“Gran sabor havería eno meu coraçón
d'ir a Santa María, se i achass'entón,
irmana, o meu amigo.
Ja jurei noutro día, quando m'ende partí,
que non foss'a l'ermida, se ante non foss'i,
irmana, o meu amigo”.
Trobadores, Cantigas de amigo
Esta pasada primavera decidimos achegarnos até algúns dos recunchos máis fascinantes da Provincia de Ourense na procura da paz e do silencio que tanto precisabamos.Nesta ocasión propuxerámonos percorrer boa parte das comarcas do Carballiño, Ourense, Celanova e O Ribeiro. Nesta última, e máis concretamente no Concello de Melón, tiveramos a sorte de coñecer o axitado curso do Río Cerves e de mergullármonos nas súas pozas naturais. Naquela mesma xornada, e logo dun reconfortante xantar na antiga xudería de Ribadavia, decidimos aproveitar a nosa estadía no Ribeiro para visitar tamén un vello mosteiro que aínda resiste neste mesmo Concello de Melón. Estamos a falar do mosteiro cisterciense de Santa María, unha das xoias máis descoñecidas do románico monástico galego.
Viaxamos cara o Mosteiro de Santa María de Melón, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1931, tratando de seguir o vieiro da fe e da espiritualidade. Nada máis chegar a Melón xa puidemos albiscar o mosteiro que procurabamos a carón mesmo da estrada principal da vila. Logo de atravesar unha antiga alameda, contemplamos ante nós a monumentalidade do mosteiro que estabamos a piques de coñecer. Aínda lembro o moito que nos impresionou este mosteiro; a súa monumentalidade, as súas dimensións. Ficamos pampos ante a grandeza inesperada que achamos neste vello cenobio de Melón. Achegámonos primeiramente até a fachada da igrexa para logo internármonos nos claustros e demais dependencias monacais. Denantes mesmo de entrar ó adro da igrexa, chamounos fortemente a atención a presenza de dous graníticos cans que semellaban flanquear a porta principal deste sacro e antigo edificio.
A Igrexa de Santa María de Melón posúe unha planta de cruz latina con corpo de tres naves de sete tramos. Destaca a cabeceira con deambulatorio gótico e a capela de soterramento, moi semellantes á do Mosteiro de Santa María de Oseira. A ábsida do presbiterio é semicircular e presenta, de cara ó exterior, unha forma poligonal na parte da capela maior e semicircular na das radiais. Sobre do ángulo conformado polas tres naves e o cruceiro, érguese unha torre de corpo rectangular rematada en casquete piramidal.
Contan que aló polo século XVIII, a igrexa foi reformada, modificándose a capela radial central, e que a finais do século XIX desaparece boa parte do corpo da mesma; provocando o seu peche cun muro historicista e converténdoa nunha igrexa cabeceira que contrasta, desproporcionadamente, co resto das naves. Logo de contemplar a igrexa, decidimos entrar a coñecer os claustros e demais dependencias do antigo mosteiro cisterciense de Santa María de Melón. Estabamos ás portas do cenobio de Santa María de Melón, pertencente á Orde do Císter e fundado aló polo século XII, máis concretamente no ano 1142. Do antigo muro do mosteiro somentes se conserva, nos nosos días, parte da cerca e unha portada semicircular que fica flanqueada por torres cilíndricas con seteiras, así como tamén o frontón triangular e a imaxe da Virxe María. Boa parte das dependencias monacais e claustros foron reducidos a ruínas e remataron por perdérense no tempo. Á nosa dereita achamos os restos dunha gran arcada que nos chamaron fortemente a atención.
Internámonos paseniño naquel mosteiro que até o de agora presentaba un estado de ruína e total abandono. Nada máis entrar achamos un impresionante claustro arrodeado de fermosísimas columnas no cal, para a nosa sorpresa, achamos numerosas mesas e cadeiras, e mesmo algún que outro veciño tomando un refrixerio. Non nos trabucamos, estabamos na terraza dunha taberna que ficaba nas entrañas mesmas dun mosteiro recentemente restaurado. Decidimos percorrer o mosteiro denantes de tomar asento naquela máxica terraza. Achegámonos pois até o pouco que queda, até as últimas dependencias monacais que aínda seguen en pé, ben por seren restauradas recentemente ou porque o tempo non as puido derrubar, para tratar de recrear parte da historia deste cenobio e dos seus antigos moradores. Antano, este mosteiro posuía dous claustros, o Principal e o Reglar. No Claustro Principal existían celas para os criados, os carreteiros, o porteiro e o cura, así como bodegas e cortes. No Claustro Reglar atopábanse as celas abaciais, a hospedaría, a cela do mordomo e algunha que outra sala destinada á servidume. Este claustro tamén posuía unha cociña, un arquivo, refectorio, coro, biblioteca e Sala Capitular. Pénsase que este claustro contaba tamén cuns trinta e seis dormitorios, e outros seis destinados ó noviciado.
Logo de repasar os diferentes espazos que conforman este mosteiro cisterciense de Santa María, de fitar as dependencias monacais, as bóvedas e unha gran cantidade de arcos e columnas, decidimos pasar a coñecer máis polo miúdo a súa historia. Contan que este cenobio pasou a pertencer á Orde do Císter grazas a Afonso VII, quen doou para este fin as terras da contorna. As primeiras comunidades monásticas en habitaren este cenobio proviñan das terras francesas de Claivaux.

Logo de coñecer unha pequena parte da historia deste sorprendente mosteiro e de visitar as súas mesmísimas entrañas, recentemente restauradas, acordamos sentar nunha das mesas daquel claustro e tomar unhas frescas e merecidas cervexas.

1 comentario:
É un belo mosteiro, mal coñecido e mal conservado na actualidade. A igrexa case sempre está pechada.
Publicar un comentario