“En Freixo hoxe a traizón pode chamarse
pérola, xoia, alfaia, patriotismo,
un milleiro cincocentas moedas,
canastro acugulado de semente,
alboio de ouro e vida”
Vítor Vaqueiro, Informe da gavilla
Logo de ter descuberto, - froito dunha chea de viaxes sen rumbo establecido, amparados somentes polos vieiros do destino-, algún que outro conxunto de hórreos e canastros en numerosas poboacións da provincia de ourensá, como os de Quins ou os de Barroso; decidín viaxar de novo cara as históricas terras do ouro para tratar de coñecer desta volta un dos conxuntos etnográficos máis senlleiros do chan galiciano, os canastros da Merca. Digo isto porque no vello Campo da Feira deste pequeno concello ourensán consérvase, nada máis e nada menos que un total de 34 canastros que conforman o meirande conxunto de hórreos do noso país e o segundo máis grande da vella Europa. Albiscaría aquela agrupación de avermellados canastros ó pouco de interneime, paseniño e sen perturbar a paz e harmonía que se respiraba no lugar, na parroquia de Santa María da Merca.
Ante min tiña aquela sobrada trintena de canastros de idénticas características e proporcións que semellaban ficar dispostos en ringleiras paralelas e orientados cara a mesma dirección, desafiando a notable pendente do terreo no que se localizan. Estas pequenas construcións de pedra e madeira ocupan un lugar predominante nesta parroquia ourensá. Son, sen dúbida, parte da esencia deste recuncho agrícola das Terras de Celanova e na actualidade seguen a ser tan necesarios coma nos máis escuros e miserentos tempos que vén de vivir este noso país. A meirande parte destes canastros responden a unha mesma tipoloxía que se compón de cámaras de madeira rectangulares con portas á fronte, pés e tornarratos de pedra e teitumes a dúas augas cubertas de tella do país, agás tres deles; que presentan unha estrutura mixta de pedra e madeira. Ó contrario que na meirande parte dos conxuntos galegos, carece de eira e semella que a localización e a orientación dos canastros estivo ben estudada denantes da súa construción.
A historia dos canastros da Merca, do meirande conxunto de hórreos do noso país, comeza a mediados do século XX, concretamente na década dos 70, tempo no que os veciños acordan co concello instalar os seus canastros nun Campo da Feira que ficaba sen actividade e que xa non cumpría a súa fin, en parte pola decadencia que foran sufrindo as feiras. Os veciños procuraron este céntrico e desnivelado lugar e dispuxeron os canastros na mesma dirección co obxectivo de procurar unha ventilación máis propicia para a conservación do cereal almacenado. A pesares de que este Campo da Feira é un espazo público e comunal, os canastros son privados e pertencen ós diferentes veciños do lugar, que son os que os conservan e os que os seguen a manter con vida. A práctica totalidade dos canastros serían recentemente rehabilitados agás un deles, do que tan somentes quedan os piares.
Este conxunto da Merca non é somentes a meirande concentración de hórreos da Galiza, senón tamén do Estado español e o segundo de Europa; somentes superado polos 62 canastros da localidade portuguesa de Lindoso. No noso país temos conxuntos similares, como o de Combarro, que conta cuns 30 hórreos, ou os canastros de Barroso, no Concello de Avión; que suman un total de 29. Tamén tiveramos a sorte de coñecer os 15 exemplares de Quins, no Concello de Melón. Logo coñecer estoutros canastros da Merca, os meus pasos diríxense agora cara outros dous conxuntos etnográficos ourensáns que, a pesares de non seren concentracións tan grandes como as anteriormente citadas, posúen unha historia e unha fermosura que os fai únicos e inigualables; os Hórreos de Cendós e os de Paredes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario