venres, 6 de xaneiro de 2017

A máxica Ponte dos Remedios


“Mais bonitas parecian
Qu' un ramiño de asucenas,
Mais frescas qu' un-ha Ieituga
Mais sabrosiñas que fresas.
Xa que fosen de Rianxo,
Que fosen de Redondela,
De Camariñas ou Laxe,
De Laxe ou de Pontareas,
Todas eran tan bonitas,
Todas tan bonitas eran”
Rosalía de Castro, Cantares gallegos

Hai un tempo, namentres percorría as terras do sur da provincia de Pontevedra nunha curta pero intensa viaxe, decidín determe no florido i engalanado chan de Ponteareas, onde xa tivera o honor de coñecer recunchos tan máxicos como Troña ou como as pedras do Equilibrio e dos Namorados, para procurar desta volta a Ponte dos Remedios. Esta pétrea e histórica construción, -tamén coñecida como a Ponte de San Roque pola súa proximidade cunha capela en honor a este santo-, data de tempos medievais pero sería erixida sobre cimentos de orixe romana. Achegueime até o curso do Tea, que atravesa esta vila como unha vital arteria de sangue fértil e transparente, para achar na parroquia de San Miguel a ponte que dá nome a esta terra, o histórico e garrido símbolo de Ponteareas, un treito fundamental no importantísimo vieiro real que unía estas terras con Tui, Vigo, Ourense e os ermos e improdutivos páramos da Meseta. 


A Ponte dos Remedios, a protagonista da historia, dos ritos e das lendas que aínda se manteñen vivas nestas calorosas paraxes da Comarca do Condado, nestes verdescentes e cálidos eidos do Tea, presenta unha estrutura de catro arcos, -tres deles ovais-, polo que parece que a súa construción data de tempos medievais; moi posiblemente do século XV. Esta ponte sobre do Río Tea, este antano importantísimo treito do Camiño Real, foi o xermolo, a orixe mesma desta localidade pontevedresa, véndose representada no escudo e no mesmo nome desta vila de Ponteareas. Sentei de fronte a ponte, sobre das grosas areas que conforman as ribeiras, para ollar esta impoñente construción, este antergo vieiro sobre o río que hoxe somentes conduce ós gloriosos páramos da súa propia historia e cara os máis incertos, máxicos e lendarios destinos.


A Ponte dos Remedios atesoura unha antiga tradición ritual segundo a cal aquelas mulleres que non conseguen formar unha familia e teñen varios abortos seguidos, ó quedar de novo embarazadas han de ser levadas até a ponte á media noite. O primeiro home que intente cruzar a ponte será convidado a bautizar ó neno que aínda está no ventre da súa nai. Cun cordel sacará auga do río nun cacharro e posteriormente esta auga deberá vertela sobre o ventre da embarazada. Posteriormente, tódolos presentes reuniranse a xantar alí os alimentos que a muller encinta traerá consigo nun cesto. Ó rematar de xantar, as sobras da comida e da bebida, así como garfos, coitelos, culleres e pratos; deberán ser arroxados ó río. Unha vez que naza o meniño, este home terá o deber de apadriñalo. Lisquei de Ponteareas, desta máxica e lendaria ponte medieval de garridas raigames antergas, desexando que non morran os ritos e lendas que a historia foi sucando nos cimentos deste vieiro de pedra, en cada un dos piares desta ponte que se erixe sobre das calmas, limpas e fértiles augas do Tea.

Ningún comentario: