os carrascos nacerán,
e no dolmen en que'ibámos
de noite a sacrificar,
criáranse herbas e toxos
y-os mouchos aniñarán...
Cobrirán silvas y-adreiras
as pedras do noso lar,
e sobr'as mámoas dos mortos
xente allea pasará..."
Arcebispo Lago, O Derradeiro Celta
Pedra Cuberta |
Atravesámo-las saias do fértil Val da Soneira tralas pisadas dos máis antergos, poboadores ancestrais da nosa terra. Entre os nosos obxectivos atopábase o de procurar esas xoias herdadas dende tempos inmemoriais, para comprender e fitar de preto os vestixios dos antano habitantes dos comezos da historia do noso País. Namentres nos adentramos neste húmido val, ollamos as prácidas pradeiras de cores verdescentes, repletas de pastizais e leiras traballadas, coma noutrora tamén traballaron os antergos.
A vida nos tempos remotos da nosa vella historia transcorría parella ás actividades gandeiras e agrícolas. Cando se comezaron a traballar as terras, aquelas primitivas comunidades neolíticas, estableceron os primeiros poboados estables. Vivían en tribos con crenzas ancestrais que falaban dos poderes da nai terra, e no poder das pedras coma portas ó alén, na converxencia coa mesma natureza. Por iso, namentres os vivos habitaban en cabanas de arxila e ramallos, os mortos xacían baixo a sombra de xigantescos monumentos de pedra. Isto acontecía fai nada máis e nada menos que seis mil anos.
A vida nos tempos remotos da nosa vella historia transcorría parella ás actividades gandeiras e agrícolas. Cando se comezaron a traballar as terras, aquelas primitivas comunidades neolíticas, estableceron os primeiros poboados estables. Vivían en tribos con crenzas ancestrais que falaban dos poderes da nai terra, e no poder das pedras coma portas ó alén, na converxencia coa mesma natureza. Por iso, namentres os vivos habitaban en cabanas de arxila e ramallos, os mortos xacían baixo a sombra de xigantescos monumentos de pedra. Isto acontecía fai nada máis e nada menos que seis mil anos.
Pedra Cuberta
O primeiro vestixio que atopamos nesta ruta, fica nun pequeno eucaliptal a carón da aldea de Arxomil, na parroquia de Treos (Vimianzo). Georg e Vera Leisner foron os primeiros investigadores que divulgaron, alá polos anos trinta, a existencia deste impoñente dolmen, construido no cuarto milenio antes de Cristo. Estamos a falar dun dos exemplos máis senlleiros do Megalitismo europeo.
O dolmen de Pedra Cuberta |
Os seus afiados e vertixinosos ortóstatos érguense case dous metros sobre o chan, conformando un corredor de case sete metros de lonxitude. Adentrámonos nas entrañas da antiga cámara funeraria para poder ollar de preto unha das principais características que fan de Pedra Cuberta, unha referencia en todo o continente: Os derradeiros trazos das primeiras pinturas feitas polos primeiros galegos orixinarios. Algúns contan que a capa base desta arte rupestre estaba conformada por caolín, de gran abundancia nestas terras. Coas súas rudas mans debuxaban formas xeométricas, motivos decorativos, e mesmo deidades primitivas. Empregaban pinturas fabricadas con productos extraidos da natureza, coma os óxidos de ferro para lograr tons vermellos e o carbón para as tonalidades escuras. Contan que ata se empregaba o ovo para darlle corpo ós tintes. Na actualidade, estas vellas herdanzas fican asulagadas polos liques e musgos, mais aínda se poden vislumbrar as primitivas liñas dun trazo irregular pero metódico. Dende o lonxe, as súas xigantescas laxas semellan unllas de pedra que xurden do corazón mesmo da terra. Mais a lenda negra que se agocha baixo a sombra do paso do tempo, quedou gravado na propia superficie da pedra, coma unha tatuaxe irreparable que degradou o seu estado. A golpe de barreno, rebentaron a vella tumba. Pero o sacrilexio non remata alí: a anta de cubrición, que debeu ser de dimensións impoñentes, fica desaparecida, nementres o monumento segue a coñecerse como Pedra Cuberta.
Pedra Moura
O dolmen de Pedra Moura |
O nome das Mouras sempre está presente nas vellas lendas que aínda se conservan baixo as antas rochosas. Nestes falares dos vellos, os antergos dolmes eran covas nas que habitaban os espíritos dos mouros, é dicir, dos primitivos antepasados; o xerme da nosa raza. De camiño a esta xoia do Neolítico, sentimos a humidade que aflora das profundidades do Val da Soneira. Nestas terras bendecidas, o home segue a cultivar o seu propio sustento, mantendo estoutra herdanza milenaria. As vacas pacen nuns outeiros cubertos de herba mesta. É precisamente nun destes prados, na parroquia de Serramo (Vimianzo), onde albiscamos á fin un dos dolmes máis xeitosos deste percorrido. O megalito de Pedra Moura atópase no medio dunha antiga mámoa que cubría e protexía esta tumba colectiva, que acada uns quince metros de diámetro. A súa recollida forma, semellante a un profundo coveiro, permitiu conservar parte das pinturas que se agochan baixo as súas laxas, na entrada do pequeno e intricado corredor. Abandonamos este fermoso dolmen na procura da seguinte parada deste roteiro dos megalitos. Os vellos labregos traballan baio a dura luz do sol de inverno, agoirando choiva. No medio das extensas pradeiras e labradíos, poden vislumbrarse xigantescas pedras erosionadas polos elementos, e das que os antepasados aproveitaron parte das mesmas para construiren unhas tumbas destinadas a perdurar ó longo dos séculos.
Os restos do Dolmen Pedra da Lebre |
Pedra da Lebre
Resulta moi lamentable observar o entorno do dolmen da Pedra da Lebre. Os resquicios da necrópole fican inmersos baixo a sombra dun eucaliptal e asediado pola maleza. Pouco se pode observar, máis que o abandono que ningunha destas sacras e antiquísimas pedras se merece. Mais no medio da ruína, un pequeno acivro, xurde do ventre da vella cámara poligonal, coma se os espíritos dos mouros obraran un feitizo. Arrodeamos o dolmen e acariñamos cada unha das súas graníticas chantas; as que aínda seguen en pé e tamén ás derrubadas. Deixamos as ruínas da Pedra da Lebre e collemos rumbo cara as terras de San Antoniño de Baíñas, no Concello de Vimianzo, onde se atopan varios dolmens, entre os cales destaca un dos conxuntos máis monumentais entre os megálitos galegos; a impresionante Pedra da Arca.
Pedra da Arca
Debemos avanzar varios centos de metros por unha pista forestal para albiscar, no alto dun prado, a xoia final deste percorrido. A Pedra da Arca, que se localiza moi preto do lugar de Regoelle e na fronteira mesma que divide os concellos de Dumbría e Vimianzo, semella agochada nun pequeno coveiro, polo que dende lonxe non se aprecian as desproporcionadas dimensións que ostenta.
Cando nos achegamos, descubrimos unha soberbia anta de cinco metros de longo por uns tres e medio de ancho. Calcúlase que debe pesar unhas doce toneladas. Ollamos esta proeza, imaxinando como puido ser posible que uns poboadores tan primitivos e sen medios, puideran realizar esforzos sobrehumanos para ergueren estas pedras, unhas derriba das outras. Amosa unha cámara poligonal cun corredor duns sete metros e medio de lonxitude. Baixo as súas portentosas laxas, os derradeiros resquicios das pinturas néganse a desaparecer. Os feros corvos do Xallas seguen a pousarse enriba das vellas e inmensas antas, e a sobrevoar ceibes os dominios dos antergos. As vacas seguen a deitarse á sombra dos megalitos, coa paz da Soneira e coa maxia dos mouros. Que non afundan nunca os primitivos tintes que aínda sobreviven baixo a sombra das antas do Val da Soneira!
Dolmen de Pedra da Arca |
2 comentarios:
Ese si que é o maior patrimonio que conserva o megalitismo da zona, e non o Dolmen de Dombate, que dende que interviñeron semella o dolmen de playmobil. Moi boa entrada, e gran foto a da cabeceira. Un saúdo!
Grazas tamén a ti, fiel compaheiro de viaxes. Ah!, e sen os teus apuntes históricos esta Fraga non sería o mesmo!. Un saúdo, camarada.
Publicar un comentario