domingo, 3 de xaneiro de 2016

O mosteiro primixenio de San Pedro de Rocas


“Dend' a alta campana
Cay inda en anélos
A forte cadea
Con triste bambeo.
Cando á posta d'o sol, d'as montanas
Azóutana os ventos,
Unha serpe arromeda encantada
Que gard' as rüinas fungando e tecendo.         
Os pelos de punta
N'a mau c'un coitelo,
Co'a sangue lixado
D'os probes viaxeiros,
Tempos houbo en q' aquí buscar viña
Seguro y-achego
O ladron d'os camiños, q'os frades
Q' a Praga queimaban, en salvo puxeron.                
De monxe vestido
Com' éles o reo,
De réprobo á santo
Pasóu n'un dia mesmo;
E, d'a gorxa que ser debería
Tallada n'un cepo,
A pauliña saíu qu' escomulga
Ó insine Colombo y-ó gran Galileo”.
Manuel Curros Enríquez, Aires d’a miña terra

Este pasado Nadal quixen despedir o ano reencontrándome comigo mesmo, perdéndome unha vez máis polas intransitábeis corredoiras que conducen a pasados incertos, remotos; a universos esquecidos e maxinados que aínda latexan neste noso humilde e histórico país. Andaba na procura de voces corais acaladas polo tempo, de oracións murmuradas e taciturnas esfumadas coma incenso; recunchos máxicos, solitarios e menciñeiros dos que pouco se adoita falar. Naufraguei en fragas milenarias, en verxeis de fe i espranza, baixo sacros altares de pedra, baixo espadanas sen campás adurmiñadas por musgos verdescentes. Nesta miña última viaxe ó corazón da descoñecida e cada vez máis solitaria provincia ourensá, quixen procurar outro mosteiro da Ribeira Sacra, mais desta volta non sería un mosteiro máis; sería o mosteiro máis antigo do noso país e da Península Ibérica. Detívenme ante o pai dos mosteiros galegos, de fronte á igrexa rupestre de San Pedro de Rocas, logo de bicar o sacro chan deste lendario santuario de pedras. 


Este antigo Mosteiro de San Pedro de Rocas i esta súa igrexa, escavada das entrañas da fría pedra do monte Barbeirón, é o conxunto monacal máis vello da Galiza e da Península Ibérica, conservando boa parte da súa estrutura inicial; as covas rabuñadas na rocha que albergaron a capela e a cabeceira desta igrexa rupestre e medieval. Este impresionante conxunto de San Pedro de Rocas foi declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1923. Nos nosos días fica pechado ó culto pero acolle un interesante museo e un centro de interpretación sobre da vida monacal na Ribeira Sacra. Segundo semella testemuñar unha antiga lápida fundacional achada na igrexa deste pai dos mosteiros galegos, cinco eremitas de nomes Eufrasio, Eusanio, Quinedio, Eatio e Flavio, herdarían algún tipo de ben no ano 573 que propiciaría o seu asentamento neste recuncho da Ribeira Sacra que non está bañado de xeito directo polas augas do Sil, como si o están a meirande parte dos mosteiros veciños situados nestas fermosas terras. A susodita lápida atópase nos nosos días no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e nela pódese ler o seguinte: “HEREDITAS:N EVFRAXI:EVSANI: QVINEDI:EATI:FLAVI: RVVE:ERA.dªCXªI”. 


O conxunto monacal de San Pedro de Rocas está formado pola casa reitoral, que data do século XVII e que actualmente alberga a sede do centro de interpretación, a impresionante igrexa do século XII e un antigo cemiterio do século XIX. Na beira esquerda da rochosa igrexa eríxese tamén a súa singular e non menos sorprendente espadana campanil sobre dun petouto granítico baixo do cal se abre un acceso natural cara o cemiterio. Ó igual que a meirande parte dos mosteiros da Ribeira Sacra, este de San Pedro de Rocas tamén está vinculado ó comezo do cristianismo na Galiza, ás primeiras comunidades de eremitas que acharon refuxio nestas plácidas, fermosas e ricas terras galegas. Eiquí, ademais, semella evidenciarse de xeito notable ese paso da solitaria vida eremítica á comunitaria vida monacal. Crese que a fundación deste mosteiro está ligado á figura do evanxelizador Martín de Braga durante o curto reinado suevo. 


Segundo semella contar a súa historia, a comezos do século VIII o mosteiro sería abandonado polos monxes ante os ataques que sufriría por parte dos musulmáns. Contan que no século IX, o cabaleiro Xemodus redescubre este mosteiro entre a maleza namentres cazaba e decide establecerse nel, sendo nomeado abade polos seus compañeiros. Non se sabe con certeza se este feito se trata dunha lenda ou da realidade, mais o certo é que existe constancia da existencia de Xemodus, que figura no privilexio que Alfonso V concede ó mosteiro no ano 1007. Tempo despois, Afonso III, O Magno, implantaría a regra beneditina e dotaría ó cenobio de grandes doazóns que os seus sucesores, incluído Afonso V, darían continuidade e mesmo aumentarían. A partires do século XI, tres incendios irían danando e até propiciando a fuxida definitiva dos monxes. 

O primeiro, no século XI, destruiría boa parte do mosteiro, que sería reconstruído coa colaboración do Abade Aloito e a comunidade de Celanova. O segundo sería aló polo ano 1640, e destruiría por completo a estrutura do edificio monacal, sendo substituído novamente co aspecto que presenta na actualidade, pasando a ser casa reitoral coa fuxida dos monxes. Trala desamortización de Mendizábal, no ano 1836, o mosteiro convértese en parroquia, mais a comezos do século XX tería que pechar polos derrubamentos que se estaban a producir e por ser pasto das chamas por terceira vez na súa historia. Posteriormente sería cedido á “Cidade dos Muchachos de Bemposta”. San Pedro de Rocas estivo inicialmente vencellado ó Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, mais aló polo século XV pasaría a depender do Mosteiro de Celanova.

Interneime na igrexa do século XII, rabuñada da rocha, e achei tanto á miña esquerda como á miña dereita, uns cantos sepulcros e tumbas antropomorfas de distintas épocas. Segundo contan, no interior da igrexa adoitaban ser soterrados os abades e os nobres. Contan tamén que cada un dos abades debía cavar a súa propia tumba como acto de reflexión. A igrexa posúe tres naves, ou capelas, separadas por arcos soportados por columnas solapadas e chapiteis labrados na fría rocha granítica deste antigo, escuro e sacro coveiro. Na capela central consérvase o altar e un cristo románico, e a capela da dereita estaba dedicada a Santo Antonio Abad. Ó saír do santuario acharía, entre a casa reitoral e a igrexa, un total de oito tumbas antropomórficas cavadas na rocha do chan. Todas estaban orientadas cara o suroeste e o oeste, agás unha delas que fica orientada cara o sur e o norte. Todas posúen un rebaixe para o encaixe da lápida sepulcral e agora semellan espellos de auga onde somentes semellan finar as secas follas dos carballos. 


Detiven os meus pasos baixo do campanario, baixo da mole granítica que sustenta a espadana de dous ocos a uns 14 metros de altura. Este impresionante e singular campanario foi construído no século XV por Gonzalo de Penalva. Pasei baixo daquel arco rochoso onde se asenta o campanario e achei o antigo cemiterio, no que tan somentes queda un conxunto de seis nichos abertos. Neste espazo situábanse as dependencias do conxunto monacal medieval. A carón mesmo da entrada deste cemiterio comeza un sendeiro que conduce até a Fonte de San Bieito. Segundo contan os máis vellos, as súas augas sandaban as verrugas. Logo de ollar aquel campanario, de achar o meu rostro no espello daquelas tumbas e de bicar aquel sacro chan, abandonei este antiquísimo lugar de culto galego a compás do paso vagaroso dos abades, co silencio e a soidade dos eremitas, e maxinando o nacemento dunha primitiva comunidade monacal. 

Ningún comentario: