sábado, 12 de xullo de 2014

O Río Cerves e as Pozas de Melón


“E soñando, soñei que era quen
de me mergullar nos seus ollos cativos,
esas pozas enormes de alma
que rebordan cariño,
e de sementar no seu fondo tranquilo
refulxentes estrelas
que iluminen a gris neboeira
na que tantos transitan sen luz, agardando
comprender o misterio da vida”.
Miguel Anxo Mouriño, Onde tanto me teño sementado

Non hai nada mellor que procurar o acubillo de calquera recuncho que nos brinde a natureza cando a rutina e a fatiga retornan pra facernos fraquear; pra sumirnos na cotiá penumbra dos tempos marcados, dos días baleiros, mecánicos e irrelevantes. Non hai mellor lugar pra nos escoitar que a carón das rumorosas augas, nin mellor xeito de relaxarnos que mergullándonos no seu frío e transparente leito. Deveciamos por coñecer un feiticeiro recanto onde rachar coa monotonía e sentírmonos arroupados pola maxia da natureza; un frondoso e fascinante verxel onde mergullar os nosos corpos sen medo a sermos arrastrados polas correntes. Viaxamos cara a ourensá Comarca do Ribeiro, unha calorosa e solleira mañá de maio, para procurar un espazo natural único que se perde por antr’as terras do Concello de Melón. Dirixímonos cara un de tantos encraves naturais de gran sona e importancia que agocha esta fermosa e histórica comarca; andabamos na procura do leito do Río Cerves e das prácidas Pozas de Melón. 


Este fermoso verxel é un lugar máis que propicio para afastarse da rutina, descansar e meditar, para mergullármonos nas súas augas e sentir o seu murmurio, pra unírmonos á terra, -da que nacemos e na que habemos morrer-, coma rudas e centenarias reigames. O Río Cerves nace aló polas faldras da Serra de Faro de Avión, a máis de 1000 metros de altitude, e descende impetuoso, denantes de mesturarse co Miño, por antr’as terras de Melón; conformando unha gran cantidade de fervenzas e pozas, tamén chamadas “mergulleiras”, así como recunchos de grande beleza natural e paisaxística. Para achegármonos a este encrave tivemos que procurar o lugar de Penavaqueira, e dende alí botar a andar até o río. Nada máis chegar, o primeiro que albiscamos foron unhas mestas e frondosas ribeiras ateigadas de salgueiros, bidueiros, ameneiros e carballos, así como unha gran cantidade de fentos e matogueiras. Ó pouco veríamos tamén unha gran poza de serenas e transparentes augas. 


Non nos resultou nada doado somerxernos nestas piscinas naturais, as augas do Cerves estaban moi frías, mais foi somentes ó comezo. Resulta incrible refrescarse nestas pozas, baixo as ramaxes das carballeiras, nunhas augas limpas, puras e reparadoras. Estabamos nun auténtico paraíso onde o silencio somentes era rachado polo melodioso canto dos paxaros, polo prácido rumor das augas do Río Cerves. Este lugar lembroume ás xornadas estivais que pasaba, de meniño, nas Caldeiras do Río Castro. Ámbolos dous ríos foron conformando numerosas pozas nas rochas durante miles e miles de anos, creando lugares de grande importancia natural e paisaxística para o goce de todos nós. Logo de refrescármonos na primeira das pozas que acharamos, decidimos seguir un sendeiro que semellaba ascender por unha das ribeiras. 


Dende aquel vieiro demos boa conta da gran cantidade de pozas, de maior ou menor profundidade, de mellor ou peor acceso, que se concentran neste tramo do río. A cada paso semellabamos escoitar máis preto de nós o son dalgunha ruxidoira. Apresuramos o paso e ó pouco puidemos albiscar unha fermosísima fervenza e unha maxestosa poza que ficaban embaixo mesmo da ponte dunha autovía. Nembargantes, aquela fervenza tiña algo que nos deixou mudos, algo que non sería capaz de describir con palabras. A fervenza non era moi alta nin demasiado impresionante, mais posuía un encanto único. Ficamos un bo anaco ollándoa de preto, coma hipnotizados polo balbordo e a sinxeleza das súas brancas augas axitadas. Cantos fermosos recunchos aínda temos a sorte de conservar neste noso verdescente e paradisíaco país, cantas paraxes onde procurar a paz e a harmonía que tanto precisamos nas nosas vidas. Deixamos este verxel con certa tristeza, mais cheos de paz i enerxía, desexando que estas “pozas enormes de alma que rebordan cariño”, non perdan nin a maxia nin o encanto que nos trouxo até eiquí. 

Ningún comentario: