"Eu son ti Tiesmín somos nosotros
Sherezade Martín Códax Tiesmín
Cíes San Simón Tiesmín
Eu son ti Tiesmín somos nosotros”
Francisco Castro, Nosoutros
Este pasado mes
de xullo, coincidindo co meu 30 aniversario, decidín afastarme da voraz e
agónica monotonía e coller rumbo cara un lugar mítico galego que, malia o seu
prestixio, a súa beleza e a súa sona, nunca na miña vida tivera o pracer de
visitar e coñecer. Estabamos preparados para pasar unha solleira e calorosa
xornada no paraíso das Cíes, a xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Acompañado polos meus bos e xenerosos amigos, Laura e Diego, e logo de tomar
uns apresurados cafés na contorna do Arenal, partiríamos do Porto de Vigo rumbo
ó arquipélago das Cíes a bordo dun moderno catamarán da Naviera Mar de Ons.
Chegariamos unha hora despois, tratando de albiscar a pétrea morfoloxía das
illas baixo dunha mesta saba de néboa; baixo da súa propia suor.
O primeiro que
atopariamos á nosa esquerda, nada máis arribar ó peirao de Cíes, sería o senlleiro
e belido Areal de Rodas, considerado polo prestixioso xornal “The Guardian” na
súa edición do 16 de febreiro do 2007; como “a mellor praia do mundo”. Iniciariamos
a nosa ruta dende o Areal de Rodas. A néboa aínda ficaba presente nos cumios da
illa, algo que contrastaba co sol e co abafante calor que semellaba estar a
rexistrarse a carón do areal. Botamos a andar na Illa de Monteagudo, onde se
localiza o peirao, un complexo hostaleiro e o punto de información turística,
amais dun extremo do xa citado Areal de Rodas. Inicialmente decidimos coller
rumbo cara os dous faros máis significativos deste arquipélago; o Faro da Porta
e o Faro de Cíes.
Os faros de Cíes
e da Porta localízanse na Illa do Medio, ou Illa do Faro, que fica unida á de
Monteagudo por unha escollera e polo brazo de fina area da Praia de Rodas, que
atesoura uns 1.200 metros de lonxitude. Decidimos ascender até o alto desta Illa
do Medio, desta illa fareira onde se erixen os fachos de luz que alertan aínda
ós mariñeiros da presenza deste arquipélago atlántico, para coñecer o Faro de
Cíes. Debo confesar que non nos resultou doado, cando menos a min; iamos un
chisco cargados de máis e a ascensión, serpeante, fíxosenos bastante dura. Por
outra banda, os diferentes microclimas presentes na illa e os importantes
cambios de temperatura, sumado ó cansazo e ó elevado número de visitantes que
atoparíamos de camiño, faría que nada máis chegar ó senlleiro Faro de Cíes, nos
tirásemos no chan profundamente derreados.
Dende este faro
das Cíes pretendiamos albiscar a Illa de San Martiño, tamén coñecida como a do
Sur, mais a tépeda néboa estivo presente ó longo dos máis de 170 metros de continua
ascensión ó Monte do Faro, impedíndonos gozar de boa parte da paisaxe que se
divisa dende este elevado outeiro do arquipélago. Nembargantes, a néboa
semellaría ir disipándose progresivamente. Namentres descansabamos a carón do edificio
deste faro das Cíes, o máis vello do arquipélago i erixido entrámbolos anos
1851 e 1853, ollamos a súa pequena pero feiticeira torre, granítica e de planta
circular, así como o enorme radar que atesoura e un bo número de placas solares
para abastecerse de enerxía nesta illa, neste arquipélago orfo xa de torreiros.
I é que dende que
este Faro de Cíes abriu as súas portas aló polo 1853, estaría habitado por
distintos torreiros e as súas respectivas familias até o 1952, ano no que sería
automatizado. A posición deste faro neste elevado cumio foi duramente
criticada, posto que nos días de néboa espesa, a luz do seu facho non se
divisaba dende o mar e non servía de referencia para as embarcacións. Ca fin de
mellorar a seguridade do tráfico marítimo, erixiríanse posteriormente novos e
pequenos faros no arquipélago. Liscamos deste Faro de Cíes, destoutro senlleiro
e antigo facho galego erixido nun dos recunchos máis elevados deste noso
meirande paraíso atlántico e galego, logo de detérmonos na paz que semellaba
concentrarse nun pequeno grupo de cincentos poliños de gaivotas, as verdadeiras
raíñas destas illas, e logo da impoñente panorámica dos cantís que puidemos
entrever baixo da néboa.
A formación
xeolóxica deste arquipélago das Cíes, ó igual que o resto das illas atlánticas,
data de finais do Terciario, tempo no que se producirían importantes asolagamentos
dalgunhas contornas costeiras galegas, propiciando que o mar penetrase formando
as nosas rías. Polo tanto, estas Illas Cíes, ó igual que o resto das nosas
illas atlánticas, son os elevados cumios das vellas serras costeiras galegas,
asolagadas noutrora polo mar. Descendemos o Monte do Faro e collemos camiño cara
outro facho das Cíes que desexabamos coñecer; o Faro da Porta. Mais na fin do
descenso, e para a nosa sorpresa, a néboa comezaría a despexarse e
albiscaríamos unha fermosa panorámica da Illa de San Martiño que non foramos
quén de ver durante o ascenso.
Ante nós tiñamos
a silueta da soberbia e impoñente Illa de San Martiño, a do Sur, a illa deste
arquipélago de Cíes que nos quedaba por albiscar. Sentamos fascinados ante
aquela fermosísima estampa, ante aquela illa tan preto como afastada de nós, a
máis salvaxe das Cíes; tal que unha besta abafadiza emerxendo do mar. Mais non
podiamos demorarnos por moito tempo naquela paraxe, xa que aínda nos quedaban
importantes recunchos por visitar nestas illas do Faro e de Monteagudo.
Seguimos a ruta do Faro da Porta e axiña chegariamos até estoutro pequeno pero
senlleiro facho do arquipélago. A ruta era considerablemente máis curta, chá e
levadeira, que a transcorremos para achegarnos até o Faro de Cíes.
Á fin estabamos
ás portas do Faro da Porta, ante o outro facho máis histórico do arquipélago.
Data do ano 1918 e foi erixido polo arquitecto vigués Ramiro Pascual ca fin de
sinalizar o corredoiro marítimo da Porta. O facho eríxese a uns aproximados 10
metros de altitude sobre do nivel do mar e a súa branca luz acada as 10 millas
náuticas. Ó igual que o Faro de Cíes, este da Porta tamén se abastece duns
paneis de enerxía solar. Sorprendeunos gratamente a morfoloxía que presenta
este pequeno e pétreo facho branquiazul, así como a súa feiticeira planta
circular. Logo de arrodealo e de gozar da fermosa panorámica que se albisca
tralas dúas costas, colleríamos rumbo á Illa de Monteagudo, a do Norte, para
procurar agora o recuncho máis vertixinoso e a panorámica máis impresionante
deste arquipélago; o miradoiro natural do Alto do Príncipe.
Mais para
achegármonos até estoutro cumio milenario do Alto do Príncipe, teriamos que
retomar boa parte do camiño que concorremos denantes para achegarnos até este par
de fachos históricos e insulares. A ruta de volta fíxosenos moito máis doada e
confortable; a meirande parte do percorrido era descendente. Atravesamos de
novo a escollera de pedras que, xunto coa Praia de Rodas conforma unha plácida
presa de augas salgadas, e une as illas de Monteagudo e o Faro, para
internarnos de cheo na primeira e ascender, sen pausa pero sen presa, até o
senlleiro miradoiro natural que andabamos a procurar.
A ascensión
fíxosenos máis doada do que pensabamos. Iso si, levabamos xa máis dunha ducia
de quilómetros camiñados e vímonos na obriga de realizar curtas paradas para
tomar folgos e poder continuar a pesares da fatiga e das altas temperaturas que
nos acompañarían dende o Areal de Rodas. Non tardariamos en chegar até un lugar
único, o Alto do Príncipe, a meirande panorámica deste arquipélago. Dende este
impresionante cumio do Terciario, dende este outeiro granítico insular
divísanse as tres illas que conforman este paraíso atlántico. Pódovos asegurar
sen medo ningún a trabucarme que este é un dos lugares máis impresionantes que
coñecín na miña vida.
Mais para a miña
desgraza non puiden determe neste cumio por moito tempo. Debiamos regresar
camiño do peirao, pois o noso barco estaba a unha hora escasa de partir cara
Vigo. Baixamos correndo todo o camiño denantes andado realmente impresionados
por este último recuncho procurado. Liscamos sorrindo e correndo, mais as nosas
mentes aínda ficaban alí, naquel miradoiro alucinante que se erixe sobre do voo
das gaivotas, naqueles afiados dentes graníticos alumados polas auroras, polos ocasos dos
príncipes e dos deuses.
4 comentarios:
Pareces no tener prisa al comentar. Cuánto detalle, cuánto detenimiento. Casi huele a mar.
Fotos geniales. Me alero.
Qué fermoso lugar. Ás veces con xente de máis,... pero xa se sabe que iso é o prezo da súa sona. Por certo! unhas fotos fermosas.
Moitísimas grazas, Emilio! Un pracer terche nesta fraga e compartir tamén contigo esta miña paixón chamada Galicia
Moitísimas grazas, amigo! Non fixen nada máis que disparar, éche cousa da maxia e da beleza do noso país.
Concordo contigo no da afluencia masiva de visitantes, é o prezo que temos que pagar pola sua sona e pola sua beleza. Oxalá, iso si, que este feito non poña nunca en perigo a seguridade e conservación dos seus ecosistemas.
O dito, moitas grazas polas túas verbas e aproveito para decirche que é un honor coñecer a outro blogueiro galego.
Esta fraga é túa, pásate sempre que queiras!
Publicar un comentario