sán mar afora as lanchas, como prumas,
ó puxante compás dos longos remos.
Na leira seca e polvorenta, arando,
o destripa terróns fálalle ó gando:
"¡Ei, marelo! ¡Ei, vermello! ¡Bois ou demos!"
Ramón Cabanillas, No desterro
Nos múltiples vieiros e recodos desta fraga, ás veces achamos pequenos lugares esquecidos que nos sorprenden e fascinan. Na inmensidade do chan galego hai lugar para todo tipo de paraxes únicas, que reflicten a múltiple variedade de culturas e natureza que caracteriza á nosa terra. Desta volta, achegámonos ó Cantábrico para ollar de preto un deses recunchos máxicos e inesquecibles.
A enseada de Portocelo |
O fero mar do norte galego agocha un pequeno remanso de paz e tranquilidade na pequena enseada de Portocelo, no Concello lucense de Xove, e moi preto do Vento amigo da Roncadoira. Trátase dunha pequena aldea, de pouco máis de corenta veciños, que segue a manter acendida a tradición propia deste lugar que mestura terra e mar, labregos e mariñeiros.
Dende antano, estes poucos veciños que ollan ó mar con valentía, pero sen deixaren de manter os pes na terra, complementaban as labouras da terra coa colleita dos froitos do mar. No seu pequeno porto, descansan as xeitosas e lixeiras embarcacións de madeira, de quilla chá e popa cadrada, todas elas pintadas de vivas e chamativas cores. As redes e apeiros do mar repousan sobre o solitario varadoiro, namentres as gaivotas agoiran treboada. As pequenas embarcacións, pouco máis dunha vintena, adícanse á pesca tradicional e ó marisqueo: o percebe e o ourizo son produtos moi apreciados e abundantes nestas costas cantábricas. O peirao estrangula a boca da enseada, evitando a entrada das bravías ondadas do Mar Cantábrico, o do norte galaico.
Portocelo dende sempre estivo ligado, tamén, ás actividades agrogandeiras. Nas súas amplas e ben cercadas leiras de cultivo, medran millo, patacas, grelos, e outros moitos produtos da terra. As vacas pacen a carón do mar, nos verdes prados que se estenden ata a mesma beira dos rochosos cantís. As antigas casas tradicionais da aldea teñen a particularidade de mesturar o fogar lucense cos acabados propios da arquitectura da Mariña Occidental. A súa estrutura é maciza e cadrada, con teitos de catro augas cubertas de fina e negra lousa. Nembargantes, os muros fican baixo a cobertura de pintura e cos rebordos de fiestras e portas que amosan a pedra núa. No alto dos teitos albíscanse as pedras que conforman as ameas típicas da arquitectura da antiga Britonia.
A estreita boca da enseada de Portocelo |
Este pequeno recuncho da Mariña recibe o seu nome en honor á súa condición de porto recollido, pois din que deriva do latín Portus Celo, é dicir, "porto oculto". Trátase dunha minúscula enseada que acolle no seu interior, dúas praias independentes, as de Canelas e Portocelo, que na baixamar quedan unidas. Cando isto acontece, o branco areal acada a súa máxima extensión, duns douscentos cincuenta metros de lonxitude. O rico mar de Portocelo é un auténtico fogar de vida para todo tipo de moluscos e crustáceos. Sobre a area, cando a marea está baixa, os mazaricos peteiran a area na procura dalgún que outro manxar desta enseada. Namentres, as aves de paso fan un alto no camiño de volta e descansan entre os muros das ruínas da antiga igrexa de San Tirso. Somentes elas nos falan da vida e soidade deste paradiso onde se mesturan mar e terra, portos e praias.
Que non afundan nunca as lixeiras e coloridas gamelas de Portocelo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario