sábado, 15 de novembro de 2014

A maxestosa Fervenza do Belelle


“Reza un merlo no souto
frorido de cereixos
relixioso ofertorio
duns místicos amores.
Pasa un vento de bicos
que vai buscando beixos, 
como enxame de abellas
que vai buscando frores.
[...]
Nas follas dos salgueiros
pelexas e chilidos.
Un trasno luxurioso
estala en gargalladas 
ollando, sobre o espello
das augas, os despidos 
corpos, cristal e neve, 
dun fato de dríadas”.
Ramón Cabanillas, No desterro

Esta finada primavera tiven a sorte de coñecer unha das fervenzas máis espectaculares e fermosas deste noso verdescente país. Acompañado polo meu bo amigo Samuel, percorreríamos a meirande parte dos concellos da Comarca da Ferrolterra. Nesta mesma viaxe coñeceríamos recunchos tan senlleiros como o Castelo de Narahío, no Concello de San Sadurniño, amais da Ermida da Virxe do Porto, o faro, a praia e a lagoa da Frouxeira, no Concello de Valdoviño. Desta volta, os nosos pasos dirixíanse cara o Concello de Neda, e máis concretamente, cara a Parroquia de San Paio do Roxal. 

Andabamos na procura da Fervenza do Río Belelle, un impresionante salto de auga que fica acubillado nunha contorna de gran valor natural e paisaxístico conformada polo Belelle; unha das meirandes fervenzas desta nosa terra. Este paradisíaco recuncho atópase moi preto do Parque Natural das Fragas do Eume. Ó pouco de poñérmonos a camiñar por unha senda e baixo a frondosidade dunha fraga máxica e feiticeira, e logo de atravesar a presa dunha pequena central hidroeléctrica construída a comezos do século pasado para surtir de electricidade á cidade de Ferrol, comezaríamos a escoitar o estrondo da monumental fervenza. Á fin, antr’as mestas e floridas ramaxes das árbores, comezaríamos a albiscar tamén a branca saba d’auga que escorrega instintiva por antr’os penedos, o fascinante curso do Belelle. Achegámonos até os mesmos pés de semellante fervenza para tratar de ollala máis de preto. As augas do Río Belelle precipítanse, nada máis e nada menos, que dende uns 45 metros de altura, polo que sen lugar a dúbidas, é unha das meirandes fervenzas deste noso país. O Río Belelle nace na Parroquia de San Martiño de Goente, pertencente ó Concello das Pontes de García Rodríguez, e atravesa os concellos de A Capela, Fene e Neda denantes de desembocar na Ría de Ferrol. Ficamos abraiados ante aquela maxestosa fervenza. Debo confesar que, para min, é unha das tres fervenzas máis impresionantes da Galiza xunto coa do Xallas e a da Corga da Fecha, mais somentes é unha opinión persoal. O certo é que non dabamos creto ó que estabamos a ver, sentados de fronte á fervenza e arrodeados pola maxia primaveral da natureza. Na parte inferior da fervenza achamos unha serie de pozas naturais onde se refrescaban os máis ousados mozos do lugar.


Logo comezaríamos a camiñar por un sendeiro onde puidemos ollar e coñecer parte da fermosura destas fragas. Camiñamos un bo anaco, respirando o aire puro deste verxel da Ferrolterra, desta máxica fraga nutrida dende a noite dos séculos polas augas puras e transparentes do Belelle. Retornamos de novo cara a fervenza denantes de liscar, pra escoitar o seu ruxido e sentir a súa forza. Ficamos de novo atónitos ante a grandeza deste río e desta fervenza, ante a fermosura paisaxística do lugar. Liscamos realmente sorprendidos e satisfeitos. Canta paz e harmonía, canta pureza e canta vida se respira neste ártabro verxel, neste pequeno paraíso atlántico.

Ningún comentario: