xoves, 5 de xuño de 2014

A Ermida da Virxe do Porto


“Marianiña vay secando,
A probe sin sangre queda,
N'hay alimento que tome,
N'hay augua que ll'apeteza.
Amigas n'hay qu'a consolen,
Músicas n'hay que a entreteñan,
Y â vista do sol acora,
Y â vista das frores tembra.
A sua nay anda tola
En busca de santas erbas,
Que n'o leito de Mariana
Pon de noite â cabeceira,
E vay d'hermida en hermida,
Leva ofrenda tras ofrenda.
Á cada bendita virxe,
Á todo-l-os santos reza
Y âs ánimas lles pon luces
Para que pidan por ela”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Esta pasada fin de semana, o meu bo amigo Samuel e máis eu, decidimos achegarnos até as terras do noroeste galaico co obxectivo de coñecer os máis envexábeis areais da costa da Ferrolterra, e xa de paso visitar algúns dos máis feiticeiros recunchos que atesouran estas costas, estas Rías Altas galegas. Xa facía tempo que non pisabamos estas terras proletarias e loitadoras, i estes antigos dominios dos Andrade. Nesta recente e fugaz viaxe tiñamos unha prioridade, a de coñecer unha das capelas mariñeiras máis sinxelas, inusitadas e feiticeiras que atesoura este noso país. O noso obxectivo principal non era outro que a Capela da Nosa Señora do Mar, tamén coñecida como a Ermida da Virxe do Porto. Para dar con ela debiamos achegarnos até o Concello de Valdoviño, i en concreto, até a parroquia de San Vicenzo de Meirás. A capela ficaría no estremo sur da senlleira Praia da Frouxeira, preto da Punta Frouxeira. Este concello coruñés pode gabarse de posuír os mellores areais destas terras, coma o da citada Frouxeira ou o de Pantín. Este último é moi frecuentado polos amantes do surf. De feito, cada mes de setembro celébrase nesta praia o campionato internacional de surf “Pantín Classic”. 


Chegamos a Meirás sen dificultade, e o primeiro que vimos ó lonxe foi a vertical silueta do faro de Punta Frouxeira, un dos máis modernos do país; construído no ano 1992. Denantes de chegar ó faro, desviámonos á esquerda e comezamos a descender cara a Praia de O Porto. De camiño á praia comezamos a albiscar a branca e diminuta capela que procurabamos, que semellaba erixirse sobre dun petouto e a carón do mar. Denantes de chegar até a capela tivemos que arrodear o enreixado dunha vella e decadente piscifactoría. Ó pouco de deixar atrás a susodita piscifactoría, á fin comezamos a albiscar de fronte a nós, antr’os cons, o claro refulxir da branca e feiticeira capela, á fin estabamos ante a Ermida da Virxe do Porto, a carón do santuario dos mariñeiros de Meirás. A Ermida da Virxe do Porto fica sobre dun pequeno illote na beiramar, acariñado i azoutado polas mareas, rabuñado pola furia indomable do Atlántico. A esta fermosa capela somentes podemos achegarnos coa marea baixa, pois cando esta sube, a ermida convértese en illa e afástase do mundo terreal. 


Detivémonos sobre dos cantís e de fronte a aquela fascinante estampa. Maxinamos os temporais da pasada invernía nesta, tamén, bravía i asasina costa, as xigantescas ondas que deberon asolagar i escachar sobre deste sacro petouto. Percorremos uns cantís ateigados de herba namoradeira tratando de procurar a mellor cara deste santuario mariñeiro. Foi unha mágoa non coñecer este recuncho coa marea alta, mais coido que coa baixamar tamén ten o seu encanto. O certo é que este recuncho presenta un aspecto moi variable en función do estado da marea, algo que o fai máis máxico e sorprendente. Esta capela atesoura unha fermosa lenda que conta como uns mariñeiros do lugar atoparon unha imaxe no mar e, logo de recollela, levárona a terra firme. Ó día seguinte, aqueles mariñeiros volveron a atopar a imaxe flotando no mar, polo que non dubidaron en volver a recollela e facerlle unha capela, outorgándolle a esa imaxe o nome de Virxe do Porto. Cada verán celébrase neste fermoso lugar unha romaría na que se saca á virxe en procesión.


Foi todo un privilexio coñecer esta Capela da Virxe do Porto, esta ermida da beiramar, este illote que semella pendular o ritmo das mareas. Logo de percorrer estes impresionantes cantís e fitar cada unha das caras desta capela dende terra firme, decidimos emprendelo camiño de regreso desexando que esta Nosa Señora do Porto siga a resistir os embates do fero Atlántico para guiar, protexer e saudar ós mariñeiros que, cada madrugada, lle gañan un pulso ó bravo mar e ás súas propias vidas.

1 comentario:

navegacruz dixo...

Unha entrada fermosa para unha costa bastante descoñecida. Bos percebes, sen desmellorar ós meus favoritos da costa da Morte!

Apertas e a bourear polo noso país!