“gárgolas de luz
a se tornar estrelas carbónicas
chíos de inmensa dor alimentada por sí mesma”
Emma Pedreira, Corpo
Das cornixas do gris e bretemoso ceo da cidade sacra das sombras seculares, penduran as máis estrañas criaturas, os canos de fría pedra que vomitan cada inverno dende as alturas as augas que reven das teitumes dos templos máis solemnes da cidade. Son as gárgolas que asoman os seus graníticos corpos nos vértices das igrexas, sobre das calellas que se perden entre os meirandes mosteiros e conventos de clausura, son as máis estrañas e desafiantes criaturas que semellan facer mofa de nós, cuspirnos o seu desprezo con acenos de sarcasmo e de burla, coa súa presenza obscena e impía, co seu ollar iracundo e pecador. Son as gárgolas de Compostela, un cento de graníticas gorxas e témeras fauces, un cento de criaturas feras e salvaxes, un cento de seres maxinados polos máis habelenciosos e soñadores canteiros de antano, polos verdadeiros creadores deste universo pequeno pero monumental.
Estas silenciosas criaturas habitan as cornixas do Hostal dos Reis Católicos, as de San Martiño Pinario, as San Paio de Antealtares e as do Convento das Madres Mercedarias. Outras podemos atopalas na Casa da Parra, no Pazo de Fonseca i en rúas tan históricas como a do Vilar ou a do Preguntoiro. Este importantísimo legado de pétreos e artísticos desaugadoiros, presentes somentes nas máis históricas e monumentais cidades do vello continente, abrangue distintas épocas i estilos, distintas xeracións e mestrías de habilidosos i esquecidos canteiros. Son moitas e diversas as criaturas que seguen a gargarexar polas súas fauces de pedra as bágoas do tristeiro ceo compostelán, dende porcos, bacoriños, xabarís, cans, carneiros, monos, linces, leóns, peixes, curuxas, áspides e aguias con facianas humanas até diaños e seres mitolóxicos como sereas, dragóns, manticoras, pegasos ou basiliscos.
Ás veces adoitan presentarse tamén figuras humanas; dende facianas de mouros e peregrinos até algunhas outras cun alto contido grotesco e luxurioso, como aquel “home impúdico” que amosa as súas nádegas abertas dende alto dos aleiros do vello hospital. Non lembro cando, mais soñei transitar as barrocas e platerescas cornixas de Compostela, baixo dun tépedo manto de estrelas e coa única compaña das “gárgolas de luz”…
Ningún comentario:
Publicar un comentario