“No prado malvazul da mañá leda
frolecía a morte roxa e albeira;
Ay, que morreu a frol.
Foi pol-o albariño lanzal e ergueito
com'un dolmen, com'un branco penedo”.
Emilio Pita, Jacobusland
Na nosa última e fuxitiva viaxe á bravía Costa da Morte, fixemos parada a carón do mar da Laxe, onde percorremos a súa costa e coñecemos o seu refulxente faro. Alí tamén achamos unha fermosa escultura coñecida como “A Espera”, que homenaxeaba a todas aquelas mulleres que perderon ós seus homes no mar. Nembargantes, nesta viaxe non somentes coñecemos a fera costa deste concello coruñés. Denantes de respirar o salitroso ar deste mar bravío e inmenso, aproveitamos a viaxe para coñecer aquelas xoias megalíticas que descansan a carón de máxicos penedos, e se cabe, máis contra o interior do termo municipal. Unha solleira e fría tarde de inverno, os nosos pasos dirixíanse ata a cara menos coñecida do Concello de Laxe, mais non por elo menos fermosa. Encamiñámonos cara a parroquia de San Simón de Nande, moi preto do lugar do Aprazadoiro, onde puidemos contemplar a extraordinaria beleza das aldeas e terras que adormecen no interior deste costeiro concello.
Andabamos a procurar antigas cistas milenarias no alto dos penedos, e tralas frías tumbas esquecidas en terras pondalianas. Nestas terras temos atopado múltiples mostras, como os dolmens de Arca da Piosa, Dombate, ou os que fomos atopando no verdescente Val da Soneira; entre os cales destaca A Pedra da Lebre, Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Arca. Non resulta sinxelo atopar os mouros dolmens que noutrora foron o eixo entre a vida e a morte, nin a sombra húmida das súas antas. Mais a vontade fai que nos acheguemos ata eses recunchos solitarios i esquecidos, que tanta distinción e historia nos aportan como nación. Cando arribamos ó feiticeiro Aprazadoiro, un xentil veciño indicounos o camiño que debiamos seguir para chegar ata o dolmen da Fornela dos Mouros. O vieiro de herba e pedra que conduce ó alto do monte, é o único conduto para achar outra xoia megalítica da Costa da Morte. A poucos metros de nós descansan os máis antergos espíritos e as súas pétreas tumbas, mais aínda nos quedaba camiño por percorrer. Logo de atravesar un bo treito do monte baixo a sombra dun eucaliptal, o terreo mudouse nun claro que nos encamiñaba ata o máis alto. Dende o lonxe, ollamos a cima deste máxico outeiro, ateigado de pedras e silveiras. Moi preto do cumio, dende o cal se podía albiscar a amplitude das terras de d’arredor e os vellos dominios dos antergos, achamos unha pequena anta na ladeira do intricado outeiro que ficaba arrodeado de pedras soltas, toxeiras e breixos; embaixo mesmo do petouto.
Non dubidamos en achegarnos ata ela para comprobar se estabamos ante o noso obxectivo. E así foi, ficabamos ante outra vella xoia megalítica das terras pondalianas, outra vella anta milenaria que nos encomenda ós espíritos dos máis antergos. Acababamos de descubrir outro vello dolmen, mais desta volta, unha xeitosa "cista" que a carón do seu sacro cumio, domina dende o alto o extenso territorio. Moitos estudosos sosteñen que esta mostra megalítica de Fornela dos Mouros non é un dolmen, senón máis ben unha arca megalítica, tanto pola súa forma cadrada como polas súas reducidas dimensións. Algúns historiadores opinan que esta arca funeraria pode ser o principio do que serán as cistas de inhumación que aparecerán a partires da Idade do Bronce no noso País. O certo é que a súa morfoloxía semella moito máis coidada, e as súas laxas, máis estáticas e precisas que a de outros moitos dolmens galegos.
Polo que parece, a Fornela dos Mouros data de entre o 2500 e o 2000 antes de Cristo. Presenta unha planta rectangular conformada por tres laxas verticais, amais da propia cuberta; dunhas dimensións aproximadas de 2,70 metros. No que respecta á altura, acada pouco máis dun metro, e de ancho; dous metros e medio. Ollamos as súas particulares vistas e cada un dos seus perfiles. Moitos opinan que garda unha morfoloxía moi semellante á Casota de Freáns, no Concello de Vimianzo, e que visitaremos nos vindeiros meses. Deixamos tras de nós este sacro outeiro pedregoso e a vella Fornela, agardando que os mouros sigan a coidar as súas estáticas laxes por moitos milenios máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario