sábado, 2 de agosto de 2014

Os danados muros da Torre de Sande


“Castelo de Sande,
pernas de avión,
cantas terras vexo,
todas miñas son”

Volvemos de novo cara as cálidas terras de Ourense para achegármonos agora até unha de tantas torres e fortalezas que aínda delimitan os antigos dominios e camiños deste noso histórico e verdescente país. Esta provincia atesoura numerosas torres defensivas, antigas atalaias de vixilancia, que testemuñan o paso dos séculos e que nos falan da súa historia e das lendas que foron xurdindo ó seu redor. Son moitas as torres e fortalezas que fican esparexidas por esta provincia. Algunhas delas presentan un excelente estado de conservación, mais tamén é certo que outras moitas presentan un estado de ruína e abandono. Nesta viaxe tiñamos previsto coñecer torres tan senlleiras como a de Sande, a de Viana do Bolo, a da Forxa, a da Pena e a de Sandiás; as tres últimas na Comarca da Limia. Nesta comarca, fai uns cantos anos, xa tiveramos a sorte de coñecer tamén as torres e murallas do Castelo de Monterrei, que fican nos nosos días en rehabilitación. Decidimos achegármonos primeiro até a de Sande e deixar pra máis adiante a de Viana e as tres anteriormente citadas torres limiás. 


Achegámonos pois até a comarca da Terra de Celanova, e máis concretamente até o Concello de Cartelle, para coñecer parte da historia e das lendas que agochan os danados muros da senlleira Torre de Sande, declarada de Interese Turístico Nacional no 1949. Sabiamos que pra dar coa torre debiamos procurar a Parroquia de San Salvador de Sande. Desta volta resultounos moi sinxelo achar o obxectivo que procurabamos. Nada máis chegar a Sande puidemos albiscar a silueta da súa impoñente e histórica torre nun intricado e xigantesco penedo que semellaba erixirse sobre dun frondoso e verdescente val, entre os cursos do Arnoia e do Miño. Achegámonos até aquela atalaia pétrea e arruinada contemplando a fermosa paisaxe que a arrodea. Non tardamos en chegar até os pés daquel penedo que albiscaramos ó lonxe nin en detérmonos baixo a sombra da súa impoñente torre. Á fin estabamos ante a histórica Torre de Sande, mais aínda debiamos ascender aquel intricado penedo para achegármonos ata ela.


Non nos resultou nada doado ascender o penedo sobre do que se asentan os muros desta torre medieval. Tivemos que ascender facendo camiño antr’as silveiras, pisando toxos e breixos, suxeitándonos ós espiños e ás xestas. Ascender este penedo foi unha tarefa con bastantes riscos, xa que nin coñeciamos o estado do acceso á torre nin dispuñamos da indumentaria axeitada para ascender con certa seguridade. Malia todo, decidimos emprender a ascensión até acadar os mesmos pés da Torre de Sande. Chegamos ó alto do penedo coas pernas ensanguentadas e coas roupas esfiañadas polas silveiras. Á fin estabamos ante os muros da primeira atalaia que tiñamos previsto coñecer nesta provincia, ante o pouco que queda da antiga fortaleza de Sande. O que máis nos sorprendeu nada máis chegar ó alto foi achar nun dos muros unha enorme e profunda fenda que semella pór en serio risco a conservación de boa parte da estrutura desta antiga torre da homenaxe.


Esta torre, erixida con perpiaños graníticos sobre da mesma rocha deste xigantesco petouto, posúe unha planta rectangular de 5,8 por 6,4 e unha altura de 13 metros. Pénsase que se pode tratar dunha construción de estilo gótico serodio, quizais do século XIV. No alto da torre consérvase un pequeno escudo de armas que recorda á liñaxe dos Sande. Nesta fachada onde achamos o escudo, achamos tamén outra profunda fenda que, ó igual que a viramos no primeiro muro, semella pór en serio risco a conservación da estrutura da torre. A Torre de Sande consta de varios andares, un deles abovedado, i está coroada por un ameado beiril que presenta un estado ruinoso.  Esta torre tiña como misión servir de centro de control da riqueza agropecuaria da veiga, mais tamén vixiar e dominar a confluencia de antigas vías de paso. Contan que aló polo ano 1141, o rei Afonso VII de León e Castela, alcumado O Emperador, e a raíña Berengela de Barcelona, doaron esta torre ós abades do Mosteiro de San Salvador de Celanova, outorgándolles tamén o título de marquesas da Torre de Sande. Pasado un tempo, entre os abades de Celanova e os descendentes da estirpe dos Sande viviríanse momentos de tensión. 


Nun dos enfrontamentos entre os abades e os descendentes da estirpe, Nuño de Sande mataría a un abade de Celanova, provocando o castigo real. A fortaleza dos de Sande pasaría de novo a ser patrimonio do mosteiro. Contan que no castelo tamén se vivirían momentos de gran tensión aló polo 1165, e mesmo sería este un campo de batalla nunha loita na que se enfrontaron Fernando II de León e Afonso Henriques, primeiro rei portugués. Contan que o monarca luso gañou o enfrontamento, apoderándose da fortaleza, mais os galegos cercaron o exército e, segundo conta a lenda, recuperaron o castelo coa axuda de San Rosendo. Diversos documentos achados semellan confirmar que no século XIV, o dono e señor desta torre e das terras d’arredor, era Paio Rodríguez de Araúxo, servidor do rei Xoán I de Castela. É unha mágoa achar esta histórica torre nun estado de conservación tan deficiente e lamentable. Liscamos de Sande cavilando nas profundas fendas que acharamos nos muros da torre. Agora tiñamos por diante coñecer outras moitas atalaias ourensás como a de Viana do Bolo, a da Forxa, a da Pena ou a de Sandiás. Como pode ser posible que esta Torre de Sande, declarada de Interese Turístico Nacional, presente un estado tan ruinoso?. O único que semella evidente é que, se ninguén o remedia,  esta torre e o pouco que queda da súa historia, rematarán por desaparecer. 

Ningún comentario: