"Reza un merlo no souto
frorido de cereixos
relixioso ofertorio
duns místicos amores.
Pasa un vento de bicos
que vai buscando beixos,
como enxame de abellas
que vai buscando frores.
Fío a fío debulla
súa madeixa a fonte
barbullando chorosa
o verso lexendario
do Paxe do Castelo
aforcado na Ponte
e da Reina encantada
no Pazo solitario.
Nos cálices das rosas
hai comunión de orballo.
Mentras no rexio alcázar
xunto ó baleiro trono
por ela espera a Corte,
á sombra dun carballo
texe a Princesa roiba
un encaixe de Ensono".
Ramón Cabanillas, No desterro
A ponte do arco que une o Pazo de Fefiñáns co seu bosque particular. |
Seguimos
descubrindo as terras do Salnés, corazón das Rías Baixas. Coma ben ten cantado
a lendaria voz do inigualable Pucho Boedo, son estes remansos do Atlántico
auténticos “encaixes de ouro e mar”, e tamén o berce dun dos mellores viños do
planeta, o Albariño. No noso percorrido chegamos ata a singular e fermosa vila
de Cambados, poboación que viu medrar ó insigne “Poeta da Raza”. O centro desta
vila está presidido polas maxestosas fachadas de Fefiñáns, posiblemente o pazo
máis coñecido de Galicia. A súa estrutura, en forma de escadra ou “L”, ocupa
dúas das caras da Praza de Fefiñáns, onde o granito se mestura coa sombra dos
viñedos.
A historia
deste pazo está intimamente ligada á produción vitivinícola. Trátase dun lugar
fundamental para a historia da elaboración do viño galego máis recoñecido internacionalmente.
Non en van, foi o primeiro lugar de Galicia onde se embotellou o Albariño, e
onde din que está plantada a primeira cepa de Albariño da Comarca do Salnés; a
nai de tódolos viñedos deste branco de primeira. Hoxe en día, os seus
propietarios esfórzanse por manter a tradición e seguen a elaborar e
comercializar o viño das súas históricas bodegas.
Esta vivenda
pacega foi construida aló polo século XVI por Juan Sarmiento de Valladares,
conselleiro de Felipe II. Os seus descendentes, Marqueses de Figueroa, seguen a
ser os donos e señores da vella e nobre fortaleza. As súas impoñentes fachadas
contan con numerosas portas e fiestras con friso triangular, e balconadas de
ferro. Nas esquinas destacan uns balcóns circulares que semellan tribunas de
oradores, unha característica moi distintiva deste pazo. Dous grandes escudos
de armas, sobre as portas principais, fálannos da lonxeva liñaxe dos señores do
Pazo. Nun lateral
albiscamos a ponte de arco, que só conserva unha das dúas metades por mor da
ameaza urbanística que sempre asedia a pervivencia desta nobre casa. Sobre o
arco, unha balconada barroca comunica as dependencias do pazo cun auténtico
bosque de dezaseis hectáreas no medio do corazón de Cambados. Unha das
lendas que acompaña a historia do vello pazo de Fefiñáns é a dunha persoa que
se adentrou no labirinto do xardín e perdeu a vida por non ser quen de atopar a
saída, polo que se desmantelou. Esta é
só unha das historias que agochan os rexos muros deste pazo dos Figueroa. Dos
seus muros saíron as primeiras cepas de Albariño que nos nosos días se estenden
polas ribeiras dos vales e das rías pontevedresas. Longa vida ó Pazo de
Fefiñáns e ás centenarias vides do albariño!
O pazo ubícase na Praza de Fefiñáns, en plena vila de Cambados |
1 comentario:
Cantas veces non pasearía Cabanillas baixo as parras da Praza de Fefiñáns! Sen dñubida, é un dos pazos máis antigos, fermosos e clásicos de Galicia. Gran entrada, noraboa. Un saúdo!
Publicar un comentario