martes, 17 de xaneiro de 2017

Os gravados do Outeiro do Filladuiro


“Ando polos carreiros do monte d'Alén,
nas ladeiras e nas beiras dos regueiros,
e entre os muros dos prados caídos,
subo no medio das laxes e outeiros
atallo polo monte de xestas e pinos,
onde cabei unha estivada de centeo
pra reencontrar o eco de meus asubíos.

Ando por entre as pedras de suavela e
nos carreiros feitos polos gandeiros,
piso nas pedras que eu sentei un día
axexando alá encima o coto de Bernalda,
vexo o Sol nacer, peseniño, nos outeiros,
alumeando o camiño dos meus pasos
pra encontrar as bágoas que eu chorei”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Este pasado outono apoderármonos dos ardentes raios do crepúsculo para sacar á luz as laxes escritas polos nosos máis remotos devanceiros. Ascendemos de novo os outeiros, “polos carreiros do monte d'Alén, nas ladeiras e nas beiras dos regueiros”, para achar outra laxe escrita carnotá, outra estación de arte rupestre dende a que somentes se albisque O Pindo e Fisterra, dende a que somentes se albisque a inmensidade do mar. Andabamos camiño do Outeiro do Filladuiro, outra estraña mensaxe milenaria gravada no alto dos montes do Concello de Carnota. Para dar con este extraordinario petróglifo, tivemos que ascender a mesma pista forestal que conduce cara o Castro de Mallou. Deixamos o castro á nosa dereita e continuamos a ascensión até chegar a un cruce de camiños dende o que se albisca unha impresionante panorámica do Monte Pindo e do areal de Carnota


Estabamos a pisar un museo arqueolóxico á intemperie, polo que sabiamos de antemán que non teriamos dificultade para dar co noso obxectivo. Naquel cruce de camiños atopariamos varios indicadores que nos sinalaban a pista que debiamos coller para chegar, tanto aos petróglifos do Outeiro do Filladuiro, como para dar cos de As Laxiñas e os de Portaventosa. Os petróglifos que agora nos ocupan, os do Outeiro do Filladuiro, localízanse na parte alta dun impoñente outeiro rochoso que semella emerxer da terra como un mítico xigante. Todo o que dende alí se albisca semella diminuto. Achariamos o primeiro petróglifo, case imperceptible pero sumamente interesante, sobre dunha rocha moi erosionada. De non ser pola incidente e momentánea horizontalidade dos raios do solpor, non teriamos chegado a visualizar as características e a dimensión deste particular cosmos de sucos cuadrangulares.


Estes particulares gravados, de cuadrangulares e redondeados vértices, semellan todos eles unidos por un suco perimétrico que os aperta e os envolve. Malia que para moitos, estes sucos semellan lembrar ós trazos dunha figura humana, a min somentes me transmitían a representación dunha planta dun conxunto de construcións arrodeadas por un valo ou unha muralla. Tal e como ben sinalou José Luís Galovart na súa bitácora “El Laberinto Atlántico”, este petróglifo carnotán presenta unhas claras similitudes co de Outeiro de Rego Lamoso, localizado nestes mesmos montes de Carnota.  A escasos metros deste primeiro petróglifo achariamos o segundo; unha pequena laxa granítica na que puidemos observar un conxunto de círculos concéntricos, trazos curtos e serpeantes, e numerosas coviñas de notable profundidade. 


A nosa presenza neste artístico e milenario outeiro carnotán foi tan efémera como o sol estimou oportuna. Cantas diferenzas gardan estas dúas laxas escritas a pesares de ficar unha tan preto da outra. Canta historia se concentra nestes pedregosos montes de Mallou…

Ningún comentario: