“Taller, pasos perdidos, azul Celeste Bóveda.
Racataprán. ¡Un alto!, berrounos Castromao,
e a procesión de mortos detense ó pé do Altísimo.
Racha o aire unha fisga, francada lostregante,
rebe de medo ó rito a sagra arquitectura.
Tranquilos, non foi nada. Tomemos acomodo”.
Anxo Angueira, A Curros
Esta pasada primavera collemos rumbo a Celanova para tratar de coñecer un dos castros máis históricos e senlleiros da Provincia de Ourense, logo de comprometérmonos a visitar os máis míticos xacementos arqueolóxicos desta provincia e coñecer unha pequena parte da súa historia. Desta volta, o noso obxectivo ficaría moi preto de Celanova, a tan só un par de quilómetros desta vila de abades e poetas. Estamos a falar do Castro de Castromao. Viaxamos pois cara as terras de Curros e Celso Emilio, cara a Comarca das Terras de Celanova, para procurar o mítico Castromao, un dos meirandes referentes da cultura castrexa de todo o noroeste peninsular.
O xacemento arqueolóxico que nos ocupa localízase nun outeiro da parroquia de Santa María do Castromao, no Concello de Celanova, a uns 732 metros de altitude. Chegamos a Castromao sen dificultade, pois o castro ficaba suficientemente indicado dende Celanova. Nada máis chegar, puidemos albiscar diante de nós o intricado outeiro onde, polo que supoñiamos, ficaría o procurado xacemento. Ascendemos aquel outeiro paseniño, ollando a cada paso a inmensidade das Terras de Celanova que semellaban estenderse ós nosos pés, e os fermosos vales que o Río Arnoia foi conformando dende a noite dos séculos. Logo de atravesar unha reixa metálica, á fin comezamos a ver as primeiras construcións, “a sagra arquitectura” do Castro de Castromao.
Achegámonos até os muros daquelas primeiras construcións que acharamos para tratar de comprender o xeito de vivir e a historia dos primeiros habitantes destas terras. Castromao é un xacemento castrexo que data da Idade do Ferro, dende os séculos VI ou V denantes de Cristo até o II despois de Cristo. Nembargantes, as partes inferiores presentan numerosas construcións de planta cadrada, o que reflicte unha profunda romanización no castro entrámbolos séculos I e II despois de Cristo. Ademais, por estas terras pasaba antano a Vía XVIII, do Itineriario de Antonino, achándose moedas, vaixelas e miliarios polas terras da contorna. Castromao fica arrodeado por unha gran muralla de case 500 metros de lonxitude. O interior do castro acada unha superficie duns 20.000 metros cadrados, e unhas dimensións aproximadas de 150 metros en dirección N-S e uns 130 en dirección L-O.
En Castromao leváronse a cabo numerosas investigacións, estudos i escavacións que deixan de manifesto que este asentamento tivo unha longa presenza no tempo. Nas citadas escavacións saíron á luz máis de 70 vivendas, a muralla, muros de contención e nivelación e parte dunha calzada enlousada. A meirande parte das vivendas presentan unha planta circular e un diámetro que varía entre os 3 e os 5 metros, mais como diciamos anteriormente, tamén achamos algunhas outras elípticas e rectangulares. Amais do xa citado, en Castromao tamén saíron á lus diversos elementos como o trisquel calado, unha tábula romana, unha figura zoomorfa e até un tesouro de moedas del século I. Todos e cada un dos achados de Castromao atópanse no Museo Arqueolóxico da Provincia de Ourense.
As primeiras noticias do xacemento terían lugar aló polo ano 1875. Dende aquel entón leváronse a cabo numerosas escavacións que foron sacando á lus as primeiras vivendas do Castromao, nas cales se acharían restos cerámicos, muíños de pedra, fornos, moedas e materiais de ferro e bronce. Un século despois, aló polo 1974, acharíanse tamén restos dunha “Tessera Hospitalis” do ano 132 despois de Cristo, e que serviu para constituír un acordo de hospitalidade entre os castrexos e un alto mando romano. Contan tamén que este xacemento do Castromao foi a capital da tribo celta dos Coelernios. Logo de arrodear este outeiro e contemplar todas e cada unha das súas vivendas, decidimos poñer fin á nosa visita non sen antes detérmonos a ollar por derradeira vez aquela impresionante panorámica da contorna.
Deixamos tras de nós o Castromao, un dos máis importantes referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular e a antiga capital dos Coelernios, para tratar de visitar agora algún que outro castro veciño, algún que outro “tesouro”, nesta sempre solitaria, calorosa e sorprendente provincia. Que o tempo non consiga derribar as rexas murallas do Castromao nin asolagar o derradeiro recordo daquela tribo dos Coelernios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario