domingo, 6 de novembro de 2016

A Anta do Meixoeiro


“Chámame a terra,
osario dos devanceiros,
leite e pan, distantes nais
de úteros fecundos.
Sucesión de menceres
alongados sobre o mar. 

Invoca o meu sangue
como un río de maturidade.
Chámame a terra.
Escoito a súa fonda voz.
Vou a seu encontro”
Xulio López Valcárcel, Cincuenta poemas

Procurei o devalar do tempo, o testemuño das pedras, os outeiros milenarios onde somentes semellan eternas as mámoas e os solpores. Procurei por San Cosme, nos cumios do Meixoeiro, os ecos distantes e murmuradores dos máis esquecidos devanceiros; o derradeiro coveiro dos primixenios i errantes moradores. Neste impoñente balcón ó Atlántico, onde adormecen as Cíes, permanecen intactas as tumbas doutros días. As chantas da desgraza, o “osario dos devanceiros”, as bágoas amargas da derradeira despedida, remanecen aínda coas auroras fuxidías, co estoupido de luces e sombras da outonía, coas cálidas cores que arden no horizonte; coa “sucesión de menceres alongados sobre o mar”. Procurei en Mos a senlleira Anta do Meixoeiro, a tamén coñecida mámoa de San Cosme ou das Minas, un dos meirandes achados megalíticos da Comarca de Vigo. Achei a Anta do Meixoeiro a rentes mesmo da cidade olívica, no aparcadoiro da Cidade Deportiva do Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo; nun dos cumios máis altos da meirande urbe da Galiza. 


Nos arredores deste dolmen fican esparexidos numerosos esteos que formarían parte dunha necrópole que sería derrubada cando se construíron as actuais dependencias, aparcadoiros e pistas deportivas que conforman este recinto. A Anta do Meixoeiro é o único dolmen daquela necrópole que aínda se conserva “intacto”, pese a ser, iso si, desprazado da súa localización orixinal por mor da construción desta Cidade Deportiva. Presenta unha cámara poligonal que conserva sete laxas, e un corredor curto orientado cara o leste conformado por cinco chantas graníticas. Sobre deles descansa unha enorme laxa de cubrición duns tres metros de lonxitude por dous de ancho e un grosor máximo de un metro. A cámara atesoura uns escasos dous metros de diámetro e unha altura máxima de 1,7 metros. Malia presentar un moi bo estado de conservación, resulta un tanto estraño contemplar un dolmen nos xardíns dun aparcadoiro privado; pode que sexa o caro prezo a pagar polo avance e o crecemento da cidade.


Estoutro fermoso pero en boa medida castigado monumento megalítico, que formaba parte dunha necrópole composta por unha ducia de mámoas noutrora esparexidas polas Peixeiras, pola Cela e por San Cosme, semella agora preso i esquecido nos xardíns do aparcadoiro deste complexo deportivo; semella hoxe un mártir silencioso do progreso.

Ningún comentario: