“e o poema mortal con nomes e nomes que non se tocan
e corpos derrubados pola néboa
e pesadelos mornos que despertan un home
debaixo dunha luz queimando verbos
chuvia en fervenza quente derretendo a pedra”
Xosé María Álvarez Cáccamo, Escolma
Esta pasada primavera decidimos achegarnos até o leito doutro río galego para descansar e refrescarnos, mais tamén pra fitar unha máxica e descoñecida fervenza onde sentir o balbordo e a forza das súas augas. Desta volta quixemos procurar o curso do Rego de Arcos, un afluente do Río Xallas que atravesa a parroquia de Santiago de Arcos, no concello coruñés de Mazaricos, onde xa tiveramos a oportunidade de coñecer o milenario Dolmen de Mina da Parxubeira e a ruinosa Igrexa de Santa Baia de Chacín. Viaxamos de novo cara este concello da Comarca de Xallas para tratar de coñecer agora un dos tramos máis fermosos do Rego de Arcos, un río de curto percorrido que fica ateigado de saltos e pozas e que posúe unha gran beleza natural e paisaxística. Este río conforma o val que separa os macizos do Monte do Pindo do Monte da Ruña. Andabamos na procura da Fervenza da Nuveira, un fermosísimo salto de auga, duns dez metros de altura, que fica xusto detrás dos cumios do Monte Pindo e moi preto da monumental Fervenza do Río Xallas.
Achegámonos até este encrave conformado polo Rego de Arcos, ascendendo o Miradoiro de Ézaro, no veciño Concello de Dumbría. Nunca me cansarei de contemplar dende este alto as súas marabillosas vistas. Dende este miradoiro albiscamos de cheo toda a grandeza da Ría de Corcubión; a desembocadura do Xallas, o areal e a vila do Ézaro, o monte, o porto e a vila do Pindo, as Illas Lobeiras, o Carrumeiro e a impresionante silueta do Promontorium Nerium fisterrán no horizonte.
Logo de atravesar o encoro de Santa Uxía sobre da mesma presa do Xallas, achamos o lugar de Nuveira. Desgraciadamente, non achamos neste lugar, nin nas proximidades, ningún tipo de indicador que nos alerte da presenza da fervenza que procurabamos, mais sabiamos que ficaría moi preto dunha depuradora de augas. Atopamos a citada depuradora a uns 300 metros denantes de chegar á parroquia de Arcos. Puxémonos a camiñar a carón da mesma e, ó pouco, xa comezamos a escoitar o estrondo do que semellaban ser as augas da Fervenza da Nuveira. Non tardamos en chegar.
Á fin estabamos ante a fermosa e descoñecida Fervenza da Nuveira, ante as axitadas augas do Rego de Arcos. Resulta incrible contemplar a cortina de branca escuma que esvara e se esvaece sobre dos encarnados e graníticos petoutos. Como diciamos anteriormente, esta fervenza posúe unha altura aproximada de dez metros, durante os cales as súas augas se arremuíñan conformando unha gran cantidade de saltos e de pequenas pozas. Precisamente nestas pozas, moitos veciños das aldeas de arredor procuran o fresco das súas augas nas xornadas máis calorosas i estivais. Ao noso redor abríanse paso fragas infestadas de carballos e salgueiros, mantos de musgo e fentos nas ribeiras. Sentamos de fronte á ruxidoira, pechamos os ollos e centramos toda a nosa atención no balbordo, no ronco son das súas augas.
Antano, denantes da construción do Encoro de Santa Uxía, o Rego de Arcos vertía as súas augas directamente sobre do curso do Xallas. Logo da citada construción, as augas do Rego de Arcos pasaron a ser vertidas ó Encoro de Santa Uxía. Cavilamos en canto debeu de mudar a paisaxe destas terras dende aquel entón. Canta paz se respira neste recanto da Nuveira, canto descanso achamos no son das súas augas arremuiñadas, nos cálidos matices daquelas rochas de granito rosa. Foi unha sorte coñecer este lugar, mais semella incrible que aínda nos nosos días careza de indicadores ou sinais que nos conduzan ata el. Liscamos desta fervenza paseniño, escoitando o seu estrondo cada vez máis lonxe de nós. Oxalá algún día volvamos até esta fermosísima ruxidoira somentes pra pechar os ollos e detérmonos no seu son, pra ceibar nas súas augas as nosas tensións, as nosas teimas, os nosos pensamentos; pra sentirmos de novo aquela “chuvia en fervenza quente derretendo a pedra”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario