"Cobra de cristal brilante
qu' antre frores,
con fantástecos romores
vas correndo sen parar,
cóntame o que vas dicindo
¡ouh Miño! qu' estout' oindo
e n' entendo o teu falar.
Dime, Miño, se te gabas
d' o tesouro
que vas arristrand' en ouro
y-e dino de se gabar?
que ti sempre vas roxindo
¡ouh Miño! y-estout' oindo
e n' entendo o teu falar.
Cicais cantas, craro Miño
as bellezas
y-as espréndedas riquezas
que refrexas ô pasar,
y-a miñ' alma está sofrindo...
¡a tua canción oindo
n' entender o teu falar!"
Filomena Dato Murais, Follatos
Fai un tempo, namentres visitaba a Ribeira Sacra e o chantadino Muíño de Tarrío, sentín a necesidade de vos ensinar algúns dos máis históricos e senlleiros santuarios que se espallan polas intricadas e socalcadas ladeiras do Miño. Por antr’estas ribeiras tiveramos a sorte de coñecer, anos atrás, as lendas e a historia de San Facundo, Santo Estevo, e a Igrexa de San Martiño da Cova, que fica de fronte ó impresionante meandro de Cabo do Mundo. Mais aínda nos quedaba por coñecer outro senlleiro santuario que formou parte dun mosteiro beneditino irmandado secularmente co de Santo Estevo. Estamos a falar da Igrexa de San Paio de Diomondi, outra importante mostra do Románico galego na Ribeira Sacra.
qu' antre frores,
con fantástecos romores
vas correndo sen parar,
cóntame o que vas dicindo
¡ouh Miño! qu' estout' oindo
e n' entendo o teu falar.
Dime, Miño, se te gabas
d' o tesouro
que vas arristrand' en ouro
y-e dino de se gabar?
que ti sempre vas roxindo
¡ouh Miño! y-estout' oindo
e n' entendo o teu falar.
Cicais cantas, craro Miño
as bellezas
y-as espréndedas riquezas
que refrexas ô pasar,
y-a miñ' alma está sofrindo...
¡a tua canción oindo
n' entender o teu falar!"
Filomena Dato Murais, Follatos

Achegámonos agora até a porta mesma destoutro templo da Ribeira Sacra para ollar de preto outra característica que o emparella con Santo Estevo, as súas pétreas e misteriosas criaturas. Baixo da porta deste sacro edificio achamos unha gran cantidade de figuras que sobresaen de todos e cada un dos seus chapiteis. Achamos figuras humanas con corpos cuadrúpedes que contiñan arcos e frechas, tal que saxitarios, amais de paxaros e outras representacións animais. No tímpano, liso, acharíamos tamén as cacholas do que semellan ser dous lobos, ou cans, coas orellas gachas e mostrando os seus dentes afiados. Contan que no interior deste templo consérvanse retablos neoclásicos, unha pía bautismal do século XIII e unha crus de prata do século XVIII. Abandonamos San Paio de Diomondi, estoutra mítica igrexa con pasado monacal, estoutra importante mostra do Románico galego, namentres o sol, agonizante, comezaba a afundirse antr’as lombas do val e a tinguir de nostalxia as ensanguentadas ladeiras do sacro mencía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario