sábado, 8 de novembro de 2014

Os cervos do rianxeiro Petróglifo dos Mouchos


“Enas verdes hervas,
vi anda-las cervas,
     meu amigo.
Enos verdes prados,
vi os cervos bravos,
     meu amigo.
E con sabor delas
lavei mias garcetas,
     meu amigo.
E con sabor d'elos
lavei meus cabelos,
     meu amigo”.
Pero Meogo, Cantigas de amigo

Fai cousa dun par de meses viaxei cara Rianxo para tratar de achar algún dos seus máis senlleiros petróglifos onde contemplar cervos gravados en frías e humedecidas pedras, que semellan sobrevivir dende miles de anos atrás por antr’os seus montes. Viaxamos cara a terra nai do noso ilustre médico, poeta, escritor, político, debuxante e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para procurar neste seu Rianxo natal os primeiros debuxos coñecidos que tanto abondan neste noso país e que tan pouco caso se lles fai. Andabamos na procura do Petróglifo dos Mouchos, aínda que sabiamos que non serían mouchos o que nos atoparíamos por estes montes senón máis ben os sucos que conforman a silueta zoomorfa duns máxicos e simbólicos cervos. 


Para dar con eles tivemos que desprazarnos até o lugar de Brión, pertencente á Parroquia de Santa María de Leiro. Nada máis chegar ó lugar de Brión xa puidemos albiscar uns indicadores que nos alertaban da presenza e proximidade dos petróglifos. Puxémonos a camiñar dende a mesma estrada cara un sendeiro que semellaba internarse no monte. Logo duns aproximados 50 metros acharíamos un claro á nosa esquerda e albiscaríamos os afloramentos rochosos onde supuñamos que se atoparían os gravados. E non nos trabucamos. A medida que nos íamos achegando xa comezabamos a ver aqueles cervos de gran cornamenta. Os gravados fican espallados en tres rochas espidas do afloramento. Na primeira rocha que vimos achamos unha figura antropomorfa sobre dunha zoomorfa, algo así como unha representación de equitación. Na parte inferior acharíamos tamén un cuadrúpede sen rematar, amais dunha representación circular con coviñas no interior e un pequeno grupo de cérvidos. 


Os gravados ficaban escurecidos pola humidade e pola sombra. Acto seguido, achegariámonos até outro dos afloramentos e acharíamos un cervo macho solitario dun tamaño bastante considerable. Achegámonos ata el sorprendidos pola profundidade dos gravados e a sinxeleza e claridade coa que semella revelarse. Nesta mesma cara da rocha acharíamos tamén outras moitas figuras zoomorfas e cuadrúpedes pero de menores dimensións. Tentamos achar algún gravado no terceiro afloramento pero non tivemos moita sorte, apenas albiscaríamos algún que outro suco sutil; a sombra do solpor apoderárase da rocha. Foi toda unha sorte coñecer esta gran manada de cérvidos tatuados nestes afloramentos graníticos dende a longa noite dos séculos. Quen sabe o sentido que puideron ter para aqueles primeiros moradores deste noso país, pero somentes o feito de poder achalos, contemplalos e acariñalos, fainos sentir un pouco máis preto deles, das súas teimas e inquedanzas, dos seus soños e crenzas.  

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Non estou seguro de todo, pero polo que comentas penso que che pasou o mesmo que a nos a primeira vez que os visitamos. Dende o grabado máis preto o muro da casa se continúas hai outro case pegado o muro.

O primeiro día fun so facendo unha visita camiñando polos xacementos do lugar, pero o ver as fotos unha amiga comentoume que ela tiña un vello catálogo e os cervos da portada non os vira, e xa na segunda visita si que demos con eles.

Aquí tes máis información, aínda que agora mesmo non sei se esta ruta e posible facela porque pasamos algúns tramos xa moi pechados por aquel entón. Se buscas ben podeste achegar máis preto en coche.

http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=5951290

Saudos e parabéns polo teu blog. E interesantísimo.

Alex

Iván Fraga dixo...

Moitísimas gracias Alex!

Sei que me quedaron eses atrás, e asegúroche que tratarei de voltar canto ántes por alí, xa que aínda teño pendente visitar as mámoas e dolmens dos Campiños, que polo que vexo, aparecen tamén na ruta que me pasas. Por se fose pouco, tamén me achegas outros dous petróglifos que non tiña nin previsto coñecer; A Forxa Vella e o Alto do Pilotiño, así que se algún día os visito e os fago públicos neste blogue, asegúroche que direi que foi grazas a ti.

Un saúdo e pásate sempre que queiras por esta fraga!