xoves, 25 de setembro de 2014

O petouto tordoiés de Pedra Longa


“O penedo, a tal intre, foi por medio fendido
deixando aberto e franco un camiño frorido
que corría unha terra verdecente e mimosa
na que os pinos erguían a súa voz maxestosa,
eran groria dos ollos rebrilos dos orballos
nas herbiñas das leiras e as follas dos carballos”
Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida

Namentres coñeciamos, este pasado verán, as características do Dolmen de Cabaleiros, sito no concello coruñés de Tordoia, e máis concretamente na Parroquia de San Xián de Cabaleiros, un veciño do lugar achegouse onda nós para falarnos un bo anaco sobre do dolmen. Mantivemos con el unha interesante conversa. Antón Fraga Castro, que é como se chama o veciño, falounos doutro recuncho especial desta mesma parroquia e prestouse a guiarnos ata alí. Seguimos a Antón ata o lugar de Seixán, e máis concretamente até un alto onde se localiza unha especie de área recreativa ateigada de piñeiros e carballos. Nada máis chegar alí xa puidemos albiscar aquilo que Antón tantas ganas tiña de amosarnos. Estabamos ante un gran penedo, unha formación rochosa de enormes dimensións coñecida como Pedra Longa. Achegámonos ata ela paseniño, ollándoa de arriba a abaixo. Ficamos realmente impresionados. Nunha das caras deste petouto acharíamos unha placa onde puidemos ler o seguinte: “Propiedad donada al Ayuntamiento de Tordoya en el año 1995 por D. José Pereiro Fariña y su esposa Dª María Castro Fraga siendo alcalde D. Andrés García Lamas”


Este enorme conxunto de rochas posúe uns catro metros de altura con respecto ó chan e fica nos nosos días ateigado de lendas. Contan os máis vellos que estas pedras tróuxoas a nosa señora, é dicir, a Virxe María, e que por iso acadaron esta forma tan particular. Contan tamén que aló polos anos cincuenta se convocou unha proba, algo así como un concurso, para ver quen podía dar subido até a parte superior da pedra. 

Contan que houbo dous veciños que conseguiron acadar o alto coa axuda dunhas cordas que ían enganchando, progresivamente, namentres ascendían. Contan tamén que un dos que conseguiron achegar ó alto informou da existencia dunhas inscricións no cumio. Ó parecer, acharía uns inscricións semellantes a números, aínda que non o podería precisar. Quen sabe se aquelas gravados non serían petróglifos, ou mesmo as marcas de alguén que conseguiu ascender con anterioridade e quixo inmortalizar a súa fazaña. Hai quen pensa tamén que esta formación rochosa puido ter sido empregado na prehistoria como refuxio ou espazo de abrigo natural. Palpamos a fría e dura rocha, a suave e lisa superficie moldeada polos elementos. Observamos tamén que a pedra inferior deste conxunto rochoso fica partida case que á metade. Ao carón desta área recreativa albiscamos unha fermosísima paisaxe e mesmo o sinuoso curso do Río Pontepedra. Contábanos Antón, entre sorrisos, que este recanto é, nos nosos días, un lugar perfecto onde os mozos máis pasionais comezan a descubrir o amor. Foi todo un pracer coñecer esta Pedra Longa e a un veciño tan amable e cordial, tan bo e xeneroso como Antón. Deixamos tras de nós estoutro sorprendente recuncho tordoiés de San Xián de Cabaleiros logo de despedírmonos de Antón e de prometerlle volver, algún día, até estas esquecidas e afastadas terras do interior coruñés. Que esta paraxe de Pedra Longa siga a atesourar lendas e a ser o máis íntimo refuxio, o pétreo e abrigado recunchiño onde ferven de pracer os máis ardentes namorados. 

Ningún comentario: