luns, 8 de decembro de 2014

Sobre da Ponte da Cigarrosa


“Don Ramón benquerido: Eu te saúdo
en nome do meu val ledo e vizoso,
da terra de Valdeorras benamada
celmosa de godello e de caíño,
do brincadeiro Sil, do enfesto monte
e da bocarribeira corgomesa
cinguida de barreiras e de soutos.
Do meu vale, de combas e relanzos,
espellado de louxas e de xeixos,
rañado de amieiros e caborcos,
garnido de mimosas e milleiras,
barroco de cepeiras e castiros,
recendente de ourego e cabrinfollo,
tinguido de cireixas e de amoras,
polos cachois roscido e as pincheiras,
arrolado dos carros, que se afastan
antre a poeira da silvosa corga”
Florencio Delgado Gurriarán, “Saúdo a Otero Pedrayo”, Cantarenas

Un día despois de ter o pracer de visitar o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello ourensán de Rubiá, e denantes mesmo de dar por rematada a miña curta estadía na Comarca de Valdeorras, acharía un fermoso lugar non planificado que centraría toda a miña atención. Tratábase da Ponte da Cigarrosa que, sobre do leito do Río Sil, une dende a longa noite dos séculos as localidades de A Rúa e Petín. Detívenme a carón da ponte no extremo da Parroquia de Santiago de Petín e comecei a achegarme a ela paseniño. Resultoume verdadeiramente sorprendente a lonxitude que semella acadar a ponte e a historia que semella desprender de cada peza granítica que a mantén en pé. A Ponte da Cigarrosa formaba parte do trazado dunha antiga vía romana, coñecida como Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino, que unía Bracara con Astúrica e pénsase que puido ser erixida durante o reinado de Tito e Domiciano.


As orixes desta ponte remóntanse á época romana, mais sería posteriormente derrubada e reconstruída durante o XVI. A Ponte da Cigarrosa sufriría novas reformas tan somentes un século despois. Pouco queda, polo tanto, da súa estrutura inicial. Da orixe romana somentes se conservan as partes inferiores dalgúns dos piares, e que somentes poden ser avistados cando descende o nivel das augas do Encoro de San Martiño. A ponte consta de cinco arcos separados por catro piares con tallamares triangulares augas arriba e dous augas abaixo. Catro dos cinco arcos son apuntados, a excepción do segundo, que é de medio punto e posúe máis luz. Este segundo arco, o máis amplo, localízase na canle central do río.  O quinto arco, recuberto de formigón, é o que peor se conserva e o máis reformado de todos. Sorprende ver a contraposición de tamaños entre o segundo arco e o terceiro. Este último posúe moi pouca luz, en xeral, con respecto a tódolos demais. 


Atravesei en reiteradas ocasións o curso do Río Sil sobre desta histórica Ponte da Cigarrosa, dende a Rúa até Petín. As imperturbables augas do leito do río semellaban un amplo espello das ribeiras da contorna. Ollei por derradeira vez os impresionantes piares que unen estas dúas localidades, estas dúas ladeiras ourensás conformadas polo Sil. Despedinme desta ponte e destas fascinantes terras de Valdeorras coa ollada posta no curso do Sil, o verdadeiro creador destas paraxes, o meirande tesouro destas terras, o eixo sobre do que xira a vida e a riqueza desta comarca e de boa parte da nosa terra. 

Ningún comentario: