domingo, 20 de xaneiro de 2013

A misteriosa Cidadela do Monte da Cidade


“Falarámbos d' as fondas saudades,
d' os delores que son a nosa herencia,
d'o esquecemento amargo en que vivimos,
d' as nosas grorias vellas,
d' as venerandas ruinas q' inda s' erguen
ô pé d'estas montanas xigantescas,
baluartes que foron n-outros sigros
d' a nosa independencia;
pois anque probes son, o amor d' a pátria
n-eles con forza e con vigor latexa".

Valentín Lamas Carvajal. Saudades gallegas

As fragas agochan gran parte da maxia e do misterio da historia da nosa terra. Por todos é coñecido que son moitos os antigos asentamentos que se ocultan baixo a ramaxe dos soutos e das carballeiras. Xa temos falado de encraves tan senlleiros coma o Castro de Troña ou o de Borneiro. De feito, o máis habitual é que este tipo de asentamentos adoiten remontarse á época castrexa. Nembargantes, existen tamén outros recunchos descoñecidos que sorprenden pola súa enigmática feitura. Poboamentos esquecidos, de tempos pasados, onde somentes subsisten as derradeiras ruínas d’antigas civilizacións. As fragas, moitas veces, sobrepóñense ós pétreos esqueletes das antigas vivendas, e cobren de espesura as lembranzas destes lugares hoxe mortos, e antano cheos de vida. 

É frecuente achar nesta fraga abondosos exemplares da Asphodelus albus, máis coñecida como Gamota,
que podemos apreciar en primeiro plano. Puidemos identificar esta especie do xénero das Liliáceas grazas ós coñecementos botánicos do noso amigo Antón da Sobreira. Esta chamativa herbácea é habitual nos bosques da familia Quercus (Sobreiras, aciñeiras, carballos...)
Nunha das moitas fragas que cobren coa súa espesura as terras da Comarca de Vigo, no interior pontevedrés, achamos un destes misteriosos asentamentos, de época descoñecida, e do que nada sabemos ata hoxe. O Monte da Cidade atópase dentro do termo municipal de Fornelos de Montes, situado antano entre dous ríos; arrodeado, hoxe en día, pola conca do Encoro de Eiras. Trátase dun outeiro que domina unha ampla extensión de terra agreste, inaccesible e case selvática. Antano, de seguro que esta elevación sería un claro no medio do bosque, pois dende a época castrexa, cando menos, existiron fortificacións defensivas. Hoxe, nembargantes, a fraga tomou posesión do Monte da Cidade, e non hai mellor época do ano para adentrarse nos seus dominios, que a primavera. 


O potente muro fica 
esgazado, e o arco 
lixeiramente escorado
polo paso dos séculos
Nesta época do ano, a fraga amósase exuberante, chea de vida. Somentes nestes meses de chuvia e calor, é cando o bosque amosa toda a súa beleza. As ramaxes dos carballos filtran a límpida luz do sol da mañá, revelando a viaxe constante do pole sobre do ar. As abellas e demais insectos andan atafegados, pois son eles os que teñen a labor de esparexer gran parte deste pole que emana da multitude de flores silvestres que se acumulan a carón dos camiños. Entre todas elas, chama a nosa atención o gran número de exemplares de gamotas, que poboan os dominios da fraga, e apertan ós alongados troncos dos carballos.
Ten que ser moita e moi variada a fauna que habita nesta fermosa carballeira. A luz peneirada debuxa a sombra das ramaxes sobre do musgo e da follaxe que se acumula nos vieiros esquecidos. O principal dos camiños que conducen á croa deste antigo castro que existiu antes da Cidadela, ascende baixo un ceo entretecido de ramaxes, amosando unha rexa e contundente calzada empedrada. Nalgunhas partes, o pavimento consérvase en moi bo estado, e aínda se poden observar as avanzadas canalizacións que recollían a auga dos moitos regatos que baixan do monte, e que mantiñan o camiño drenado. Esta sorprendente calzada amosa a importancia deste pequeno lugar, pois sobre do seu pavimento, podía circular un carro con comodidade. Mais esta fraga está chea de riqueza en tódalas épocas do ano. De seguro que no outono, baixo destes carballos, emerxerán multitude de saborosos boletus e outros moitos cogomelos cos que sempre nos agasallan as nosas fragas. 
Finalmente, no alto do monte, ábrese un estreito canón, protexido por dúas elevadas planicies que protexen a acubillada gorxa. A entrada deste pequeno lugar fica protexida por unha soberbia muralla, lixeiramente curvada, cuio único acceso é un arco apuntado que atravesa o ancho e portentoso murallón. Os habitantes da veciña aldea de Oitabén chámanlle a Ponte dos Mouros. Está construido a base de grandes pezas de cachotería, e érguese sobre a boca inferior do canón, protexendo a súa entrada, e unindo, ó mesmo tempo, as dúas elevacións laterais. Conta o investigador Manuel Gago, na súa web Capítulo Cero, que esta construción puido funcionar tamén de acueduto que achegaba a auga dun regato próximo. Dende logo, esta obra soberbia, inexplicablemente perdida no medio dunha carballeira exuberante, non se pode adscribir á antigüidade castrexa ou romana. 


No interior do recinto, a fraga asolaga con toda a súa maxia. Non é doado distinguir os cadrados muros daquelas esquecidas construcións, pois están cubertos de musgo e liques, e de hedras que chantan as súas raigames nos derrubados muros de granito. Algunhas portas aínda amosan os seus linteis, erguéndose solitarios por antre a invasora maleza. Algúns carballos emerxen d’antre a multitude de estruturas, coma se as almas dos antigos poboadores deste lugar quixeran renacer das súas cinzas. Todos os edificios fican medio soterrados, e arrexuntados uns sobre dos outros, unidos nunha mesma mazá á beira do camiño. 


É imposible saber cal era a utilidade e importancia deste lugar, e por que esta pequena aldea, quizais somentes un burgo de artesáns, contaba con esta soberbia estrutura defensiva. A única pista, quizais a única mensaxe que nos legaron os habitantes da Cidadela, é unha data gravada con claridade na cara interior do arco, 1787. Non sabemos se esta inscrición é posterior, ou se fai referencia á época na que estaba habitada. 
O misterio segue a cubrir de sombras o vello Monte da Cidadela. O tempo mudou o aspecto da terra. Os regatos secaron hai tempo, os ríos foron desviando o seu curso, os montes cambiaron, e as fragas cubriron o que o home abandonara, namentres ó seu redor, nun mundo tan próximo e tan afastado, o tempo e o progreso seguiron o seu curso. 

Ningún comentario: