martes, 18 de xuño de 2013

Casota de Freáns, refuxio milenario de Berdoias


“Vin revelarse as antas na afinidade da morte
todo se pode ler nesta páxina atlántica
na sustancia unitaria do narcisismo celta
Na camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair”
Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon

Continuamos a nosa particular andaina tralas pegadas milenarias dos antergos, viaxando unha vez máis, cara a bravía costa dos ardentes solpores. Coma xa fixeramos en anteriores ocasións, decidimos trasladarnos a tempos remotos para profundar nesas ancestrais xoias do Megalitismo que tanto abondan neste noso País. Decidimos continuar a ruta que comezaramos hai cousa dun ano, cando visitaramos parte dos dolmens do Val da Soneira. Neste interesantísimo roteiro coñeceramos os vestixios de Pedra Cuberta, Pedra Moura, a Pedra da Lebre e a Pedra da Arca, mais deixaramos outras tres mostras para máis adiante. Unha delas era a Fornela dos Mouros, situada no interior do Concello de Laxe, a Arca de Rabós en San Antoniño de Baíñas e, por último; a que agora teredes o gusto de coñecer. Os nosos pasos diríxense cara o concello coruñés de Vimianzo, até o húmido e histórico Val da Soneira. Alí descansan as frías e misteriosas laxes dun dos dolmens máis particulares do noso País. Puxémonos a camiñar na parroquia de San Pedro de Berdoias, logo de deixar atrás a estrada que une estas feras terras da Costa da Morte coa nosa húmida e fría capital. Logo de atravesar a aldea de Berdoias e deixar tras de nós o ruído das grandes estradas, emprendemos o vieiro que nos levaría ata o Dolmen de Freáns, tamén coñecido como a Casota dos Mouros. Este dolmen garda moita relación coa Fornela dos Mouros, xa que ámbolos dous teñen unha morfoloxía semellante e unha antigüidade que os emparella.


Logo de atravesar un par de quilómetros por un vieiro milenario e a carón de verdescentes veigas e pradarías, á fin puidemos albiscar, á beira do camiño e arrodeado polas xestas, as lisas e cadradas laxas do noso procurado monumento megalítico. A escasos metros das chantas de Freáns, o ceo comezou a cuspir as primeiras pingas do que sería unha escura tarde de infindas doiras. Semellaba que o destino quería refuxiarmos baixo a pálida anta deste dolmen milenario. Irremediablemente, tivemos que resgardarnos da chuvia no interior desta antiga construción até que pasase o peor. Contan que é común que os pastores da zona se resgarden, namentres vixían os rabaños e coma nós fixeramos, baixo a anta de Freáns. Namentres agardabamos a que o ceo nos concedera unha tregua, aproveitamos para ollar a terra batida e as herbas ventureiras que emerxían do duro chán da Casota. Mais tamén puidemos contemplar as marcas gravadas nas chantas de Freáns. Este dolmen conserva no seu interior, amais dos limos da humidade que escorregan baixo da sombra, pequenas coviñas e mesmo cruces, que semellan falarnos dos ancestrais cultos pagáns e, tamén, da súa posterior cristianización. A forte chuvieira foi amainando, polo que decidimos saír ó exterior e contemplar este antigo monumento en plenitude.


Esta construción de reducidas dimensións conserva unha morfoloxía similar á Fornela dos Mouros. Ámbolos dous presentan unha planta rectangular conformada por tres chantas verticais sobre das que se sostén a anta; no caso de Freáns, de case dous metros e medio de ancho por tres e medio de longo. Tanto a Casota de Freáns como a Fornela dos Mouros, carecen de corredor i estrutura funeraria, polo que moitos estudosos pensan que máis ca dolmens, se traten de construcións tardías do Megalitismo Galego, predecesoras quizais das Cistas da Idade do Bronce. En definitiva, non está nada claro que o fin destas construcións fose funerario. As dúas semellan datar do 2500 ó 2000 a.C., e as súas laxes semellan mellor traballadas que a meirande parte dos dolmens do País. Sorprende ver as lisas chantas destas dúas xoias megalíticas; estáticas e pulidas. Se estas chantas non se ergueron con fins funerarios, quen sabe cal sería o principal motivo que impulsou a aquelas xentes a erixiren estes monumentos en pedra. Con este pensamento puxemos fin á nosa visita á Casota de Freáns. O ceo foi tornándose máis gris por momentos, e a ameaza de  chuvia semellaba inminente, polo que non tardamos en encamiñarnos de novo cara a aldea de Berdoias. Deixamos tras de nós esta pequena pero monumental mostra tardía do Megalitismo galego co firme desexo de volver a camiñar polos vieiros milenarios e procurar os máis antigos monumentos do noso País. Que a vella Casota de Freáns siga a resgardar das chuvieiras ós curiosos e pastores que se deixen caer por este vieiro milenario!

Ningún comentario: