“a casa antiga e nobre deste amor, desta ardencia,
podrece pouco a pouco, despaciosas as trabes
senten os anunciados picores do abandono
e a comechume deixa revelación da febra
desprendida, seremos edificio en ruínas”
Miro Villar, Abecedario da desolación
Aquela mañá de outono, inmediatamente despois de termos coñecido o Castro de Santa María de Cervantes, o meu amigo Xoán e mais eu decidimos descender até o concello lugués de As Nogais para internármonos noutro recuncho histórico e lendario que se perde na sempre fría e silenciosa Comarca dos Ancares. Andabamos na procura dos restos dunha vella fortaleza que resiste a duras penas na parroquia de San Xoán de Torés, moi preto daquela impoñente torre que albiscaramos fai cousa dun par de anos ós pés da parroquia de Doncos e a carón do curso do Río Navia. Nada máis chegar a Torés, achariamos a Torre da Homenaxe e as ruínas da fortaleza medieval que andabamos a procurar de fronte mesmo á garrida igrexa parroquial, dominando unha lomba naquel intre adurmiñada baixo das xélidas sombras matutinas.
A Torre de Torés eríxese impoñente sobre dun manto de musgos, couselos e silveiras baixo do que agonizan os maltreitos muros da vella i esquecida fortaleza dos Bolaño Ribadeneyra, os propietarios orixinais desta “casa antiga e nobre”, deste ignorado i esquecido “edificio en ruínas”. Internámonos paseniño nas entrañas desta pequena pero fascinante fortaleza dos Ancares, erixida na segunda metade do século XIV, ca fin de procurar entre os seus muros a podrecida lembranza dos seus antigos moradores; vestixios de batallas finadas, indicios de tempos mellores. Mais deste fato de pedras, desta fortaleza devorada polas silveiras e polo devalar irremediable do tempo, somentes semellan emanar as lendas máis incertas. Segundo contan algunhas delas, poida que as máis hiperbólicas, a casa e o señorío de Torés gozou dun gran poder e vasalaxe, chegando a atesourar máis de 1300 cabalos.
Nembargantes, o que si semella certo, ou segundo semellan testemuñar numerosos autores, é que da estirpe dos Bolaño Ribadeneyra sairían insignes cabaleiros das Ordes de Santiago, Calatrava e San Xoán. Nunha das obras do historiador lugués Manuel Vázquez Seijas, cítanse tamén outros ilustres descendentes desta casa, na meirande parte comendadores do rei como Fray Fernán Díaz de Bolaño, Fray Diego de Ribadeneyra, Fray Pérez de Bolaño, Fray Juan Díaz de Bolaño, Fray Diego Pérez de Ribadeneyra, Fray Pedro Fernández de Ribadeneyra ou Juan Fernández de Bolaño; sendo este último un dos 13 cabaleiros que armaría o rei Afonso XI o día seguinte da súa coroación. Desta liñaxe dos Bolaño Ribadeneyra procede tamén o actual propietario da fortaleza de Torés, o Duque de Segorbe, da Casa de Medinaceli.
Da fortaleza de Torés somentes queda en pé a rexa e garrida Torre da Homenaxe, que presenta unha planta cuadrangular duns aproximados 10 metros de cada lado e uns muros de 1,5 metros de espesor. A altura desta impoñente e agónica torre, erixida coa escura e ferruxinosa pedra da bisbarra, é duns aproximados vinte metros. No alto, coroando esta torre de tres andares, amais do soto onde se localizan os alicerces que a manteñen en pé, resisten as últimas ameas e os graníticos desaugadoiros en forma de canón e planta octogonal. Esta Torre da Homenaxe de Torés presenta unha porta de acceso no lateral orientado cara o sur, así como xanelas de marcación granítica. As entrañas da torre somentes conservan cascallos e maleza, fentos, musgos e silencio. Nos arredores da mesma, e baixo das silveiras, albiscaríamos tamén boa parte da muralla defensiva, que atesouraba unha superficie de máis de 30 metros de longo por uns 15 de ancho, así como unha barbacá cunha pequena torre de planta semicircular no extremo noroeste e restos de muros pertencentes a outras dependencias.
Contan que esta fortaleza de Torés foi espoliada en numerosas ocasións por buscadores de tesouros que, froito da súa infinda cobiza, chegarían a cavar profundos foxos na praza de armas. Hai quen conta tamén que a fortaleza sería incendiada durante a invasión francesa. Mais o certo é que nos nosos días a ninguén semella importarlle xa esta vella e ruinosa fortaleza dos Ancares, este antigo fogar da longa estirpe dos Bolaño Ribadeneyra. Tanto os actuais donos, a Casa de Medinaceli, como as administracións públicas, non semellan moi dispostas a consolidar a estrutura nin a pór en valor esta fortaleza que agoniza dende hai décadas. Denantes de liscar de Torés, destoutra fortaleza en ruínas dos Ancares, como a Torre de Doncos ou a fortaleza de Doiras, decidimos deter os nosos pasos de fronte á impoñente igrexa parroquial.
O templo de San Xoán de Torés, que presenta un estilo renacentista i está formado por tres naves, atesoura no seu interior unha talla de San Xoán Bautista de 1,70 metros, obra do grande Francisco de Moure, así como interesantes pinturas murais e os fastosos panteóns dun cabaleiro e dunha dama da Casa dos Ribadeneyra. Fuximos de Torés lembrando con tristeza as tres humildes fortalezas que puidemos coñecer nesta serra; a de Doiras, a de Torés e a de Doncos. Todas elas gardan unha característica común; que fican arruinadas i esquecidas, e baixo dun manto de silvas “senten os anunciados picores do abandono”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario