venres, 20 de xuño de 2014

"A Cidade" de San Cibrao de Las


“Chega ond'a cerca do castro,
mira pro fondo do val,
finca na parede o codo,
deita a cabeza na mau,
e namentras que coa outra
arricando musgue está,
pensatible, triste e morno,
así se pon a falar:
-Alá van os nosos eidos,
a miña casa alá vay;
xa me mataron os fillos,
matárom'a muller xa;
morreron os nosos homes
que souperon peleyar,
morréron-nos os druidas
servidores de Teutás,
e matáron-nos as virxes
que'andaban ó pé do altar
ca fouce d'ouro no cinto
y-a vara verde na mau.
Xa queimaron a devesa
consagrada á soledá...”
Arcebispo Lago, O derradeiro celta

Xa facía ben tempo que non me achegaba até a histórica e sempre sorprendente Provincia de Ourense, -até as terras do ouro, do viño e das burgas-, até as serras que manan augas puras e transparentes. Retornamos até estas terras non somentes pra mergullarnos nas súas quentes e menciñeiras augas ou deixarnos tentar polos caldos do Ribeiro, senón pra coñecer tamén parte da historia desta provincia, e do noso país, a través dos derradeiros e meirandes achados castrexos que atesoura. Desta volta viaxei acompañado polos meus amigos cascarilleiros Adrián, Facun e Fariña. Tiñamos como obxectivo percorrer a franxa máis occidental da provincia, concretamente, as comarcas do Carballiño, Ourense, Celanova e O Ribeiro. Nas tres primeiras comarcas agardarían por nós os asentamentos castrexos de “A Cidade” de San Cibrao de Las, o Castro de San Tomé e o senlleiro Castromao. No Ribeiro, uns viños e un xantar baixo a sombra dun granítico soportal xudeu.


O noso primeiro obxectivo sería coñecer “A Cidade” de San Cibrao de Las, o meirande asentamento castrexo do chan galiciano, somentes comparable co de Santa Trega, no concello pontevedrés da Garda, e coas citanias do norte de Portugal. Viaxamos pois cara esta antiga e xigantesca cidade fortificada, aínda en proceso de escavación, coñecida antano como Lambrica, Lanobrica, Lansbrica ou Lansbricae. Esta cidade castrexa localízase nun pequeno outeiro que divide os concellos de San Amaro e Punxín, máis concretamente, entre as parroquias de San Cibrao de Las, de San Amaro, e a de San Xoán de Ourantes, do Concello de Punxín. Chegamos a San Cibrao de Las unha solleira e calorosa mañá de maio, era cedo e aínda non se albiscaba xente polo lugar. Nada máis chegar, ficamos abraiados ante a grandeza desta antiga cidade amurallada. Baixo dela, albiscamos tamén un moderno edificio que alberga o Centro de Interpretación.


Achegámonos de vagar até a entrada principal desta antiga e xigantesca cidade ollando unhas murallas que semellaban infindas. Unha vez atravesada a porta, franqueada por dúas torres circulares, comezamos a camiñar sobre dunha pétrea calzada que semellaba conducirnos até o máis alto; até o centro mesmo desta antiga e monumental "Cidade". Nesta calzada puidemos apreciar as rodeiras de antigos carros talladas nas pedras. Estabamos dentro xa de San Cibrao de Las, o asentamento castrexo máis grande do noso país. A ámbolos dous lados da calzada principal albiscamos unha gran concentración de construcións galaico-romanas. Crese que este castro, esta Cidade, puido ser habitada entrámbolos séculos II denantes de Cristo e o II despois de Cristo, ou iso é o que semella desprenderse dos estudos arqueolóxicos levados a cabo e dos restos achados nas escavacións. Trátase dun xacemento correspondente á etapa final da cultura castrexa, un momento no que o xeito de vida de castrexos e romanos se estaba a mesturar.


Como diciamos anteriormente, esta cidade era coñecida como Lansbricae, ou iso é o que semellan revelar os documentos medievais e as diferentes inscricións achadas neste castro. Unha destas inscricións apareceu na porta de poñente do recinto central, namentres que outra foi achada na superficie dunha rocha da acrópole. Esta "Cidade" de San Cibrao de Las posúe dous recintos amurallados circulares, case que elípticos, e ó mesmo tempo tamén case que concéntricos. A primeira muralla que vimos, a exterior, fica reforzada por unha terceira muralla e conta tamén con foxo e parapeto. A muralla interior, que é a que delimita a acrópole, posúe unha anchura duns tres metros e pénsase que na súa parte superior puido existir un paseo de rolda; tanto pola anchura da muralla como polas escaleiras achadas nos muros. 


Este impresionante castro, ó igual que outros moitos xacementos arqueolóxicos como a Anta de Argalo ou o a Arca da Piosa, foi o soño e o anhelo de escritores e historiadores, de ilustres e inmortais galeguistas. De feito, a meirande parte das escavacións levadas a cabo en San Cibrao de Las estiveron directamente estudadas, dirixidas i executadas por insignes personaxes galegas como López Cuevillas ou Xaquín Lorenzo “Xocas”. Os seus nomes, e os doutros moitos ilustrados, ficarán por sempre na historia deste castro. Detémonos pois a profundar un pouco na curta historia coñecida de San Cibrao de Las, a romanizada Lansbricae; o castro máis grande do chan galiciano.


Os primeiros estudos realizados neste castro xurdiron aló polo 1921, logo de ser visitado polos mesmísimos Florentino López Cuevillas e Vicente Risco. Moito lles debeu impresionar esta "Cidade" para que nese mesmo ano solicitasen a documentación e os permisos oportunos para realizar a primeira escavación oficial. Tan somentes un ano despois, no 1922, e baixo a dirección de López Cuevillas, levaríanse a cabo os primeiros traballos no recinto interior, onde inicialmente foron achados os muros dunha construción de planta cuadrangular. Os traballos de escavación continuaron até o 1925, abarcando a franxa sueste do asentamento e sacando á lus construcións de diferentes tipos, tal que circulares, cadradas, rectangulares, ovaladas, etc. Nestas escavacións tamén foi achado un alxibe. A partires do ano 1948 levaríase a cabo unha segunda escavación. Desta volta dirixida polo historiador i escritor ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas”, mais coa estreita colaboración e apoio de López Cuevillas. Xocas dirixiría dúas campañas nas que se abarcaría o centro do castro, e nas que sairían á lus construcións de plantas circulares e rectangulares, así como tamén, as portas da muralla interior. Máis tarde, namentres escavaban na ladeira de poñente, acharían tamén a muralla exterior e volverían a escavar o alxibe. No ano 1953, o castro sería visitado polos asistentes a un Congreso Nacional de Arqueoloxía onde se recoñeceu a súa importancia e as súas dimensións. Malia todo, isto non impediu que se sucedesen danos i espolios no castro. Foi entón cando o historiador Xesús Ferro Couselo conseguiu deter, mediante denuncias, a salvaxe extracción de pedra que estaba sufrir a Cidade de San Cibrao de Las. No ano 1980 comezarían as labouras de limpeza, mantemento e consolidación das estruturas, así como tamén novas campañas de escavación. 


Namentres percorriámolo recinto inferior, o primeiro recinto amurallado, a meirande parte das construcións que achamos posuían unha planta cadrada ou rectangular e algunhas dispuñan tamén dun patio. Ficamos pampos ante a gran cantidade de construcións que se concentran somentes neste recinto. Logo de percorrermos a meirande parte da franxa inferior deste castro, o primeiro recinto amurallado, e denantes de volver de novo cara a rúa principal para continuar ascendendo até acadar o recinto amurallado interior, decidimos deternos a ollar a fonte alxibe. Este alxibe atópase detrás mesmo da porta principal da muralla exterior. Posúe unha planta rectangular e crese que no pasado puido ficar baixo unha falsa bóveda que lle serviría de cuberta. A bo seguro que este alxibe debeu ser un lugar ben frecuentado polos últimos castrexos e romanos que eiquí cohabitaron. Volvemos de novo cara o vieiro principal, onde volvemos a achar as marcas das rodeiras de antigos carros romanos tatuadas nas rochas.


Á fin estabamos ante as portas da gran acrópole de San Cibrao de Las. O derradeiro tramo deste camiño resultaba un pouco intricado e presentaba unha considerable pendente. Contan que antigamente o acceso á acrópole era mediante escaleiras, para evitar a entrada dos carros. Nada máis atravesar a porta achamos á nosa esquerda dúas construcións. Unha delas de planta cadrada e outra circular. Tras delas achamos o resto, de diversas plantas e illadas entre si. Dende o alto albiscamos a grandeza deste xigantesco asentamento, a impresionante paisaxe da contorna e o moito que queda aínda por saír á lus daquela Lansbricae. Sentamos no alto dos muros e ficamos, por un anaco, mudos e absortos ante a paisaxe, ante a historia e a natureza que eiquí se aperta, sentindo nos bandullos a vertixe que provocan a altura e os séculos.


Tódos e cada un dos utensilios e materiais achados neste castro fican agora no Museo Arqueolóxico da Provincia de Ourense. Entre eles destaca unha gran cantidade de adornos e moedas de bronce, amais dunha gran cantidade de vaixelas de variadas formas. Moitas destas moedas e vaixelas, ó igual que en Neixón, procedían de intercambios comerciais que mantiñan con outros pobos estranxeiros.


Logo de coñecer esta impresionante e xigantesca "Cidade", de empaparnos da súa historia e de recrear a vida cotiá daquela sociedade galaico-romana, decidimos poñer fin a esta nosa visita e proseguir na procura dos máis senlleiros castros desta fermosa i esquecida provincia. Foi todo un honor e un privilexio coñecer San Cibrao de Las, a romanizada Lansbricae; o castro máis grande do noso país. Oxalá que a historia deste castro non esqueza nunca os nomes dos insignes galegos que o sacaron á lus.

Ningún comentario: