sábado, 23 de xaneiro de 2016

Ponte da Cruz, vieiro sobre do Río Avia


“Esta ponte é un San Cristobo, 
un xigante compasivo 
que agarda a que outra vez veña 
pol-o mundo, o Deus-meniño. 
Ten no día esta paisaxe, 
un símbolo cristaiño. 
Pra camiñar pol-o mundo 
abrázanse, ponte e río...”
Luís Amado Carballo, Proel

Desta volta non sería en van a fascinante viaxe que nos levaría até as terras do Ribeiro trala pista doutro recanto histórico e senlleiro do noso país. Tampouco serían os caprichosos ventos do destino os que turrasen por nós nin as súas máis inesperadas manifestacións e casualidades. Desta volta quixemos ser nós os que tomásemos o temón i escollésemos un rumbo definido, unha pétrea ponte que dende a longa noite dos tempos agoniza sobre do leito do Avia. Os nosos pasos procuraban instintivos a fermosa e monumental parroquia de San Salvador de Pazos de Arenteiro, pertencente ó concello ourensán de Boborás, e máis concretamente unha das súas máis históricas e atractivas construcións; a Ponte da Cruz. Esta ponte de orixe medieval, da que pouco queda amais do seu perfilado arco de medio punto, foi erixida a base de cadeirado granítico e localízase na confluencia dos ríos Avia e Arenteiro, na entrada mesma da histórica parroquia de Pazos de Arenteiro; fundada pola Orde de Malta e ateigada de pazos, como o seu propio nome indica. 


Hoxe somentes resisten as ruínas dunha gran ponte que na súa orixe atesouraba catro arcadas completas, moi posiblemente destruídas nas loitas mantidas entre os veciños e as tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia a comezos do século XIX. Nos nosos días aínda se conservan as bases destas catro arcadas, que dende a última intervención realizada, sosteñen a estrutura e o pavimento de madeira que agora facilita o acceso á ponte. Mais a pesares das batallas e da ruína, a actual Ponte da Cruz aínda garda unha garrida e impoñente silueta que nos lembra os seus mellores tempos. Nembargantes, a altitude e a monumentalidade que nos nosos días presenta esta gran arcada débese en gran medida ó apresamento do Avia no Encoro de Alvarellos, que dende a súa construción baleirou notablemente o curso deste senlleiro río ourensán que nace por antr’as faldras da Serra do Suído. Resulta realmente vertixinoso subir ó alto desta antiga e desafiante estrutura. A calzada preséntase carente dun pavimento homoxéneo e perigosamente transitable, coas rochas diferentes tamaños espidas e tramos nos que se fai imprescindible apoiarse das extremidades superiores para non esvarar nin perder o equilibrio.  Contan os máis vellos desta suntuosa parroquia que o nome de Ponte da Cruz que recibe este monumental vieiro sobre do Avia débese a unha cruz que antigamente ficaba pendurada do alto desta impresionante arcada. Abandonamos Pazos de Arenteiro como o preguizoso curso do Avia, tranquilos e serenos, seguindo o noso vieiro e deixándonos levar pola inercia do camiño. Atrás queda “un xigante compasivo”, un espiñazo de pedra, un impoñente e histórico vieiro sobre do Avia que fica en pé desafiando novas batallas, que testemuña o trunfo da resistencia; que se resiste a desaparecer. 

Ningún comentario: