"Aquí
os ocres ou as neves recolleron
encárregos fluviais
e o latexo senlleiro e silandeiro
de retrincos de vida
dos seres mais ubicuos e sinxelos.
Aquí fora posíbel
que nunha donda tona da invernía
aconteceran por baixo das olladas
estrañas reaccións de condensaxe
e procesos dinámicos
na calmaría aparente
da inmutabilidade.
Aquí a complexidade
enleada entre cores e filtros requintados,
coiteladas de luz
que entran ao subaixo, ás apalpadas,
en canto se percebe un borboriño
como un lene arrecendo de morangos".
Vítor Vaqueiro, A Cámara da névoa
As neves non dan chegado a Manzaneda, e o pico de Cabeza Grande, a máis de mil setecentos metros de altitude, fica espido ó sol do inverno ourensán. Isto lémbrame a aquela viaxe que fixeramos o pasado mes de decembro ó corazón das esgrevias ladeiras que atano atravesaba a Via Nova. Por aquel entón, algunha que outra folerpa aínda semellaba cubrir os xa secos pastos de alta montaña. A neve é máis importante e agardada en Manzaneda que en calquera outro punto de Galicia; non en van, esta gran montaña do Macizo Central ourensán é un dos nomes máis míticos entre os apaixonados ós deportes de alta montaña. Alí fica, de feito, a única estación de esquí do país galego.
A dura paisaxe de montaña de Manzaneda |
Os primeiros esquiadores galegos comezaron a practicar este arriscado deporte nas montañas da Serra do Eixe, en Valdeorras, aló polos anos trinta. Nembargantes, a lonxanía do lugar e as dificultades nos accesos obrigaron a estes pioneiros, principalmente vigueses e ourensáns, a poñer os ollos no Macizo Central Galaico. Non tardaron en atopar un recanto idóneo no corazón da comarca de Trives: a vertente norte da Serra de Queixa contaba cuns niveis de neve axeitados, ademais dunha contorna de gran beleza paisaxística e natural. A montaña máis idónea era a que culminaba a parte norte deste macizo, e que se erguía maxestosa sobre as elevadas chairas de Trives: Cabeza Grande de Manzaneda. Xa nos anos cincuenta, algúns afeccionados ó esquí, subían ata o alto a pé dende a veciña vila de Trives. Estes intrépidos pioneiros descansaban nas pensións de Trives, e logo de almorzar a tenra e esponxosa Bica, ascendían polos vellos camiños que conducían a Cabeza Grande. Foron eles, forasteiros descoñecidos que chegaban dende as afastadas cidades, os que descubriron recunchos marabillosos no alto destas montañas solitarias. Lugares coma o Val dos Faraóns ou o Penedo do Lobo, esgrevias paraxes de inmensos penedos dende onde os lobos ouveaban nas noites de lúa chea. A Lagoa Grande de Manzaneda, unha fermosa paraxe de montaña entre os cumios, constitúe un necesario bebedoiro para os corzos e cabras montesas que presiden as escarpadas ladeiras de Manzaneda.
Regatos en Manzaneda |
Na parte máis elevada da serra, os primeiros montañeiros atoparon tamén as xigantescas pegadas dos desaparecidos glaciares que, fai máis de trece mil anos, esculpiron a esgrevia orografía da dura e vella montaña. En As Lamas pode verse un dos sistemas glaciares mellor conservados de Galicia. Nos anos sesenta, e con motivo da instalación dunhas antenas no alto de Cabeza de Manzaneda, construíronse as primeiras pistas de esquí. No ano sesenta e cinco, o clube de montaña ourensán Pena Trevinca, comezou a barallar a posibilidade de construír unha estación. Catro anos máis tarde, érguese o primeiro refuxio de montaña e, no ano setenta e un, asfáltase o acceso e dá comezo unha auténtica avalancha de visitantes. Os vellos autocares dos sesenta, subían ata Manzaneda a duras penas e ateigados de visitantes que viñan a practicar o esquí. A medida que foi medrando a sona de Manzaneda, a afección polo esquí foi estendéndose polo chan galego. Finalmente, en 1972 fíxose realidade o soño dos vellos esquiadores, e comezouse a construír o gran complexo turístico e hostaleiro que a día de hoxe moitos coñecemos. Naquela viaxe á alta montaña ourensá, descubrimos numerosos vieiros que penetraban nas entrañas do bosque que circunda a estación, e que se estende ó longo dunhas dúas mil hectáreas por riba dos mil cincocentos metros de altitude. A senda, que serpenteaba por antre os abetos, descubriunos unha fermosa fraga repleta de carballos, castiñeiros e acivros, ademais das distintas especies de coníferas, entre as que destaca o propio abeto. Os liques esténdense nos madeiros e troncos caídos, nas pólas das centenarias árbores, namentres no chan, as arandeiras e os breixos, tinguen de diferentes cores o leito do bosque. Múltiples e pequenos regatos, que descenden das altas cumes regan e fertilizan o chan, calmando a sede de todo tipo de animais.
Na lama do camiño albiscamos as pegadas dos invisibles e silenciosos animais da montaña. De súpeto, o ruído dos nosos pasos rachou a paz do bosque, e alertou da nosa presenza a un par de corzos que pacían a carón das arandeiras. A súa fuxida, ansiosa e libre, revelounos que unha multitude de mamíferos habita aínda nesta dura e solitaria montaña. O esquío segue a rebulir por antre as pólas dos abetos tralos cobizados piñóns; o corzo e o ourizo cacho comparten chan coa xineta e co raposo: o xabarín e o porco teixo, nembargantes, acubíllanse durante o día, ó igual que os maxestosos lobos que, dende o alto dos penedos, merodean e vixían os lindes dos seus territorios. Aínda hoxe, de cando en vez, o desafiante ouveo do rei da montaña nas noites de luar, resoa dende o alto de Cabeza Grande, impoñendo o seu dominio sobre as ladeiras desta fera e dura montaña. Na nosa despedida, levamos na lembranza a acollida dos rudos e poderosos mastíns da montaña que custodian a estación de Manzaneda. Son os fieis e experimentados vixías, que guían con nobreza e sabedoría a calquera visitante que se perda por antr’estes bosques. Reciben ós turistas, e coidan de que non se perdan, e dirixen os seus pasos. Estes fortes e intelixentes animais, que levan vivindo en Manzaneda dende fai xeracións, non pasan desapercibidos para ningún montañeiro que se achegue á Estación de Manzaneda. A falta de neve non lle quita fermosura a este paraxe mítico. O soño dos vellos esquiadores, segue a facer de Cabeza de Manzaneda unha das montañas máis coñecidas, e sen dúbida a máis visitada, do chan galego. Que volten por fin as neves a reflectir o sol no alto do impoñente cumio de Cabeza Grande de Manzaneda!
Ningún comentario:
Publicar un comentario