“Rumor de rezos para afogar o estrondo dos mortos,
o laído dos cadáveres que piden contas.
E qué fondo o seu ruxido, clamor de calcio,
incendio de dor, tenso eco de tumbas”
Carlos Negro, Cantos da perda
Poucos lugares quedan xa nesta nosa Galiza nos que reine tanto misterio como o que acharía fai cousa dun mes nas ribeiras do Río Mao, no concello ourensán de Parada de Sil, en plena Ribeira Sacra. Desta volta andaba na procura dun esquecido territorio de mortos, dun cemiterio medieval, dunha necrópole de tumbas labradas nos fríos e graníticos afloramentos do val do Río Mao denantes mesmo de que as súas augas desemboquen no impresionante leito do Sil. Os meus pasos dirixíanse vagarosos camiño da silenciosa i esquecida necrópole de San Vítor da Barxacova, cara unha senlleira paraxe milenaria ocupada entrámbolos séculos IX e XI, cara un conxunto arqueolóxico formado polos restos dunha capela desaparecida e unha gran cantidade de tumbas antropomorfas escavadas na rocha. Os cadaleitos que acharía nesta mística e funesta paraxe de San Vítor, que se localiza na parroquia de San Lourenzo da Barxacova, lembraríame inevitablemente a outros que coñecera fai xa uns cantos anos en Portomouro, no concello coruñés de Val do Dubra, e máis recentemente no mosteiro primixenio de San Pedro de Rocas, no concello ourensán de Esgos.
A mañá presentábase fresca e bretemosa, a humidade emerxía do leito do Mao rubindo polas ribeiras coma un bafo envolvente, conformando unha atmosfera lúgubre e tenebrosa que semellaba constituír o mellor dos marcos para coñecer un lugar tan misterioso coma este. Para dar con esta antiga necrópole de San Vítor tería primeiro que transitar por un intricado e vertixinoso vieiro labrado en pedra dende o que se divisaba unha inmellorable panorámica dos vales e ribeiras que Sil e Mao foron creando conxuntamente dende o xénese dos tempos. De súpeto e case que sen agardalo acharía ante min, nun pequeno espazo aberto e neboento arrodeado de estraños penedos, o impresionante afloramento granítico ateigado de cadaleitos rabuñados que andaba a procurar. Achegueime até aquelas pétreas tumbas baleiras, até aquela estación de almas esquecidas, até aquel pétreo e ancestral camposanto.
Esta necrópole, como dicía, antano atesouraba unha capela do século XII en honor a San Vítor erixida sobre dun penedo. Era un pequeno ente da encomenda de Quiroga, pertencente á orde de San Xoán de Xerusalén. Posteriormente, esta capela i este cemiterio pasarían a pertencer ó Mosteiro de Santa Cristina das Ribas do Sil até o século XIX. Non resulta doado establecer con certeza o momento exacto no que se deixou de empregar este recanto sacro, pétreo e mortuorio, este misterioso cemiterio medieval no que adoitaban ser soterrados os veciños finados de San Lourenzo de Barxacova, Forcas e Ivil, mais segundo contan os máis vellos da contorna, até o século XIX aínda se podían ver parte dos muros e paredes da capela. Nembargantes, sería a comezos do século XX cando esta desaparecería por sempre logo de que se construíuse unha base de cemento para soster unha torre de tensión eléctrica sobre do penedo onde se localizaba.
A meirande parte das tumbas semellaban ficar orientadas coas cabezas cara poñente, aliñadas no eixo leste e oeste, como presenciando o avance da luz solar dende o seu nacemento até a súa fin; ese ciclo diario de morte e renacemento. Nos seus ocos, agora bebedoiros de ánimas salvaxes, acumúlanse as augas das chuvias, os máis puros resíos e os máis monótonos orballos. Ó seu berce, acougo de finadas follas de carballo, acoden agora astutos raposos, lagartas das pedreiras e os máis rebuldeiros paxaros; almas das fragas e ribeiras que bican o seu rostro no maino espello das augas.
Nesta necrópole de San Vítor foron achadas algunhas das lousas que cubrían as tumbas e que na meirande parte das ocasións adoitan ser espoliadas. Tamén foron descubertas outras catro tumbas na franxa sur do penedo no que se localizaba a capela. Unha delas non estaba rabuñada dun afloramento granítico, senón que máis ben se trataba dun sartego construído con pedra de cadeirado.
Dentro deste sartego acharíase un anaco de tibia humana. As primeiras escavacións na necrópole darían comezo no ano 2010 e terían continuidade durante o 2011, i estarían dirixidas por Eduardo Breogán Nieto Muñiz. Durante os traballos levados a cabo na necrópole saíron á luz diversas pezas cerámicas de cociña así como distintas moedas. Nos nosos días xa foi retirada a estrutura de cimento que sustentaba unha torre de electricidade e que borrou por completo as ruínas da capela de San Vítor. Nos nosos días, este camposanto medieval e cristián que continúa en proxecto de estudo e que agarda novas escavacións, conforma un atractivo turístico máis para este fermosísimo concello ourensán de sona incuestionable e para unha Ribeira Sacra de sobra recoñecida a nivel internacional.
Resulta realmente máxico achar lugares que nos convidan a viaxar no tempo, a retroceder centurias até dar con sociedades tan ligadas a nós no espazo como afastadas de nós no tempo. Desta volta serían algo máis de mil anos os que nos separarían daquela sociedade medieval que achou neste recanto do Mao un inigualable espazo para iniciar o camiño cara o máis alá. Lisquei de San Vítor da Barxacova, daquel misterioso e neboento espazo que non deixaba de alimentar a miña imaxinación, aínda semella que escoitando un “rumor de rezos” e o afastado “laído dos cadáveres que piden contas”. Aínda semella que escoitando un “tenso eco de tumbas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario