luns, 7 de xaneiro de 2013

Solpor nos Petróglifos do Monte Pedroso


“Mais a n'os vidros d'a grand'araña
Cai o postreiro
Rayo tranquilo qu'o sol d'a tarde
Pousa sereno;
E en cada prancha d'a araña hermosa
Vivos refreos,
Cintileando com'as estrelas,
Pintan mil cores no chan caendo,
E fan qu'a tola d'a fantesia,
Soñe milagres, fina portentos.
Mais de repente veñen as sombras
Todo é negrura, tod'é misterio,
Adios alxofres, e maravillas...
Tras d'o Pedroso, puxose Febo”.
Rosalía de Castro. Follas Novas

Proseguimos a nosa particular andaina na procura desas pequenas xoias descoñecidas do noso pasado máis remoto, que se atopan na contorna de Compostela. Xa falaramos, con motivo da nosa visita inicial ó Monte de Correxíns, da gran cantidade de petróglifos que se atopan nos arredores da capital. Algúns deles, como o do Castriño de Conxo, están entre os máis senlleiros e singulares do País. Outros, nembargantes, destacan pola súa espectacular situación, ou por atoparse nun emprazamento de gran simbolismo.


Saímos de Compostela seguindo o ancestral Camiño de Fisterra. Sobre de nós, érguese a impoñente montaña sagrada de Santiago, que cobre coa súa sombra gran parte da anterga e vella capital. Atravesamos o Sarela pola Ponte do Carme, e comezamos a ascender as vertixinosas ladeiras do sacro e lendario Monte do Pedroso. Este xigantesco macizo granítico érguese entre os vales até os catrocentos sesenta metros de altitude, e dende tempos inmemoriais, debeu ser un lugar místico e cheo de misterio. 
"Achamos os Petróglifos do Pedroso nun 
estreito mirador natural que domina 
as terras da contorna"
Gran parte das súas ladeiras fican cubertas de densos bosques, que imos atravesando namentres ascendemos. Ó noso carón, vanse sucedendo os exemplares de multitude de especies; dende carballos e castiñeiros, até enormes freixos que aparecen en extensos grupos.
A partires de certa altitude, o bosque deixa paso a unha cima desgastada polo vento, cuberta somentes polas toxeiras e silveiras. Dende o cumio do Pedroso, domínase toda a extensión da cidade sagrada. E, ó lonxe, as afastadas Terras do Ulla, dominadas pola sempre presente silueta do Pico Sacro. Ós nosos pés, coma pequenas agullas iluminadas pola luz do solpor, contemplamos as torres da anterga Compostela. As xigantescas e metálicas antenas semellan rabuñar con ansia os límites do ceo. Descendemos até a ladeira de poñente, que dá as costas a Compostela, e olla de fite ás terras máis occidentais. Aquí, nun estreito miradoiro natural que se ergue polos vales, achamos os petróglifos do Pedroso. Os antergos deberon ollar este monte con asombro e admiración,  e convertérono nun monte sagrado, lugar de antigos cultos esquecidos, de rituais prehistóricos que se perden nas brétemas do tempo. Aquí, nesta impresionante ladeira, que domina unha ampla extensión de terras, vales e montes, os antigos feiticeiros das tribos da Idade do Bronce deberon realizar multitude de cultos e rituais, xeración tras xeración, de pais a fillos e de fillos a netos. Os gravados que se conservan compóñense de tres motivos xeométricos de círculos concéntricos, nove pequenas cazoletas, e un símbolo indeterminado con forma de semicírculo. 


Para atopalo, é preciso seguir as indicacións instaladas pola asociación A Gentalha do Pichel, pois son os únicos que, até o de agora, se preocuparon por este tipo de xacementos.
Coa dourada luz do solpor, que ilumina de canto os campos de toxeiras e os esgrevios penedos, podemos apreciar en toda a súa beleza esta indescifrable mensaxe dos antergos, derradeiro sinal que conservamos dos nosos antepasados e do seu xeito de entender o mundo. 


4 comentarios:

navegacruz dixo...

Tan cerquiña,e eu sen enterarme!!!
Grazas, Iván. Interesoume moito esta entrada.
Apertas!!!

homedapedra dixo...

Boas. Onte tentei atopar este petroglifo e non houbo maneira, o monte mesto e cheio de toxos, e as sinais rotas ou inexistentes.
O de Correxíns sí que o atopei, no camiño de volta por Figueiras.

homedapedra dixo...

Boas. Onte tentei atopar este petroglifo e non houbo maneira, o monte mesto e cheio de toxos, e as sinais rotas ou inexistentes.
O de Correxíns sí que o atopei, no camiño de volta por Figueiras.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezado Homedapedra, pásoche inicialmente unha ligazón por se che pode resultar de axuda: (https://www.google.com/maps/place/42%C2%B053'49.9%22N+8%C2%B033'56.9%22W/@42.8973147,-8.567563,590m/data=!3m1!1e3!4m2!3m1!1s0x0:0x0)

As coordenadas aproximadas do petróglifo: 42º53'49.9"N - 8º33'56,9"W

Agora tratarei de explicarche como chegar. Verás, xusto denantes de chegar até o cumio do Pedroso, acharás á túa dereita un edificio das Redes de Telecomunicación Galegas. Deberás coller o camiño que descende á túa dereita e xusto a carón deste edificio. Deberás descender ese camiño (pista) e a uns aproximados 50 metros trata de buscar un afloramento de grandes dimensións. Nun dos seus vértices está o petróglifo.

Se ves que aínda así non o das atopado, envíame unha mensaxe á seguinte conta de enderezo electrónico: ifragamoure@gmail.com e tratarei de enviarche información máis detallada.

Unha aperta e grazas por visitar esta fraga!