xoves, 24 de xaneiro de 2013

Celanova de abades e poetas


“Nesa surrisa túa, Celanova,
pola que pasa o vento,
hai unha triste historia non contada,
feita de amor e troquelada en ferro.
Longos días de pranto e de cinza,
a lúa embaixo, o sol enriba.
Por iso rostro craro,
no que se miran todas as estrelas,
pasan sulcos de luz estremecida,
cantigas de mencer, noites de pedra.
Escumas de saudades sempre vivas,
a lúa embaixo, o sol enriba”.
Celso Emilio Ferreiro. Onde o mundo se chama Celanova

Celso Emilio Ferreiro é un dos grandes 
escritores galegos de tódolos tempos
Cantas veces non lembraría o noso insigne poeta Celso Emilio as súas feiticeiras Terras de Celanova dende o seu exilio nas Américas. Cantas veces non lembraría as húmidas torres do mosteiro, o prácido rumor das fontes, o son das súas afastadas badaladas nos fríos amenceres do Arnoia. Onde quedou o ledo cheiro das lareiras, o balbordo da feira e o recendo das pulpeiras. De camiño ó mosteiro, Celso Emilio perdura nun monumento de bronce, nunha das rúas que conducen á Praza Maior. Celanova garda con fachenda a memoria dos seus poetas, e entre eles, a figura de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) foi unha das principais. Ó longo da súa vida participou na consolidación do movemento galeguista, nuns tempos tan duros coma os da Guerra Civil e o Franquismo. Hoxe en día é un dos principais poetas clásicos de toda a Literatura Galega, e un referente fundamental para o Galeguismo. 
As brétemas do amencer esvaécense sobre das rúas de Celanova, coma se a vila estivese e espertar dunha “longa noite de pedra”. O campo da feira, de costas ó mosteiro, fica baleiro a estas horas, e os solitarios bambáns do parque móvense de vagar coa brisa do inverno. Recende a madeira, a fume de lareiras madrugadoras, a herba recén cortada. O silencio invade as rúas, e somentes a sombra das árbores semella poboar a escuridade das alamedas. Adentrámonos nos rueiros que nos conducen ata a Praza Maior, centro desta histórica vila de poetas e abades, situada a medio camiño entre a cidade de Ourense e a Raia de Portugal. 


A historia de Celanova é a mesma que a do seu mosteiro, fundado, segundo a lenda, aló polo século X da man do anacoreta San Rosendo, natural do lugar de A Cela, nos fríos cumes do Xurés. No século XI, e grazas a numerosos privilexios e doazóns, chegou a ser o máis poderoso desta parte do País, dominando a Alta Limia, Monterrei e O Ribeiro. Tralas revoltas irmandiñas, que derrubaron as achegadas fortalezas nobiliarias de Milmande e Vilanova dos Infantes, os nobres comezaron a saquear as propiedades e bens dos abades beneditinos de San Salvador de Celanova. Foron os Reis de Castela os que salvaron o vello mosteiro, interesados en que o poderío da Igrexa mantivera a raia calquera intento de rebelión nobiliaria. 
A Praza Maior ábrese ante nós, con todo o seu repertorio de galerías vidradas, que reflicten a cor cincenta do ceo. O chan empedrado aínda fica humedecido pola friaxe da noite, e un grupo de pombas peteiran as derradeiras migallas arredor dos bancos que ollan a soberbia fachada de San Salvador, dominada pola efixie do seu anacoreta fundador. 


No medio da praza albíscase unha monumental fonte do século XVI, que noutros tempos estivera nun dos claustros monacais. Achegámonos ata ela para ollar de preto as estrañas faces condenadas a emanar auga dende as súas queixadas para ben de toda a veciñanza de Celanova. Ollamos de fite os rostros pétreos que semellan mofarse de nós, amedrentarnos. Ollamos a perfección dos canteiros d’antano, a súa maxestosa virtude, o seu nobre traballo. A fachada da igrexa resplandece cos seus grandes grupos de columnas monumentais, os seus pináculos e os seus escudos. No outro lado do conxunto, albiscamos parte das dependencias do mosteiro, e a entrada principal do recinto, enmarcada nunha elegante fachada engalanada con grandes columnas dóricas. No interior do mosteiro traballaron os máis afamados artistas da época, e os seus fermosos claustros, con fermosas bóvedas de cruzaría, aínda agochan a minúscula capela mozárabe de San Miguel, unha reliquia que sobrevive dende o século X, e que puido ser o xermolo do actual mosteiro. 


A igrexa e as demais estancias monacais agochan multitude de obras de arte, que enriqueceron o mosteiro despois de que este semellara estar a rexurdir das súas cinzas. Mais a decadencia eclesiástica foi inevitable, e as guerras e conflitos remataron co pouco que lle quedaba ós monxes de Celanova. A Desamortización de 1837 marcou o fin da apacible e antano poderosa existencia dos monxes beneditinos de San Salvador. Despois disto, chegou a ser cárcere, cuartel, escola, e mesmo vivenda particular. Hoxe acolle a Casa do Concello, o Instituto de Educación Secundaria e os Servizos Sociais. 

Celanova garda con fachenda a memoria dos seus poetas, pois sen eles nunca terían chegado aires novos a estas terras sumidas dende antano no dominio eclesiástico. No centro da Praza Maior, ollando aínda con desafío ás ameazantes torres do mosteiro, a face do excelso poeta Manuel Curros Enríquez (1851-1908) lémbranos a súa dura loita. Ó longo da súa existencia, adicada á defensa e ó compromiso co pobo galego, contras as inxustizas e a miseria, tivo que lidiar coa censura e a persecución, polo que decidiu emigrar ó final da súa vida a terras cubanas, onde foi a morrer “lonxe da terriña”. Hoxe está considerado un dos tres grandes escritores do Rexurdimento, a carón de Pondal e Rosalía. 
Celso Emilio, que foi o principal continuador da poesía cívica e social fundada por Curros, tamén tivo que sufrir a represión por defender a un pobo, a unha cultura, a unha lingua. Tamén el tivo que emigrar, mais ó contrario de Curros, retornou pra continuar coa súa laboura a prol de Galicia, e pra morrer alí, "onde o mundo se chama Celanova". 

Ningún comentario: