nós. Mañá, os inimigos poderán subir á nosa montaña”.
Cerco de Ferro, Darío Xohán Cabana
Cerco de Ferro, Darío Xohán Cabana
4 comentarios:
Ola.
Fermosa foto...!
E precioso Cerco de Ferro,de Darío Xohán Cabana.Quédome con:
—Non hai saída pra todos: algúns escollidos poden cruzar a liña de ferro, quizabes.
Así fala o ancián dos anciáns: moitos invernos viron os seus ollos mancados, e moitos veráns doutrora, ledos e farturentos.
—Ninguén vai saír. Un home non é nada fóra do círculo dos seus. Un guerreiro non pode fuxir e deixar os seus dentro dun círculo de ferro. Xa vivimos bastante: non queremos fuxir.
Gracias A, por pasarte pola Fraga e destacar as sabias palabras deste texto de Darío Xohán Cabana. Agrádame que che guste i espero que podas contemplar estas pallozas de preto algún día. Un saúdo, compi!
A verdade e que Piornedo é un deses lugares que che impresiona, a visita a este lugar supón, ademáis, unha intensa viaxe no tempo que fai que non esquezas as túas raíces.Un saúdo ultreiano.
Por certo, o problema do blog xa está solucionado, facer un comentario xa é posible de multiples formas.JmVelay
ola.
É un gusto visitar a túa páxina.....De verdade!,non sabes a de veces que se pode viaxar coa mente...,so vendo unhas fotos....
Espero ir algún día
a rincos como os que ti nos amosas.
Felices Festas!
un abrazo
Publicar un comentario