sábado, 15 de novembro de 2014

A ruinosa Torre de Sandiás


“Non fumega a troneira,
Non s' escoitan nos páteos
Os ladridos d'os cans, nin o sonoro
Rinchar d'os feros potros e cabalos.
N'o escudo en que descansa
O corredor voado
Fan niño as anduriñas volandeiras
Y-escóndense os lagartos;
E n'o cima d'a torre
O galo d'a veleta, desprumado,
Remela os ollos cara ó vento Leste, 
¡O vento d'a ruina e d'os estragos!”
Manuel Curros Enríquez, Aire d’a miña terra

Logo de coñecer a impoñente Torre da Pena, no concello ourensán de Xinzo da Limia, decidín achegarme até o veciño Concello de Sandiás, nesta mesma Comarca da Limia, para coñecer desta volta parte da historia e das características da Torre do Castro ou Torre de Sandiás. Para achala tiven que achegarme até o lugar de Sandianes, pertencente á Parroquia de Santo Estevo de Sandiás. Esta antiga fortaleza, xunto coas da Pena, Celme e Porqueira, tiña o deber de protexer a Lagoa de Antela, desecada na década dos sesenta. Esta torre de Sandiás, iso si, non se conserva tan ben como a da Pena, mais o certo é que o estado de ruína da que agora nos ocupa apórtalle misterio e faina se cadra un pouco máis singular. Achegueime ata ela por un estreito sendeiro. A torre resulta impresionante, deixoume fascinado, sobre todo a soberbia anchura dos muros, agora derrubados. 

Crese que foi erixida sobre un antigo castro na primeira metade do século XII, sendo escenario de batallas entre o rei Afonso VII de Castela e León e Afonso Henriques de Portugal pola posesión do Condado da Limia e o establecemento da fronteira con Portugal. Aló polo ano 1386, e ó igual que a veciña Torre da Pena, foi asaltado polo Duque de Lancaster cando pretendía o trono de Castela. Tempo despois, no ano 1467 sería arrasado e reducido a cinzas polos irmandiños. Cóntase tamén que na guerra hispano-lusitana do século XVIII, foi un importante punto de concentración de tropas. Esta Torre do Castro pertenceu ós Señores de Maceda, ó Conde de Benavente, ó Marqués de Viana e á Casa Santana e Monterrei. Nos nosos días, logo de tantas batallas, somentes queda unha pequena parte, unha pequena mostra, da torre de homenaxe da antiga Fortaleza do Castro. Mais nela aínda se poden apreciar os seus rexos muros, de máis de catro metros de grosor. A Torre da Homenaxe constaba de tres andares, sobrado e terraza superior. Ollei os perpiaños que sostiñan os diferentes andares de madeira, as xanelas e as poucas ameas que aínda resisten. Lisquei de Santo Estevo de Sandiás cavilando nas duras batallas que se sucederon nestoutra torre limiá, maxinando como sería esta paisaxe coa Lagoa de Antela ateigada de auga e coas fortalezas veciñas arrodeándoa dende o alto dos montes da contorna. Lisquei desexando que o pouco que queda destes rexos e anchos muros da Torre de Sandiás se manteña en pé por moitos séculos máis para poder lembrar a nosa propia historia e non deixar que afunda nin desapareza; para que non deseque como a Lagoa de Antela. 

Ningún comentario: