venres, 28 de agosto de 2015

O castro costeiro da Lanzada


“¿Non vistes no mato
a vez que un jovenco
perdeu súa nai
e dá muitos berros?

¿Ouvistes o ruído
que fai con os ventos
o mar da Lanzada
cando está enquieto?

¿Vos lembra do estrondo
que fai no inverno
o trebón con raios,
centellas, lostregos?”
Padre Sarmiento, Coloquio de 24 gallegos rústicos

Retornamos ás Rías Baixas para tratar de achar outro importantísimo asentamento castrexo, outro castro mariñeiro, -coma Neixón, Baroña ou Achadizo-, que se localiza no extremo dunha das praias máis grandes e senlleiras do noso país; a da Lanzada. Para darmos con estoutra pequena pero importantísima cidadela castrexa tivemos que dirixirnos até a parroquia de Noalla, pertencente ó concello pontevedrés de Sanxenxo. A carón deste pequeno castro xa tiveramos ocasión de visitar e coñecer, fai cousa duns anos atrás, a Capela da Nosa Señora da Lanzada e algunha que outra capeliña da beiramar como a da Toxa; ateigada de nácara e de brancas cunchas de vieira. Nada máis  chegar ó aparcadoiro da Capela da Lanzada, albiscaríamos á nosa esquerda o castro que procurabamos. O Castro da Lanzada aséntase sobre dunha pequena punta terrestre que penetra no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval coñecida como a Torre da Lanzada. I é que este recuncho da Lanzada foi unha superposición de diversos asentamentos cunha ocupación continuada duns 2000 anos. Dende o século VIII denantes de Cristo sucedéronse un castro, un emporio comercial, unha factoría de produtos mariños e unha necrópole romana, amais dunha fortaleza e unha capela medievais.  


Este Castro da Lanzada foi un poboado castrexo aberto ó mundo que data do século VIII denantes de Cristo e que contén unha necrópole que foi empregada até os séculos III a IV despois de Cristo. Eiquí achouse un importantísimo número e variedade de produtos importados. Isto fainos pensar que puido existir un emporio ou centro comercial dende finais da Idade do Ferro. Crese que dende o século V denantes de Cristo, comerciantes fenicios e púnicos fixeron deste recuncho da Lanzada un dos meirandes puntos de intercambio comercial do noroeste peninsular, en boa parte debido ó ouro e ó estaño, á salga e á súa estratéxica  localización. Durante as obras de construción da estrada que une Sanxenxo e O Grove, sairían á luz os restos da necrópole romana, nos que se puideron achar numerosas tumbas, caveiras e restos de corpos atados de mans e con signos evidentes de seren executados de xeito violento. Coa dominación romana, o Castro da Lanzada deixaría de ser un importante punto de intercambio marítimo, mais coa caída do Imperio recuperaría de novo as súas actividades comerciais, que seguirían en activo até o século VI. 


Durante a Idade Media, o castro pecharíase ó mundo ante a ameaza que comezaban a supoñer os piratas viquingos e sarracenos. Malia todo, este recuncho da Lanzada xogaría un papel importante no tocante ó control das incursións de tropas piratas na Ría de Arousa e á hora de impedir que estas se achegasen a Compostela. No século X erixiríase eiquí unha fortaleza que, xunto coa de San Sadurniño, a de Vilanova ou as Torres do Oeste, terían a misión de vixiar e avisar mediante fachos das posibles incursións piratas na ría. Se algo distingue a este castro costeiro da Lanzada é que foi a primeira factoría galega en transformar produtos do mar para a súa exportación, e crese que esta actividade debeu vivir o seu maior auxe entorno ó século II denantes de Cristo. No castro foron achadas pías que poderían servir para procesar o peixe ou mesmo para prepararen o “garum”, unha especie de sopa de peixe moi apreciada nos tempos de antano, amais dun concheiro. Os concheiros eran silos de pedra onde se depositaban as cunchas e os desperdicios dos produtos que transformaban os castrexos. Estes concheiros fannos unha idea do tipo de produtos que comían e procesaban. Estes concheiros adoitan acharse na meirande parte dos castros costeiros, como en Neixón. No cuncheiro do Castro da Lanzada acháronse pequenas concentracións de cunchas de lapas e ourizos.


A primeira referencia que existe da Lanzada data do século XVIII grazas a Frei Martín Sarmiento, que se interesaría neste recuncho namentres visitaba unhas sepulturas romanas que apareceran na zona, e que a plasmaría nun libro acompañado dun mapa.  El interpretaría estes restos como como a cidade de Lambríaca e os da torre como un antigo faro. Logo de que no 1949 saísen á luz sepulturas romanas namentres se levaban a cabo as obras da estrada, Filgueira Valverde, Branco Freijeiro e Sánchez Cantón escavarían por primeira vez no Campo da Lanzada no ano 1951, achando novas sepulturas e varias construcións circulares. Durante a década dos 60, as obras serían dirixidas polo propio Filgueira Valverde. Sería nos anos 70 cando Francisco Fariña Busto e García Alén se decaten do grandísimo interese arqueolóxico da Lanzada, sacando á luz máis información sobre da necrópole e verificando que a zona estivo habitada dende a Idade do Bronce até a Idade Media. No ano 1983 realizaríanse dúas escavacións de urxencia da man de Peña Santos, nas que documentaría dous soterramentos tardorromanos. No 2010 retomaríanse os traballos e o director sería o arqueólogo Rafael Mª Rodríguez Martínez en colaboración co Laboratorio de Patrimonio do CSIC. Logo de profundar un pouco na historia destoutro castro costeiro, liscamos desta punta aberta ó mundo enteiro, escoitando, como diría Sarmiento; “o ruído que fai con os ventos o mar da Lanzada cando está enquieto”.

2 comentarios:

Patricia dixo...

Grazas pola achega dunha información tan interesante do castro.
Unha aperta.

Iván Fraga dixo...

Grazas a vos, Patricia! Sen vos estas palabras serían ecos baleiros. Unha forte aperta!