xoves, 21 de xaneiro de 2016

O Pan de Carral e os Mártires da Liberdade


Dura memoria do camiño andado. 
A palmatoria cando marchaba a luz. 
Todas as nais na súplica.
Todas as nais varadas no horror. 
Toda a noite cavorco,
encofrado do medo, olmo de eclipse, 
seco taller de asfixia.

"Todos los ríos eran una sangre".

Quen peta á porta, mata.
Quen fala, ceiba a onda do perdido. 
Delata quen respira,
asina os papeis da esgazadura,
pon números anónimos nos mártires, 
pecha os ollos que seguen a mirar.

Quen alenta na felpa fusilada 
aínda escoita moi lonxe:
"Ora pro nobis, virgo clementísima. 
Ora pro nobis"
Manuel Álvarez Torneiro, Epicentro

Carral arrastra unha lenda negra, un loito recente, unha dor calada e inxusta que fica latexante no corazón e na memoria de moitos de nós. Non hai día nesta vila panadeira no que os seus veciños non lembren a inxustiza, a barbarie, a negra historia escrita con pólvora e sangue nas súas rúas, nas súas igrexas, nos muros e paredes de Carral. Non hai noite que non se escoiten, nesta nobre vila coruñesa, os pasos da desgraza, os laídos da carraxe, ousados berros de liberdade e resistencia acalados como puntos suspensivos. Non hai galego que se prece que non escoitase falar dos Mártires de Carral. 

Corría o funesto ano 1846 cando o xeneral e presidente Narváez instauraría un réxime ditatorial que provocaría importantes conflitos e desordes sociais no noso país. O 2 de abril dese mesmo ano nacería en Lugo un batallón progresista comandado polo coronel Miguel Solís e secundado polos estudantes de Compostela, no que tal vez fose o primeiro ton galeguista dunha rebelión contra a soberanía españolista, que disolvería a Deputación e o Consello Provincial. O día 15 dese mesmo mes constituiríase tamén a Xunta Superior do Reino de Galicia en Compostela, reclamando os dereitos e as liberdades abolidos, así como un trato máis xusto para Galiza. Así, baixo un berro de “Galegos: españois todos: Viva a raíña libre!, Viva a Constitución!, Fóra estranxeiros!, Abaixo o Ditador Narváez!, Abaixo o sistema tributario!” pronunciado polo coronel Solís, daría comezo a revolta. Mais non tardarían en chegar as tropas de Narváez á Galiza. O día 23 dese mesmo mes de abril daría comezo a batalla de Cacheiras en terras compostelás, onde as tropas do goberno central, moi superiores ás comandadas por Solís, sairían vitoriosas e mesmo chegarían a saquear os fogares de Compostela. O xeneral Miguel Solís refuxiaríase no mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, mais entregaríase poucas horas despois. Tanto el como outros 11 compañeiros serían levados á Coruña o día 26 dese convulso mes de abril para seren xulgados, mais nesta cidade os sublevados tiñan moitos apoios e as tropas do goberno sabíano ben, polo que optarían por tenderlles unha trampa. Faríanlles un falso xuízo de camiño, nesta pequena vila de Carral, onde serían tamén condenados a morte. A compás dun ensanguentado solpor primaveral, aquel funesto serán do día 26 de abril do ano 1846, doce caraveis perderían os seus pétalos, doce estrelas finarían no firmamento, doce paxariños deixarían de cantar; os ecos do espanto non tardarían en chegar. O coronel Solís sería fusilado no adro da igrexa de Paleo, mentres que os seus restantes compañeiros serían tristemente asasinados na Fraga do Rei. Todos eles serían soterrados en caixas sen nomes, sen datas, sen referencias. Todo canto queda de memoria e corazón, todo canto queda daquel heroico sangue derramado nas rúas de Carral, é este monumento; erixido por iniciativa da Liga Galega da Coruña no ano 1904 e deseñado polo arquitecto galego Juan Álvarez Mendoza. Esta pétrea construción lembra os nomes dunha ducia de almas acaladas coa morte; doce almas que naceron pra ser libres e que morreron por liberar. 


Mais se por algo se distingue esta localidade coruñesa de Carral, amais de pola lenda negra que leva sobre das costas dende o fatídico 1846, é por ser unha das máis históricas e senlleiras vilas panadeiras do noso país. O de Carral é, ó igual que o de Cea, o de Ousá ou o de Carballo, un dos máis recoñecidos pans da Galiza. Son máis dunha vintena as panaderías que seguen a facer pan de Carral e a conservar unha tradición herdada de pais a fillos; xeración tras xeración. Unha mestura de tradición, elaboración artesá, cariño e materia prima local é parte do segredo que agocha este pan, cada vez máis demandado e coñecido. O de Carral é un pan de trigo que se adoita presentar en moletes ou en bolos de moño e que se caracteriza pola súa esponxosa miola e a súa codia crocante. A súa elaboración é completamente artesá e realizase seguindo os pasos que marca a sabedoría popular. Distínguese pola calidade dos cereais empregados, que historicamente medraban nas nutridas terras do Val de Barcia, e polo amasado a man. Tamén resulta bastante importante que o trigo sexa moído con pedras finas e o fermento se obteña dunha masa de fornadas anteriores. Outro dos distintivos deste pan é a súa cocción, que historicamente era cociñado en fornos de leña. 

Déixovos agora co “Berro en lembranza dos herois de Carral”, as sentidas verbas que o gran Xosé María Álvarez Blázquez, - alentado polo que sería posteriormente outro dos grandes mártires da liberdade, Alexandre Bóveda -, recitaría no 26º aniversario dos fusilamentos de Carral:

“Irmáns:

                    Eu vos invito pra a loita. De hoxe en diante prométovos deixar no oco de un albre o meu bagaxe inútei de poeta e ire con vosco a onde vos queirades. E non hemos loitar coma o coello que fuxe da raposa, non; eu sei ben que se o coello fincara os dentes nos fuciños do seu nemigo, tiña xá moito camiño andado pra gañar. Nos temos de dal-o peito, e se en derradeiro termo a raposa nos pilla, morramos co-a ideia de que cando nos xanta é car (sic) hemos tere bo celme.

                    Deitemos a pedra da nosa indiñazón na mansedume eistúpida dos illós e acendamos fachas nos osos dos bos de Carral. Eu sei de certo que os seus espritos andarán con nosco, latexarán a nosa veira e daránnos o bafo lene e balsamado do seu inmorredoiro amor a Galiza.

                    Eu ben sei que o esprito dos mártires de Carral está con nosco. Por iso non vos prego o minuto de silenzo que pol-os mortos se prega. Eu prégovos coma aos vivos, pois iles vivos están en vos, que vos poñades en pé.

                    Homes de Carral: ergueivos!”


Ningún comentario: