luns, 9 de maio de 2011

A carón do Pazo de Lourizán


"Un ar que vén do Pazo
levanta as flores mortas nunha espiral
de bruídos
como un choro coral
ou riso unánime de salón"

Lois Diéguez, Sete poemas e un maio

Un sinte curiosidade ó adentrarse nos dominios do Pazo de Lourizán e ver o seu maxestoso xardín botánico ou a innumerábel cantidade de especies arbóreas procedentes de distintos países do mundo. Non menos impactante é a fachada principal do Pazo, obra do arquitecto Xenaro de la Fuente Domínguez. Esta fermoso lugar fica en Erbalonga, na estrada que conduce a Marín dende Pontevedra. Trátase dunha finca de máis de 50 hectáreas que nos dá a benvida cunha ringleira de camelias e fermosas fontes e innumerábeis xardíns. O edificio semella estar habitado por espíritos, presidido por un reloxo parado e numerosas fiestras valeiras. Profundemos na súa historia: O Lourizán do século XV era unha granxa da que aínda conserva o Pombal, un hórreo e unha eira envexábel. Mais a granxa, co paso do tempo, foise convertendo en residencia de descanso e lecer do político e avogado Euxenio Montero Ríos, e xa nos anos corenta do século pasado, foi dar a mans da Deputación de Pontevedra. Cabe destacar as numerosas especies autóctonas e foráneas coma bidueiros, carballos, castiñeiros ou magnolias, herba xapónica, fentos xigantes…, e entre os seus xardíns sorpréndenos coa Gruta dos espellos; unha cova cunha singular fonte que sae da boca dun peixe e que está rodeada de espellos. Actualmente, nesta paraxe afíncase o Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán. Boa sorte a este pequeno paraíso pontevedrés.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

moito boito(portuñol) from Spain , very nice and interesting blog. visítam si queres , o meu blog fala sobres as linguas sigue mi blog si queres :latorredebabelmtn.blogspot.com

navegacruz dixo...

Ola Mouro!
Pregúntome qué che pasou dende maio que non vexo entradas novas no teu blogue. Xa te estou a botar de menos. Seguro que cando voltes será con algunha desas fotos espectaculares. Preciosa a da escalinata do pazo.
Apertas