luns, 13 de maio de 2013

O Mosteiro de Monfero e a teima dos Andrade


“Marusías da Frouxeira
corredoiras sen distancia
fragas do Eume e Monfero
lagoas regos pucharcas
escuridade das lúas
chirlosmirlos treboadas”

Antón Cortizas Amado, Nos Páramos da Lúa


Algo temos falado xa da abondosa cantidade de abadías que se perden na nosa xeografía, das antigas labouras monásticas e da innumerábel cultura que nos legaron. Falamos das ricas e mestas fragas que os arrodean, así como do uso que se lle foi dando ós vellos muros destes sacros complexos ó longo do tempo. Moitas destas históricas abadías aínda seguen con vida, como o Mosteiro de Sobrado, mentres que outros foron transformados en luxosos hoteis ou museos, como é o caso de Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil. Mais tamén é certo que nesta terra de mosteiros aínda fican moitas abadías derrubadas e saqueadas. Viaxamos até outro dos moitos monumentais mosteiros do noso País para coñecer un pouco máis de preto a súa historia. Desta volta, ata unha desas abadías abandonadas da que tan so coñecemos o seu nome, Santa María de Monfero. Encamiñámonos cara a Comarca do Eume, onde xa tiveramos ocasión de coñecer as súas fragas e a histórica vila de Pontedeume. Alí, nos antigos dominios dos Andrade, fica aínda un histórico complexo monástico que nos fala das antigas contendas entre os señores e a Igrexa. Deixamos tras de nós Pontedeume e a maxestosa sombra da Torre dos Andrade para viaxar uns vinte quilómetros até o concello coruñés de Monfero. 


Este municipio atópase arrodeado polos concellos coruñeses de Miño, Irixoa e Vilamaior, así como tamén polos termos municipais de Guitiriz e Xermade, da provincia de Lugo. O mosteiro fica na parroquia de San Fiz de Monfero, a máis de 300 metros de altitude i entre as ásperas serras de Cela e Moncoso, baixo as que discorren os cursos do Eume e do Lambre. Pouco despois de atopar o lugar d’As Travesas, albiscamos dende o lonxe os vellos muros da nosa procurada abadía. Non tardamos en fitar a axadrezada fachada barroca do antigo Mosteiro Cisterciense de Santa María de Monfero, nin a súa torre nin o seu cruceiro. Estabamos ante un dos máis claros exemplos da vida monacal na Galiza d’antano, unha mostra máis do poder eclesiástico que, dende que temos conciencia, imperou no noso País. O Mosteiro de Monfero fica nun outeiro arrodeado de montes e fragas, mais as súas dependencias fican baleiras e silenciosas. Esta abadía conta con tres claustros, unha igrexa, portería, baptisterio, refectorio, cociña, capelas laterais e mesmo un scriptorum, onde os abades lían e transcribían documentos. Mais ningunha destas salas alberga xa monxe algún. Na portería somentes rezan os merlos. A historia deste mosteiro comeza aló polo ano 1134, baixo o reinado de Alfonso VII; un coñecido promotor da Orde do Císter. Por aquel entón, os nobres Alfonso Bermúdez e Pedro Osorio, tío e sobriño respectivamente, mandaron erixir o mosteiro que hoxe coñecemos. 


Dende un principio, esta abadía foi encomendada a monxes beneditinos que procedían de Santa María de Valverde, e despois, tamén de Santa María de Carracedo. Contan que esta abadía chegou a albergar a máis de 70 monxes beneditinos. No 1135, recibe o visto e prace de Don Alfonso VII, e anos despois, aló polo 1147, convértese en Mosteiro Cisterciense baixo a xurisdición dos monxes de Sobrado. Mais non sería de xeito oficial até o ano 1201. A partires do século XIII, o mosteiro comeza a medrar, en parte grazas ás granxas que os monxes foron creando arredor da abadía, e sobre todo grazas ós beneficios que foron sacando a base de arrendarlles as terras ós veciños. Os abades de Monfero fóronse facendo cunha importante riqueza e patrimonio, nembargantes, a súa ledicia non lles ía durar moito tempo. Anos despois, xa no século XIV, chegaron as primeiras contendas cos nobres. Os señores de Andrade e os Aras Pardo, como preludio do que pasaría séculos despois entr’os veciños, comezan a fartarse do abuso que a Igrexa estaba a exercer sobre do pobo, así como do patrimonio que os monxes estaban a atesourar nas súas propias terras. A guerra estaba declarada. Nembargantes, a intervención real redimiu en favor dos abades, polo que seguiron a atesourar riquezas para o seu mosteiro. Durante os séculos XVI e XVII, e grazas ó crecemento económico, o mosteiro viviu a súa época de maior esplendor. Acometéronse moitas das obras nas dependencias monacais e, sobre todo, na igrexa. O mosteiro foise renovando. 


O que máis chamou a nosa atención cando chegamos a esta abadía foi, sen dúbida, a fachada barroca da igrexa. En ningún outro santuario galego puidemos ollar a extraordinaria combinación da lousa e o granito, esa alternancia de cores que aportan as dúas rochas coas que se divide o chan da nosa Galicia. Trátase dun templo de planta de cruz latina construído entre o 1622 e o 1656 sobre dunha primitiva igrexa do século XII. Consta dunha única nave de 65 metros de longo por uns 12 e medio de ancho. O cruceiro dá lugar a unha gran cúpula octogonal de claras influencias italianas. O axadrezado da fachada, a base de perpiaños de lousa e granito, enmárcase entre dúas pilastras e catro columnas de chapiteis corintios que se erguen até a cornixa sobre da que se erixe, aínda sen rematar, a única torre do campanario. Na fachada aparecen tamén dúas figuras femininas que, polo que contan, poden simbolizar á raíña e a unha monxa. Mais os verdadeiros segredos desta fermosa igrexa fican nos seus adentros. Baixo os sacros muros da igrexa de Santa María de Monfero, neste mesmo santuario que dera orixe a tantas contendas, fican os sepulcros da estirpe dos Andrade. 


Aquí descansa o corpo de Nuño Freire de Andrade, alcumado O Mao e finado no 1431, do que contan que o seu gótico sartego é anterior á propia igrexa. Mais neste santuario tamén descansan os restos de seu pai, Pedro Fernández de Andrade, finado no 1407, así como tamén os de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, e os do seu fillo Diego de Andrade; falecidos no 1470 e 1492, respectivamente. A carón destes sartegos, e gravados en fría pedra, disque fican cabaleiros medievais armados, anxos, cans (en sinal de lealdade) e, por suposto, os escudos da Casa dos Andrade.
Os anos foron pasando e a vella abadía seguía a vivir os seus mellores tempos, mais aínda lle agardaba unha nova e definitiva contenda. Durante os séculos XVIII e XIX, os veciños comezaron a súa particular loita cos monxes de Monfero, negándose a pagar as abusivas rendas. Isto, sumado ás invasións francesas e á inestabilidade da política castelá, non fixo máis que entorpecer o porvir do mosteiro. No ano 1820, Santa María pecha as súas portas, mais non de xeito definitivo. Tres anos despois, no 1823, permítese ós monxes retornar a Monfero. E o certo é que moitos volveron, mais aquel mosteiro xa ficaba saqueado e inhabitable, derrubado. Ós monxes non lles quedou outra que marchar por onde viñeran. Anos despois, o Arcebispo de Santiago, ante o abandono no que ficaba o vello mosteiro de Santa María, decide doar os retablos da igrexa ás parroquias d’arredor. Así é como remata a paradoxo desta vella abadía, cos monxes fóra dos claustros e os nobres na igrexa de Santa María. Profundamos en cada unha das súas vistas, atesourando recordos que nos achegan a tempos finados.


O vello Mosteiro de Santa María de Monfero fica agora derrubado, mais as súas dimensións aínda o fan grandioso e colosal. Aínda se poden apreciar as antigas balconadas, as chemineas, a gran cantidade de estreitas xanelas que ollan ó val e as xuntas d’antigas vidreiras. Puidemos dar boa conta dos seus poderosos contrafortes e das numerosas dependencias nas que habitaban os monxes. Baixo as xigantescas paredes e piares puidemos comprender o afastados que se debían sentir os veciños respecto dos abades. Poida que as rendas foran prexudicando a imaxe que o pobo tiña do mosteiro, mais o único seguro é que o poder e a riqueza que foi atesourando, era a verdadeira teima dos Andrade. Os monxes loitaron e defenderon o seu mosteiro, mais foi a suor do pobo a que fixo posible que se erguera, a que transformou a primitiva capela do século XII nun mosteiro cisterciense de gran renome e prestixio. As disputas e o tempo foron silenciando a vella abadía, e a humidade dos invernos, apoderándose dos claustros. Semella que logo de tantos séculos de disputas, o destino quixo outorgarlles a Santa María e ós Andrade, unha longa estadía de silencio. Que o vello cenobio de San Fiz volva a vivir, con ou sen disputas, os seus mellores tempos!

2 comentarios:

navegacruz dixo...

Ola Iván!
qué boa entrada, dicircho é reiterar a mesma idea de sempre, pero... cómo me gustan as fotos, o texto!!
De Monfero sempre lembrarei unha anécdota boba: o mal que o pasei perseguida por unha xuvenca do país, desas de cornos afiados, cando fotografiaba o último claustro, o máis grande; o animal pacía, e cando lle chegou a hora da tardiña, quixo sair, turroume e perseguiume ata o coche: a lei de Murphy quixo que me caeran as chaves do coche ó chan na carreira... así, sen burladeiro, voltei buscalas coa vaca atrás de min... afortunadamente... sigo viva.
Pasarei polo Cesto...

Iván Fraga dixo...

Grazas compañeira! Entendo o medo que debiches pasar diante daquela vaca, mais debo recordarche que, como ben dicía o noso Castelao, "a vaca é o simbolo da paz". Seguro que a pobre só sentía curiosidade...

Apertas, Cruz!